A biblioteca da Real Academia Galega estrea micrositio en Galiciana

A Real Academia Galega reforza a súa presenza en Galiciana - Biblioteca Dixital de Galicia cun novo micrositio que facilita o acceso a máis de 800 libros e folletos do século XIX. As obras dixitalizadas suman máis de 120.000 páxinas entre as que se atopan títulos de grandes figuras das letras galegas. O espazo permite un acceso máis sinxelo a edicións históricas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, autores esenciais do Rexurdimento, e a libros destacados de autores e autoras que crearon en castelán como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Sofía Casanova.

En pleno confinamento, a biblioteca da Real Academia Galega convida o público a celebrar hoxe o Día do Libro descubrindo esta fiestra virtual, unha vía de entrada directa dende calquera lugar do mundo a parte do patrimonio que custodia na súa sede da rúa Tabernas da Coruña, nestes momentos pechada por mor da pandemia de coronavirus. O novo espazo visibiliza a identidade propia deste referente bibliográfico fundamental para calquera persoa interesada na cultura e na lingua galegas e convida a navegar polos seus andeis dixitais a través de listaxes por orde alfabética de autores e títulos.

Cantares gallegos, A mi madre, El caballero de las botas azules o En las orillas del Sar son algúns dos títulos de Rosalía de Castro, autora fundacional das letras galegas contemporáneas, dispoñibles en copia dixital xunto aos Aires d'a miña terra de Curros Enríquez, o Catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal ou A fada dos montes de Eduardo Pondal.

La mujer del porvenir, La mujer de su casa e El visitador del preso son parte do legado da intelectual ferrolá Concepción Arenal, de quen este ano se celebra o bicentenario do seu nacemento, dispoñible tamén en copia dixital a través do micrositio da RAG na Biblioteca de Galicia. Tampouco faltan obras de Emilia Pardo Bazán, cos seus Cuentos de Marineda, e algún exemplo da pluma de Sofía Casanova como El doctor Wolski.

O novo micrositio da RAG tamén facilita o acceso dixital a máis dun cento de publicacións periódicas históricas de fondo galego conservadas na hemeroteca da Academia, entre as que figuran O Tío Marcos d'a Portela e revistas editadas pola comunidade galega en América.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete