A exposición das Irmandades chega a Lugo no mes do aniversario da I Asemblea Nacionalista

Tras o seu paso pola Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense, a exposición do centenario das Irmandades da Fala, Saúde e Terra irmá(n)s!, foi inaugurada esta tarde en Lugo, onde poderá verse ata o 27 de novembro, na sala de exposicións da Deputación Provincial de Lugo, no Pazo de San Marcos. A parada coincide co aniversario da I Asemblea Nacionalista, celebrada nesta cidade os días 17 e 18 de novembro de 1918, un feito histórico destacado na evolución das Irmandades no que profunda a mostra, e tamén lembrado en todas as intervencións do acto de apertura.

Un momento da intervención de Margarita Ledo na inauguración da exposición en Lugo


Na I Asemblea Nacionalista, as Irmandades da Fala apostaron definitivamente polo seu carácter nacionalista e deixaron atrás o rexionalismo. No seu peche, o Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo interpretou, xunto aos irmáns, o Himno galego, do que días despois realizarían a primeira gravación. O disco no que quedou recollido pódese ver e escoitar na exposición.

Aquel encontro foi mencionado nos seus discursos polos representantes das distintas institucións que colaboran na mostra, coorganizada pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, e que chega a Lugo co apoio da súa Deputación Provincial. "Nós, nomeámonos d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos. Esta declaración forma parte do texto manuscrito da I Asemblea Nacionalista. É un dos documentos, canda outros documentos, imaxes e pezas que representan unha época na que recoñecérmonos", expresou a académica Margarita Ledo, que salientou tamén a presenza das mulleres neste movemento. "Eles e elas, porque tamén as mulleres erguen a voz, déronse unha identidade inequívoca coa Fala, sinécdoque de nación; organizáronse e foron conscientes de que cumpría dárense a coñecer con eventos, publicacións, accións. Distinguíronse polo combate aos estereotipos e fixérono profundando no coñecemento de Galicia e a posta en común dese coñecemento, mesmo con iniciativas didácticas coma as Escolas do Insiño Galego e cun programa modernizador que, da economía á política, profesaba o principio de igualdade home-muller", engadiu.

Margarita Ledo salientou ademais a "calidade intelectual e emocional" dos materiais expostos e do seu artellamento discursivo, e recordou que a exposición é froito da colaboración das tres institucións organizadoras e de arquivos, persoas e outras entidades. A RAG está tamén a celebrar o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, que celebrará o vindeiro xoves, 20 de novembro, unha nova mesa de debate no Pazo de San Marcos sobre Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas.

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, destacou igualmente o papel xogado polas mulleres no movemento. "Temos que lembrar que é no Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo en que se recolle expresamente a igoaldade de dereitos pr-a muller como un dos problemas políticos recoñecidos", lembrou, ao tempo que enumerou algúns dos nomes de mulleres con recoñecida actividade nas Irmandades da Fala, entre elas, Amparo López Jean, María Miramontes, Elvira Bao ou Micaela Chao Manciñeira.

Sanmartín puxo en valor a relevancia da exposición, que ao longo de todo o 2016 está a percorrer as cidades galegas, á hora de difundir no seu centenario un legado que definiu como "crucial para a construción do país en todos os ámbitos, ás Irmandades debémoslle a planificación con vontade de sermos en todos os ámbitos, en especial, na lingua, mais tamén nos distintos campos da cultura ou da organización política e social". "As Irmandades supoñen un punto de inflexión un antes e un despois q significa coherencia entre teoría de defensa da lingua e praxe social: a lingua galego úsase en todos os contextos e para todo", engadiu.

Xosé Manuel González Reboredo, en representación do Museo do Pobo Galego tamén destacou o valor desta exposición para difundir o legado das Irmandades. "Contribúe a que se coñeza un pouco mellor o que foron as Irmandades da Fala e a importancia que tiveron dentro da historia de Galicia contemporánea, en concreto do século XX", expresou. Á celebración do centenario da fundación das Irmandades, proseguiu, debe sumarse "no futuro inmediato" a doutros "feitos fundacionais moi importantes que seguiron as Irmandades e que, en certo modo, foron un desenvolvemento, un engrandecemento dos principios que no seu primeiro momento estas defenderan". Referiuse así ao centenario da revista Nós, no ano 2020, ou ao da fundación do Seminario de Estudos Galegos, "que foi o que lle deu un corpo científico ao movemento das Irmandades da Fala".

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, subliñou "o privilexio" de recibir, por primeira vez na provincia, arredor de 130 pezas que recollen a labor "dun movemento pioneiro, que dignificou e modernizou a lingua e a cultura galega". "Esta mostra conta con 10 espazos, que afondan na orixe dunha etapa fundamental da nosa terra, pois axudou á normalización da nosa lingua, ao rexurdimento literario e á igualdade de xénero, sendo un exemplo de compromiso coa cultura e a identidade galega", engadiu.

Pode descargar o folleto da exposición nesta ligazón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete