"A música de Manuel Feijoo funciona como unha banda sonora para as nosas letras"

"Manuel Feijoo foi capaz de xuntar todas as influencias populares coas que conviviu con aquelas ás que tivo acceso durante a súa formación para facer unha música que xorde do pobo e que vai destinada sobre todo ao pobo". Carlos Núñez Deza, responsable de Armonía Universal, resume así a esencia da obra do padre franciscano, preservada xa para sempre a través deste selo editorial. O terceiro e último volume que compila o legado do compositor ourensán, Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra, centrado nas pezas que creou para poemas de grandes figuras das letras galegas, foi presentado hoxe na Real Academia Galega nun acto no que a música do homenaxeado, interpretada polo reputado grupo Resonet, foi a protagonista absoluta.

Un momento do concerto de Resonet. Fonte: RAG


As voces e os sons da zanfona, a gaita e percusión, a tiorba e a guitarra de Resonet abriron e pecharon o concerto coas composicións de Manuel Feijoo para dous poemas de Rosalía de Castro, "Nasín cando as prantas nasen" e "Eu cantar, cantar, cantei". A escritora fundacional das letras galegas contemporáneas mereceu boa parte dun repertorio que incluíu, xunto a outras pezas escritas para versos de Alberto Camino ou Rey Romero, o "Pranto por Basilio [Carril]"que Manuel Feijoo escribiu tras o pasamento en 1974 do gaiteiro veciño de Santiago de Compostela, ou o popurrí "Galicia en Europa", que mestura fragmentos de composicións de Beethoven e o mestre Baldomir.

O concerto púxolle o ramo a un serán que arrincou coa presentación de Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra por parte do coordinador da edición e sobriño do músico, Enrique Mourille, o responsable de Armonía Universal, Carlos Núñez Deza, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra sae do prelo tras veren a luz outros dous títulos, un centrado na súa música polifónica, que inclúe as cinco misas que compuxo o músico, e outro, coa súa música de Nadal. Para Enrique Mourille, neste último libro apréciase a "importante conexión que o padre Feijoo tiña coa música popular galega e a tradición literaria galega". "Nel séntese ante todo un músico galego", engade.


Pola esquerda, Carlos Núñez Deza, Enrique Mourille e Víctor F. Freixanes conversan momentos antes do inicio da presentación-concerto. Fonte: RAG


Carlos Núñez Deza salienta ademais "o peso que ten a música do padre Feijoo na difusión da música popular da súa época", porque ademais de músico foi un gran divulgador grazas ao "entusiasmo" que o caracterizou. "A súa é unha música moi galega, cunhas raíces populares moi importantes", un trazo que pon ao servizo das figuras máis representativas do Rexurdimento e etapas posteriores das letras galegas, detalla. O resultado son composicións que funcionan "como unha banda sonora para os escritores máis significativos das nosas letras", "a música non leva o protagonismo, pero si acompaña perfectamente a letra e así pona en valor".

Manuel Feijoo (1926 – 1992), natural de Outomuro (Cartelle, Ourense), mergullouse no mundo musical e literario no Seminario de Santo Antonio de Herbón, onde se formou desde os 13 anos e máis tarde foi organista e profesor de música e literatura. O padre franciscano compaxinou estes labores coa composición musical e a fundación de coros, como os infantís de Herbón e Ponteareas e, xa en 1966 e establecido en Santiago de Compostela, o Orfeón Terra a Nosa. Con esta agrupación chegou á súa máxima efervescencia creadora e fixo xiras internacionais, sempre bebendo da tradición galega, mesmo en momentos nos que a lingua, a literatura e a música popular de noso permanecían relegadas, conclúe Enrique Mourille, que recorda como o padre Feijoo sempre deixaba espazo nas súas clases para as letras galegas.


Público seguindo o concerto. Fonte: RAG
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar