A Academia reivindica a Saco Arce como un autor fundamental do Rexurdimento no 150 aniversario da súa 'Gramática'

A Gramática gallega viu a luz en 1868. Aquel ano saíu por primeira vez do prelo lugués de Soto Freire, cinco despois da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía. Aínda que a súa popularidade non é comparable, a obra de Juan Antonio Saco Arce (Toén, 1835 – Ourense, 1881) é tamén, como a de Rosalía, un texto fundador cuxa importancia a Real Academia Galega quixo lembrar hoxe en Ourense. "Saco Arce merece ser recordado como un home do Rexurdimento", salienta a académica Rosario Álvarez, coordinadora do Seminario de Gramática, responsable da homenaxe a Saco Arce que esta tarde se celebrará no IES Otero Pedrayo co gallo do 150 aniversario da primeira gramática galega elaborada con criterios científicos. No mesmo instituto pode verse desde este mediodía a exposición dedicada ao lingüista ideada e realizada polo académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín. A mostra indaga tamén noutras facetas dun home que foi "un intelectual ao estilo dos renacentista", valora o profesor Juan Luis Saco, sobriño neto do homenaxeado e un dos relatores que participarán na sesión desta tarde.

A exposición conmemorativa, organizada co patrocinio da Deputación de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi inaugurada nun acto no que interviñeron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luís Fernández Fernández; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do IES Otero Pedrayo, Daniel Lorenzo Valdivieso; e Afonso Vázquez-Monxardín.

O presidente da RAG subliñou o carácter pioneiro de Saco Arce e a súa orixe ourensá, compartida con outros persoeiros do Rexurdimento. "Estamos en Ourense, unha das patrias sobranceiras do galeguismo, para lembrar a persoa e a obra de Juan Antonio Saco Arce, a quen consideramos un dos alicerces do Rexurdimento, compañeiro de Curros Enríquez e Valentín Lamas Carvajal, ourensáns tamén, príncipes da reconstrución da cultura galega no século XIX e da dignificación da nosa lingua, que da súa man entra no territorio dos estudos filolóxicos con carácter científico. Saco Arce é un dos fundadores da lingüística galega moderna, referencia obrigada para todos os que viñeron despois", expresou.

A mostra ofrece "unha visión sinxela, pero creo que necesaria de Saco Arce", indica Afonso Vázquez-Monxardín, que considera que o filólogo non recibiu ata o momento a atención merecida. "É curioso que o autor da primeira gramática galega só teña en Ourense unha rúa e que non se lle dedicase o Día das Letras Galegas. Iso pásalle porque o seu centenario cadrou en 1935, cando faltaba pouco para que estoupase a guerra, e despois quedou obviado. Ademais, como era absolutista e profundamente antiliberal, tampouco xerou moita empatía entre os galeguistas en xeral", valora o responsable da exposición.

Rosario Álvarez: "A 'Gramática' de Saco Arce senta as bases da estandarización do galego. Nós, como gramáticos, recoñecémonos nel non soamente como o primeiro, senón como o grande antecedente que temos"Pero entre os especialistas a pegada que deixou é indiscutible, a pesar de certas eivas, reflexiona Rosario Álvarez: "Saco Arce inaugura a tradición gramatical galega cunha obra de altísimo nivel para o seu tempo, dedicada a unha lingua da que se descoñecía practicamente todo. E aínda así a súa Gramática soporta máis que ben a comparación coas de tamaño semellante que se estaban realizando noutros ámbitos peninsulares. Parte do coñecemento que ten da lingua que se fala e da literatura oral, pero tamén da literatura que se está facendo no seu tempo e dos textos que recolle da tradición oral. Ás veces eleva a categoría de ser máis ou menos xeral no galego características que son de Ourense ou Santiago, os lugares onde viviu e estudou, ou considéraas do norte e do sur, en lugar da zona occidental ou da oriental. Pero en xeral é moi atinado e senta as bases do que vai ser a estandarización do galego nos séculos XIX e XX. Todas as obras gramáticas de certo nivel beberon da súa, e Saco Arce está presente dunha maneira extraordinaria na de Carballo Calero (1966). Nós, como gramáticos, coñecémonos en Saco Arce non soamente como o primeiro, senón como o grande antecedente que temos".

Unha exposición completada con documentos orixinais de autor
A exposición inaugurada este mediodía detense na biografía e na gramática de Saco Arce, mais tamén noutros perfís do autor como o de folclorista, poeta e crítico literario. Pero non se centra unicamente nel. Para facilitar a comprensión da súa relevancia, ofrece unha ollada da evolución da lingua desde os tempos medievais ata hoxe e recorda "a todas aquelas persoas que traballaron antes e despois de Saco Arce na fixación dunha lingua con gramática, dicionarios, unha lingua culta", explica Afonso Vázquez-Monxardín.

A mostra permitirá contemplar tamén testemuños da repercusión da figura de Saco Arce na prensa do momento e diferentes documentos orixinais do intelectual, entre eles manuscritos das recompilacións que realizou de expresións da cultura popular, como as cantigas e os romances, ou as probas de imprenta corrixidas de Literatura popular de

"Juan Saco Cid: "Saco Arce é un intelectual ao estilo dos renacentistas, pero sobre todo destaca polo seu amor a Galicia e á súa lingua"Galicia, obra que se viu interrompida polo seu pasamento. Este material serviulle de base a Juan Luis Saco Cid para publicar finalmente, un século despois, un proxecto truncado que demostra o carácter polifacético do Saco Arce. O sobriño neto do gramático ofreceu na homenaxe desta tarde un perfil biográfico do homenaxeado que incidiu nesoutras facetas de poeta ou estudoso das tradicións populares: "El foi fundamentalmente gramático, lingüista. Era catedrático de instituto de grego e despois foino tamén de retórica e poética, pero tiña un interese enorme por moitas cousas. É un intelectual ao estilo dos renacentistas, pero sobre todo destaca polo seu amor a Galicia e á súa lingua".


Pola esquerda, Teresa López, Rosario Álvarez, Juan Luis Saco Cid e Antón Santamarina. Fonte: RAG


Contido e pegada exterior dunha obra cunha clara defensa do idioma
Antón Santamarina profundou deseguido no contido da Gramática -que vai desde a fonética, a prosodia, a morfoloxía e a sintaxe ata a ortografía e mesmo unha especie de dicionario de locucións- e na pegada que deixou. A idea común e nova de Galicia dos autores do Rexurdimento, que pasa polo cultivo e a defensa da lingua, queda xa ben clara no limiar. "Case todo o prólogo é un manifesto sobre as excelencias da lingua galega que recorda moito as defensas e ilustracións que se escribiron para o francés e outras linguas como tratados separados ou ben nos frontispicios de moitas gramáticas renacentistas e posteriores".

A obra de Saco pronto comezou a ser incluída como fonte de información sobre o galego en todos os repertorios bibliográficos que teñen en consideración as linguas hispánicas. O primeiro en dalo a coñecer fóra das nosas fronteiras foi o eminente romanista Gaston Paris, "o gran patriarca da filoloxía francesa", que celebra a publicación pero que lle reprocha a Saco que ignore o portugués como termo de comparación mentres bota moitas veces man do italiano e do francés para sinalar formas paralelas. "Hai que dicir en descargo de Saco que Gaston Paris non entendía ben a situación sociolingüística do galego nin tampouco quen eran os destinatarios da obra. A súa intención era rehabilitar unha lingua e non presentala coma un conxunto de feitos dialectais do portugués ante un cenáculo de estudosos do romanismo", contextualizou. Antón Santamarina: "Igual que os 'Cantares' de Rosalía, a 'Gramática' de Saco é un texto fundador. E se este país fose agradecido habería que pór o seu autor entre as principais figuras da nación, igual que no dominio castelán se pon a Nebrija" Antón Santamarina tamén reivindica para o lingüista ourensán un maior recoñecemento: "Galicia ten unha débeda con el. É evidente que a súa Gramática non ten o significado que tivo outro libro que apareceu na mesma década, os Cantares de Rosalía, pero é igual que Cantares un texto fundador, por moito que hoxe nos pareza superado. E se este país fose agradecido habería que pór o seu autor entre as principais figuras da nación, igual que no dominio castelán se pon a Nebrija. Saco merecía unha estatua na mellor praza de Ourense, ou de Santiago", concluíu.

A literatura na 'Gramática'
A profesora da Universidade da Coruña Teresa López ofreceu outro relatorio no que afondou na literatura no volume de Saco Arce. "As gramáticas galegas publicadas no século XIX non se limitaron á descrición e á prescrición gramatical: todas elas teñen un certo carácter híbrido, e inclúen informacións e materiais diversos, cunha presenza importante da literatura", explicou a investigadora, que repasou as referencias á literatura e a presenza da produción literaria na Gramática gallega, para analizar as súas funcións no discurso gramatical, mais tamén patriótico, do autor ourensán.


Pola esquerda, Francisco Dubert, Xosé Luís Regueira, Xosé A. Fernández Salgado e Ernesto González Seoane na mesa redonda que pechou a homenaxe a Saco Arce. Fonte: RAG


A homenaxe concluíu cunha mesa redonda, moderada polo académico Xosé Luís Regueira, que contou coas achegas do profesor da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado, o investigador Xurxo Martínez e os profesores da Universidade de Santiago Francisco Dubert e Ernesto González Seoane, membro correspondente da RAG.

Francisco Dubert abordou a gramática dentro da Gramática de Saco Arce, observando como o filólogo a construíu e comparándoa coas gramáticas actuais. O profesor centrou a súa intervención en dous problemas concretos que se presentan en calquera obra deste tipo: que método de descrición e que teoría de base seguir para analizar os datos escollidos. Xosé A. Fernández Salgado deteuse na proposta ortográfica do lingüista homenaxeado e detallou en que medida difire o seu texto doutros anteriores, así como a súa transcendencia nos posteriores. A identificación da lingua como un elemento distintivo de identidade na obra de Saco foi outros dos temas que se tocaron na mesa redonda, da man de Xurxo Martínez, que profundou na contribución de Saco Arce ao Rexurdimento literario e lingüístico.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar