A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán achega fondos á sala dedicada á autora na antiga Fábrica de Tabacos

A Sala Emilia Pardo Bazán da antiga Fábrica de Tabacos da Coruña amosará a partir deste sábado novos fondos relacionados coa escritora, co complexo fabril que converteu no escenario central da súa novela La Tribuna e coas cigarreiras, as mulleres nas que se inspirou para escribir a que foi a primeira novela española que lle deu protagonismo á clase obreira. A estrea terá lugar co gallo da clausura do Festival Resis cun concerto de piano no patio que dá acceso a este espazo que leva o nome da escritora coruñesa na actual sede da Audiencia Provincial da Coruña. Nel poderán verse paneis informativos sobre a autora e as traballadoras da fábrica e unha escolma de documentos e obxectos relacionados con elas, entre os que destacan textos autógrafos de dona Emilia ou utensilios de traballo das cigarreiras.

Fragmento do epílogo para La Tribuna que Emilia Pardo Bazán non chegou a incluír na edición da obra. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega


A instalación destes elementos corre a cargo da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co apoio de Marineda City, o complexo comercial que leva o nome literario que a escritora creou en La Tribuna para denominar A Coruña. O que poderá verse desde este sábado é unha primeira achega ao que pretende ser un proxecto expositivo dedicado non só á autora e a esta novela, senón tamén á historia da Fábrica de Tabacos, aos milleiros de mulleres que traballaron nestas dependencias e á cidade. "Queremos abrir este espazo á cidadanía, recuperar a memoria da fábrica e as súas traballadoras, e tamén a da Coruña da época", salienta nesta liña Xulia Santiso, responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que ocupa o primeiro andar da casa familiar da creadora na rúa Tabernas, 11 da Coruña, legada polos herdeiros da escritora á Real Academia Galega.

O público poderá ver boa parte das edicións que existen de La Tribuna, desde a primeira, saída do prelo en 1883, ata outras do século XXI que viron a luz en distintos idiomas. Xunto a estes volumes, exhibiranse textos autógrafos de Emilia Pardo Bazán con documentación de apoio que empregou durante o proceso de creación desta novela ou o epílogo que non chegou a publicar; unha cortadora de farias e unha chaveta de cigarros da colección de Pepe Temprano; e fotografías como a reproducida n'A Fábrica de Tabacos na Palloza de Ana María Romero Masía, que inmortaliza un momento da xornada laboral das cigarreiras no interior da fábrica arredor dos anos 20, ou a dun grupo de empaquetadoras realizada en 1916 e facilitada por Luis Alonso Álvarez, autor de As tecedeiras do fume. Historia da Fábrica de Tabacos da Coruña, 1804-2000.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 20 de outubro de 2018 / 9:30 h
III Xornada de Onomástica Galega: Os alcumes
Martes 23 de outubro de 2018 / 19:00 h
Conferencia de Carlos Núñez: O éxito da "marca celta" e a súa profundidade
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar