Os nomes das marcas comerciais centran a V Xornada de Onomástica Galega

Os nomes comerciais identifican todo tipo de produtos, bares, restaurantes e tendas, e tamén deixan unha importante pegada na paisaxe lingüística, ata o momento pouco estudada entre os especialistas nos nomes propios da Península Ibérica. A Real Academia Galega promoverá a reflexión sobre as tendencias na denominación dos establecementos e dos produtos comerciais e sobre o seu papel na normalización lingüística na V Xornada de Onomástica Galega, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro no Museo de Pontevedra e que se organiza, un ano máis, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do propio museo. O prazo de inscrición para a participación presencial ou en liña permanece aberto ata o 1 de novembro a través do correo electrónico publicacions@academia.gal. O público que opte por seguir o encontro de maneira telemática e que desexe obter un certificado deberá facelo a través da plataforma Zoom. Todas as sesións serán ademais emitidas en aberto a través da canle de Youtube da Real Academia Galega.

As académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez coordinan un programa que contará con voces da filoloxía e da dinamización lingüística xunto a outras do mundo empresarial e da creación de marcas. No encontro examinaranse algúns dos sectores implicados na creación de nomes comerciais, o valor das marcas galegas, as estratexias de márketing empregadas e as oportunidades pedagóxicas que ofrece este material para traballar na aula.

A busca dun nome que resulte distintivo ou atractivo comercialmente adoita abordarse empregando diversos procedementos. "Un dos máis recorridos é o do apelido da persoa que fundou a empresa, pero tamén se acode a procedementos máis imaxinativos e evocadores", apunta Ana Boullón. É o caso, por exemplo, de EFerro, a empresa de zocos de Vila de Cruces fundada por Elena Ferro, que nomea os seus modelos con topónimos galegos como San Cosme de Nete. A creadora desta firma será unha das intervenientes na mesa redonda que pechará a xornada, que contará tamén coas achegas de Xosé González Martínez, creador do Foro Enrique Peinador de empresas pola normalización da lingua e impulsor da campaña de etiquetado en galego "Con acento propio"; e Irene García e Raquel Boo, do estudio Ekinocio de deseño e comunicación, dende o que traballan na creación de marcas. Os nomes dos bares e restaurantes centrarán a primeira sesión da tarde, a cargo da profesora Celtia Rei Brandón, que exporá unha experiencia didáctica sobre o tema desenvolvida no barrio vigués de Coia.

A xornada arrincará cun relatorio sobre a denominación da disciplina dedicada ao estudo dos nomes das marcas a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina, e outro sobre o valor dos nomes para as marcas, as empresas e os dominios en Internet do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado. A continuación, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Álvarez de la Granja falará dos recursos lingüísticos das marcas comerciais e a profesora Sara Míguez referirase á relación das marcas coa paisaxe lingüística dende o caso de Redondela. Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, trazará unha viaxe pola historia a través das cabeceiras galegas. A sesión da mañá concluirá cunha achega sobre os nomes das adegas e dos produtos da denominación de orixe do Ribeiro a cargo de Raquel Pérez Tizón.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete