A Academia celebra os 70 anos da colección de poesía Benito Soto no Museo de Pontevedra

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro venres, 22 de novembro, os 70 anos da aparición da colección Benito Soto no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra (19:30 horas). O proxecto co nome do pirata da Moureira, a primeira colección de poesía que publicou literatura en galego tras a guerra civil, naceu en Pontevedra en 1949 e editou con Sabino Torres á fronte, ata a súa desaparición en 1952, máis dunha ducia de libriños de versos de autores como os irmáns Álvarez Blázquez, Manuel María, Luís Pimentel, Manuel Fabeiro Gómez, Ricardo Carballo Calero ou Álvaro Cunqueiro. A celebración, organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra, combinará o recitado de poemas dos escritores implicados nesta aventura coa súa interpretación musical a cargo de Ánxeles Ruibal. A académica Fina Casalderrey conducirá o acto, que incluirá tres ollada á colección e ao seu contexto do académico Xesús Alonso Montero e das investigadoras Ana Acuña e Patricia Arias Chachero.

Sabino Torres (1924-2016) puxo en marcha a colección Benito Soto canda os seus amigos Manuel Cuña Novás (1926-1992) e Emilio Álvarez Negreira (1926-2002). O selo sacou á luz versos tanto en galego como en castelán dos tres colegas e doutros autores, e tamén unha tradución ao galego de versos de escritores alemáns a cargo de Celso Emilio Ferreiro, que prestara axiña o seu apoio a un proxecto que atopou un importante eco.

"A colección inaugura un tempo novo no panorama da edición e da poesía galega despois da guerra civil. Un grupo de mozos entusiastas, dirixidos en parte por Celso Emilio Ferreiro, que actuaba como irmán maior de todos eles, inician unha experiencia que marcaría o discurso posterior da nosa poesía, con autores e títulos que, ollados coa perspectiva do tempo, resultan extraordinariamente significativos", comenta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. "O título da colección, co nome dun pirata pontevedrés, introducía un factor de transgresión e rebeldía que non pasou desapercibido ás autoridades. Invito aos lectores a repasar os textos, que forman parte do mellor da nosa poesía contemporánea", engade.

A celebración dos 70 anos da colección Benito Soto contará coas voces de escritores e familiares dos autores que formaron parte desta aventura. Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel A. Cuña Casasbellas, Joaquín Fabeiro Beiro, Luís Ferreiro, Antón Sobral, Xaime Toxo e Eva Mejuto recitarán versos publicados polo selo xunto aos membros da Academia Xosé Luís Franco Grande e Marilar Aleixandre, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O presidente da RAG pechará o acto.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete