A III Xornada de Onomástica Galega estará dedicada aos alcumes

O sábado 20 de outubro a Real Academia Galega volverá ao Museo de Pontevedra para celebrar a III Xornada de Onomástica Galega. O programa deste ano estará dedicado aos alcumes con sete relatorios que abordarán, entre outras cuestións, a súa presenza nos apelidos e as súas raíces na antropoloxía. Haberá tamén achegas que irán desde os alcumes na Galicia medieval ata os nomes de usuarios e usuarias das persoas editoras da Wikipedia. A xornada, aberta a todo o público, rematará cunha mesa redonda que amosará como os topónimos poden verter luz en disciplinas tan variadas como a botánica, a literatura ou a historia.

"Nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa en lugar do seu propio, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias". Así define o Dicionario da Real Academia Galega o alcume, alcuño ou adeallo, tamén designado na nosa lingua como nomeada. Este tipo de nome propio será o eixe da III Xornada de Onomástica Galega, coordinada pola académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da RAG Ana Boullón. O encontro, como os dous anteriores, celebrarase coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións que se desenvolverán en horario de mañá e tarde.

Tras a inauguración ás 9:30 horas, o profesor Xoán Carlos García Porral abordará a antropoloxía do alcume deténdose na casuística de dúas aldeas do Concello de Lalín; a profesora e membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) Rosario Soto Arias falará dos alcumes e sobrenomes na Galicia medieval e a tamén integrante da AGOn Lidia Gómez Martínez ofrecerá unha aproximación á clasificación lingüística dos alcumes en Galicia.

O programa retomarase ás 12:30 horas cunha nova sesión na que a profesora Anxos Rial falará do proxecto sobre os alcumes do barrio pontevedrés da Moureira desenvolvido polo alumnado do IES Sánchez Cantón o pasado curso. A seguir, a académica correspondente Luz Méndez, membro da AGOn e asesora lingüística da CRTVG, profundará nos sobrenomes nos apelidos. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, ofrecerá un relatorio sobre alcumes colectivos, os chamados xentilicios festivos, referidos aos poboadores de certas localidades, no Portal de ditados tópicos galegos, e Adrián Estévez Iglesias, da Fundación Otero Pedrayo, outro dedicado aos nomes de usuario das persoas que editan a Wikipedia e as motivacións destas escollas.

Unha mesa redonda sobre perspectivas multidisciplinares no estudo da onomástica poralle o ramo á xornada a partir das 18:00 horas. Nesta última sesión amosaranse as posibilidades que os topónimos ofrecen no estudo sobre campos tan diversos como a literatura ou a botánica. O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro achegarase á toponimia pondaliana; Jaime Fagúndez, investigador da mesma universidade, abordará o valor dos fitotopónimos para os estudos botánicos; e José Carlos Sánchez Pardo e Marcos Fernández Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán sobre a importancia da identificación e xeorreferenciación dos topónimos altomedievais.

As sesións serán presentadas polos membros do Seminario de Onomástica da RAG Xesús Ferro Ruibal, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e a propia coordinadora do programa, Ana Boullón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 23 de outubro de 2018 / 19:00 h
Conferencia de Carlos Núñez: O éxito da "marca celta" e a súa profundidade
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar