A Academia lamenta o pasamento de Nicandro Ares Vázquez

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Nicandro Ares Vázquez (Santalla de Bóveda, 7 de xuño de 1926 - Lugo, 22 de xullo de 2017). Membro correspondente da institución desde 2006, foi un grande estudoso da toponimia e un dos maiores especialistas no complexo monumental da súa localidade natal.

Nicandro Ares, ordenado sacerdote en 1951 e profesor do Seminario de Lugo desde 1955 ata a xubilación, foi quen de desenvolver en solitario numerosas investigacións sobre os nomes de lugares.  O seu é, de feito, un nome esencial no relanzamento dos estudos de onomástica galega. No ronsel doutros eclesiásticos lucenses, profundou nesta disciplina mediante o estudo directo e manual dos documentos, centrándose fundamentalmente na diocese lucense, pero contribuíndo a clarificar a onomástica de boa parte da de toda Galicia.

A carreira como investigador de Nicandro Ares Vázquez comezou inspirada polo seu mestre Francisco Vázquez Saco. Os seus primeiros traballos, coma os del, versaron sobre asuntos de epigrafía e arqueoloxía galegas pero, malia non abandonar nunca os temas históricos, foise orientando cada vez máis cara á onomástica, sobre todo cara á toponimia, que acabou sendo o motivo principal das súas investigacións. De feito, o interese pola onomástica xa se deixaba ver no seu primeiro traballo, publicado en 1964.

Ao longo da súa vida publicou máis dun milleiros de artigos en xornais e revistas. A Real Academia Galega recolleu 178 dos traballos da súa obra toponímica, ata o momento dispersos, en dous volumes saídos do prelo en 2011 e 2013.

O corpo de Nicandro Ares está a ser velado na sala 3 de Velatorios Lucenses (Camiño do Seixo, s/n - Lugo). O funeral terá lugar mañá, luns 24 de xullo, ás 11:00 horas, en Santalla de Bóveda.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete