Os nomes comerciais en galego, un valor no mercado e normalizador

Que transmiten os nomes comerciais en galego? En que se inspiran? Como funcionan no mercado? Estas son algunhas das preguntas que abordaron este sábado os once relatores da V Xornada de Onomástica Galega, que se pode ver na canle de Youtube da RAG. A elección do galego para denominar produtos, tendas, establecementos hostaleiros ou marcas de todo tipo ten implicacións sociolingüísticas claras e contribúe á normalización do idioma, salienta Ana Boullón, académica correspondente e coordinadora do encontro. Pero esta opción é ademais un valor no mercado. "A lingua non só é un elemento simbólico, tamén é un elemento activo no país como marca económica cada vez, afortunadamente, máis presente", advirte o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.
Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo na mesa redonda 


A V Xornada de Onomástica Galega ía celebrarse no Museo de Pontevedra, pero tivo que desenvolverse de maneira exclusivamente telemática por mor do agravamento da situación sanitaria. O encontro, organizado pola RAG en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o propio museo, foi inaugurado polo presidente da Academia, que participou tamén cun relatorio sobre os nomes das cabeceiras dos xornais en lingua galega históricas; as académicas correspondentes e coordinadoras do encontro, Ana Boullón e Luz Méndez; e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega Iñarrea, quen salientou tamén "o valor engadido" da lingua para as marcas. "Todo o que teña que ver co orgullo dun pobo pola súa cultura, pola súa lingua e identidade dá valor aos produtos", concluíu.

 "Unha marca galega pode chegar, cunha boa estratexia de vendas e comunicación, a calquera mercado se é do seu interese", destacan as deseñadoras e creadoras de marcas do estudio Ekinocio Irene García e Raquel Boo. " Moitas das persoas adegueiras e colleiteiras son conscientes de que a lingua é unha boa carta de presentación. O galego non só vende no noso mercado, tamén no peninsular e no exterior"Demóstrano marcas como a da zoqueira Elena Ferro, que expuxo tamén a súa experiencia na xornada; ou os viños do Ribeiro que estudou Raquel Rodríguez Parada. "Moitas das persoas adegueiras e colleiteiras son conscientes de que a lingua é unha boa carta de presentación. O galego non só vende no noso mercado, tamén no peninsular e no exterior", sentencia a filóloga.

O profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado profunda nesta liña no concepto de "Marca Galicia". "A idea de Marca País é a de que tamén o nome e a imaxe que os países proxectan poden colaborar á súa riqueza se son xestionados adecuadamente. Isto é, na medida en que sexa capaz de evocar os seus valores máis prezados: o valor material das actividades produtivas das súas xentes, os bens e os servizos que poden desfrutar ós seus cidadáns e os negocios das súas empresas", explica.

Como denominar a disciplina?
A paisaxe lingüística está poboada por milleiros de nomes de lugares, os topónimos e microtopónimos, e de rúas, os chamados hodónimos. Pero as vilas e cidades están tamén cheas de denominacións comerciais. "Significan, de feito, a maior parte da rotulación, fóra dos nomes das rúas e das pintadas. Pero malia a súa importante presenza, ata o momento apenas foron estudados na nosa contorna dende a onomástica", recoñece Ana Boullón. Quizais por iso, a diferenza do que acontece con outros nomes propios, non existe un termo consolidado para referirse á parcela concreta da onomástica que se encarga das marcas e produtos comerciais.

O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, analizou as alternativas propostas nas últimas décadas, como crematonimia ou ergonimia, pero advirte de que ningunha delas está asentada e considera que a mellor opción é falar de "onomástica comercial", como acontece noutros idiomas: nom commercial, Haldname, brand name etc. "É significativo que nin sequera o grego moderno teña unha palabra especial para isto", considera o académico, que engade que non deixa de ser sorprendente que sexa así tendo en conta o número importante deste tipo de nomes que pasaron aos dicionarios: polaroid, fax, moviola...

O papel emocional da lingua e da orixe
Benigno Fernández Salgado investigou para a ocasión o universo emocional que rodea as marcas galegas e elaborou unha listaxe das máis queridas tendo en conta a opinión de medio cento de estudantes universitarios; e estudou ademais a súa actividade corporativa na Rede en relación coas linguas e os nomes dos dominios desas marcas e empresas destacadas. "Corenta e oito das 50 páxinas web están dispoñibles en español; 29 estano tamén en galego; 16 tamén en inglés; 8 en francés; 7 en portugués; 7 en catalán; 2 en vasco; 2 en romanés; 2 en alemán; 2 en neerlandés; 2 en italiano; 2 en polaco; e 1 en chinés", enumera. "Censurable é o monolingüismo en español de empresas galegas con facturacións importantes que evitan o galego nas súas comunicacións e promoción en Internet", considera.

Irene García e Raquel Boo levan tempo axudando as empresas a crearen marcas. "Non mentimos ao dicir que temos atopado casos de reticencia a empregar nomenclatura en galego, pero cada vez é menos frecuente desde que se entende que a lingua e a orixe constitúen un valor de marca en si mesmo", aseguran. "Non deixamos de atopar casos paradigmáticos na historia das marcas que demostran que a verdadeira distinción está no propio, no que se constrúe de dentro para fóra", afirman. O exemplo dos viños é boa proba disto. Raquel Rodríguez Parada "Temos atopado casos de reticencia a empregar nomenclatura en galego, pero cada vez é menos frecuente, enténdese que a lingua e a orixe constitúen un valor de marca en si mesmo"entrevistou case un cento de adegueiros e colleiteiros para estudar os nomes galegos das adegas e dos caldos inscritos na Denominación de Orixe Ribeiro (Ourense), así como os vermús, augardentes e licores da zona. O traballo permitiu comprobar que a maior parte dos nomes comerciais creados na comarca do Ribeiro fan uso da lingua galega, en concreto un 89% dos que constituíron a base da análise, concreta. "Moitas das persoas adegueiras e colleiteiras son conscientes de que a lingua é unha boa carta de presentación para vender os seus produtos, do mesmo xeito ca a imaxe visual. O galego non só vende no noso mercado, tamén no peninsular e no exterior. Boa proba diso é a do viño A flor e a abella, etiquetado en galego, amais da súa etiquetaxe en inglés e castelán pola demanda dos mercados rioxano e catalán, que gustan de identificar o viño ribeirao coa lingua da comunidade onde se produce, entendemos que para marcar a diferenza cos seus caldos, ben coñecidos a nivel mundial", asegura.

Na elección do nome da marca comercial no Ribeiro, os topónimos son os elementos máis evocadores. Aquí representan o 35%, pero son tamén un recurso frecuente noutras comarcas galegas e noutros contextos como A Rioxa ou a rexión piemontesa. Predomina, en definitiva, "a marca identitaria que procura na lingua e na toponimia o vínculo coa rexión produtora", conclúe.

Zocos con nomes de parroquias e aldeas
Os topónimos tamén designan os zocos da artesá Elena Ferro. Filla e neta de zoqueiros, puxo de moda este calzado tradicional, que parecía condenado a desaparecer, desde o obradoiro familiar de Pazos (Merza, Vila de Cruces). As cores e outros elementos do deseño fan as súas creacións especiais, pero tamén os nomes que lles dá ás súas creacións. "E que mellores nomes que os dos lugares de onde saíron! Comezamos poñéndolles os da nosa comarca (Merza, Sabrexo, Carbia, Piloño, Camanzo...) pero fóronse esgotando. Iso fixo que cada vez que vou a un lugar mire os letreiros e vaia anotando outros novos. A xente tamén nos fai suxestións a través das redes sociais e agradece que falemos das súas vilas, como por exemplo a de San Cosme de Nete (Lugo). Cada zoco ten o nome dunha aldea ou parroquia, e así defendemos os zocos, a nosa cultura e a nosa lingua. O noso lema é desde 1915 Feito en Galego, e iso abrangue que está feito na nosa terra e na nosa lingua", subliña a zoqueira, que participou na mesa redonda da tarde canda Irene García, Raquel Boo e Xosé González Martínez, promotor da campaña de etiquetaxe en galego Con acento propio.

De ‘Galicia' a ‘galego': de Zeltia á prensa histórica
O uso do topónimo Galicia e do xentilicio galego é outro fenómeno habitual á hora de nomear marcas. "A procedencia galega escóllese como un trazo relevante que serve para presentar a marca ante a potencial clientela", subliña a profesora da USC María Álvarez de la Granja, que analizou os recursos lingüísticos ao servizo das marcas e dos nomes comerciais, dende a metonimia e a metáfora ata os xogos de palabras. Pero a referencia a Galicia pode facerse tamén por outros medios. "É o caso da empresa Zeltia, cuxo nome foi rexistrado en Portugal no ano 1937 polos galeguistas Ramón Obella Vidal e Ramiro Isla Couto e corresponde á palabra que creou Eduardo Pondal para personificar a terra dos celtas", pon como exemplo.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, retrocedeu máis no tempo nun relatorio sobre as primeiras cabeceiras de xornal en lingua galega, entre as que tamén é común o uso do topónimo e do xentilicio de noso. Malia seren gran parte dos xornais dende o século XIX produtos locais, e así demostralo con nomes como o do primeiro, El Catón Compostelano (1800), ou o Diario de La Coruña (1808), as primeiras cabeceiras que incorporan o nome de Galicia aparecen relativamente cedo, advirte. A primeira propiamente civil que o fixo, o Correo de Galicia, nacía en 1833. "Son exemplos que definen situacións, estados de opinión e consciencia. Primeiro, a identidade local. Algo máis tarde e de xeito progresivo, Galicia como unha unidade de referencia", sintetiza. Mais a primeira cabeceira en galego, O Vello do Pico-Sagro, é algo posterior, do ano 1860, e nela "salienta o forte contido simbólico, mítico, case relixioso". Pouco despois, en 1863, sairía do prelo por primeira vez O Tío Marcos da Portela de Valentín Lamas Carvajal, a primeira publicación propiamente xornalística en galego e que se define pola "diferenciación e a identidade" a través da lingua.

Os establecementos de Redondela e os bares de Coia e Bouzas
A V Xornada de Onomástica Galega acolleu ademais a presentación dun traballo sobre a rotulación dos establecementos de Redondela realizado por Sara Míguez e outro sobre os nomes de bares e restaurantes nos barrios vigueses de Coia e Bouzas desenvolvido como experiencia didáctica no IES Alexandre Bóveda e promovido pola profesora Celtia Rei Brandón.

"A maioría dos comercios de Redondela non contan co galego, aínda que moitos comerciantes manifesten vontade de o facer", expón Sara Míguez. "Que falta? Impulso institucional, medidas fiscais de discriminación positiva por rotulación en galego etc. Falta vontade", considera. En canto á investigación realizada polo alumnado do IES Alexandre Bóveda de Vigo, esta amosa que a lingua galega está máis presente en Bouzas ca no barrio de Coia. Alén dos números, na análise cualitativa, apunta Celtia Rei Brandón, cómpre ter en conta que "o galego goza de certo prestixio no espazo da restauración por funcionar como sinónimo de calidade".
 

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete