Cineuropa e a Asociación Española de Investigación da Comunicación réndenlle homenaxe a Margarita Ledo

A Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) rendeulle homenaxe a Margarita Ledo Andión en recoñecemento a toda a súa traxectoria. A académica, catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do grupo de estudos audiovisuais desta institución, foi recoñecida, canda outros investigadores, nunha cerimonia celebrada o pasado 28 de outubro na Universitat de València. Margarita Ledo reivindicou no seu discurso as linguas non hexemónicas, o cinema e a construción do coñecemento científico baseado na colaboración. A académica será tamén homenaxeada no festival Cineuropa, que lle concederá un dos tres premios da súa última edición.
Margarita Ledo. Fonte: RAG


"Como lugar de enunciación escollo Linguas non hexemónicas e cinema, que no cine europeo son as outras cinematografías en linguas distintas ás seis dominantes, e que desde onde vos falo, aínda que con situacións diferentes, son esoutras linguas de nación, é dicir: catalá, euskara, galego", expresou a académica na súa intervención na homenaxe da AE-IC. Margarita Ledo lembrou que contar con películas tanto en versión orixinal como en versión orixinal subtitulada nas linguas propias das cinematografías pequenas  é "unha opción irrenunciable e insubstituíble" no mapa cultural europeo actual. 

Emili Prado, compañeiro de profesión de Margarita Ledo durante décadas, foi o encargado de trazar un retrato da xornalista, escritora, investigadora e cineasta, "unha persoa poliédrica" e activista comprometida coa comunicación democrática e a diversidade desde os anos 70 do século pasado. Na súa laudatio, recordou o papel desempeñado por Margarita Ledo na consolidación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, da que foi primeira decana, e no impulso das relacións no seu campo de estudo entre o mundo académico galego e portugués, así como con Iberoamérica. No mesmo acto, tamén foron homenaxeados Ramón Zallo (UPV / EHU) e Néstor García Canclini (UAM).

Margarita Ledo tamén será homenaxeada na edición 34 do festival Cineuropa, que se desenvolverá do 6 ao 22 de novembro en Santiago de Compostela. A académica será distinguida nos Premios Cineuropa canda o tamén director Alfonso Zarauza e o actor Javier Gutiérrez.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete