A Academia colabora no programa que achega a súa toponimia aos concellos

A Real Academia Galega colabora con "Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra", un novo programa da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia que pretende divulgar a toponimia entre a cidadanía e concienciar sobre a importancia da implicación colectiva para a preservación deste patrimonio inmaterial. O filólogo Vicente Feijoo, especialista nesta materia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, está a impartir as charlas programadas neste marco, que entre decembro e xaneiro chegarán a quince concellos.

Vicente Feijoo impartindo unha das charlas do programa Toponimízate no Carballiño


As conferencias, dirixidas a técnicos municipais, comunidades de montes, asociacións culturais e veciñais, escolares e calquera persoa interesada no tema, pretenden dar a coñecer a riqueza toponímica de Galicia e como pode a xente participar na recuperación dos microtopónimos da súa contorna. O público aprende así as diferenzas entre microtoponimia e macrotoponimia, a importancia e a riqueza da toponimia como patrimonio inmaterial, as razóns polas que Galicia é tan rica en nomes de vales, montes, camiños, regueiros ou fontes ou as causas polas que se está a perder a microtoponimia. Co obxectivo de frear este problema, outro aspecto no que se incide é a importancia e necesidade da xeorreferenciación e xeolocalización destes topónimos.

Para facilitar este labor, estase a desenvolver unha aplicación concibida para que os propios veciños e veciñas poidan colaborar no rexistro da microtoponimia pendente de recoller, unha ferramenta que tamén se presenta nestes encontros. Nos concellos onde xa se rexistrou microtoponimia, os asistentes aprenden tamén a visualizar os nomes das terras e os usos que permite o buscador de topónimos, de grande utilidade tanto para a veciñanza como para as distintas administracións e a investigación nas ciencias humanas.

As charlas conclúen cunha explicación do significado do nome de cada concello e das parroquias, e dando resposta ás preguntas sobre que significan moitos microtopónimos de cada lugar.

Vindeiros encontros
As charlas chegarán durante o mes de decembro aos concellos de Arteixo, A Coruña, Boqueixón, Lousame, Melide, Outes, Vedra, Palas de Rei, Sober, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e Silleda, e en xaneiro, a Viveiro. Esta mesma tarde, ás 19:30 horas, a Casa da Xuventude de Silleda acollerá unha nova sesión. O vindeiro mércores, 27 de decembro, desenvolverase outra no Centro Ágora da Coruña a partir das 18 horas e o xoves 28, haberá dobre sesión: ás 12 horas, na Casa da Cultura de Palas de Reis e ás 20 horas, na Sala das Cunchas da Casa do Concello do Grove. O encontro previsto en Viveiro terá lugar o 12 de xaneiro ás 18:30 horas na sala multiusos do pazo municipal.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete