A Academia presenta un avance da análise sobre a lingua na xeración Z

O secretario da Real Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, presentou este luns un avance do estudo sobre o galego na mocidade no marco da IV Xornada de Normalización da Deputación de Pontevedra. A análise, que conta co apoio da entidade provincial, reflicte que entre os mozos e mozas da chamada xeración Z (persoas nadas a partir de 1990) segue a haber fortes prexuízos negativos cara ao acento galego, mais tamén se detecta que a lingua galega comeza a se asociar a valoracións máis positivas, relacionadas coa dimensión competencia-status social.

Henrique Monteagudo detívose tamén na situación do idioma na provincia de Pontevedra. Segundo explicou, a comarca de Deza-Tabeirós é unha das que mellores datos ofrece de uso e transmisión xeracional, en contraste co que acontece en Vigo. Nesta cidade, "a desgaleguización xa era anterior ao estudo, polo que os rapaces e rapazas xa non teñen referentes familiares en canto ao uso do galego, e as súas referencias van proceder maioritariamente do ámbito educativo".

A xornada, presentada polo deputado de Cultura Xosé Leal, contou ademais coas achegas, igualmente centradas na mocidade, da presidenta da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño, que falou dos proxectos YouTubeir@s e o Club de Debate; do presidente da Asociación ORAL da Galiza, Carlos Alonso, que avanzou un proxecto provincial de recuperación da regueifa nos centros escolares; e de Xiana Lastra, membro da Banda da Loba, quen expuxo a aposta deste grupo musical pola difusión de letras de autoras galegas entre a xente nova.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete