A Coruña, primeira parada dunha exposición itinerante sobre Manuel María

O mellor xeito de coñecer a Manuel María e ler a súa obra, pero a exposición que desde hoxe pode verse na Biblioteca Miguel González Garcés (A Coruña) é un bo complemento. Así o destacou esta mañá o secretario da Casa-Museo Manuel María e coordinador da mostra, Alberte Ansede, na inauguración, na que tamén participou o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. O representante da RAG celebrou iniciativas como esta, que contribúen ao coñecemento e ao recoñecemento do autor escollido pola Academia como protagonista do Día das Letras Galegas de 2016.
Inauguración da exposición itinerante
Un momento da inauguración da exposición itinerante. Foto: RAG


A exposición Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Casa-Museo Manuel María, permanecerá ata o vindeiro 16 de maio na biblioteca ubicada no barrio de Elviña da Coruña, a cidade na que o poeta chairego viviu os derradeiros anos da súa vida. A partir do 17 de maio, Día das Letras Galegas, poderá verse na súa localidade natal, Outeiro de Rei, e posteriormente percorrerá outros once concellos: Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova.

En dez paneis, a mostra condensa os aspectos máis relevantes da vida e da obra do autor e o seu contexto, máis cincuenta intensos anos de historia. A presidenta da Casa-Museo Manuel María e viúva do escritor, Saleta Goy, salientou a dificultade do reto que se asumiu con esta exposición, dado que Manuel María foi moi prolífico, creador de milleiros de versos, pero tamén de narrativa, teatro, ensaios e prosa xornalística.

Henrique Monteagudo lembrou no acto inaugural que a normativa da Real Academia Galega indica que a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas debe ser unha persoa exemplar humana e culturalmente, cunha obra de especial relevo para as letras galegas. "O personaxe deste ano cumpre sobradamente estas dúas dimensións, pola súa obra literaria e tamén pola súa traxectoria persoal, que pode poñerse de exemplo ao país en todos os aspectos", destacou o secretario da RAG. Pero se ben a Academia é a que escolle o protagonista do 17 de maio, é a sociedade "a que logo dispón como, canto e ata onde se celebra", engadiu. "Por parte da Academia, non queda máis ca congratularse por iniciativas como esta e desexar que a sociedade galega recoñeza a obra e a figura de Manuel María, a achega que fixo ao país nun tempo de resistencia, no que había moi poucas voces coa valentía que el amosou, e nun momento posterior de desafío a prol da normalización da lingua e da cultura, sempre en primeira liña", concluíu.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, subliñou a capacidade de Manuel María de chegar ao pobo. "Quizais o máis importante é que foi capaz de conectar coa xente. Sen esquecer o feito erudito da creación cultural, foi capaz, a través da literatura e da música, de transmitirlle a súa forma de ver e interpretar Galicia, e iso é o que fai grande a un creador", expresou. No acto tamén interviñeron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcade da Coruña, Xulio Ferreiro.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete