A Real Academia Galega e a USC presentan o proxecto audiovisual 'Novas voces para a lingua'

Conseguiremos. Este é o título, e a declaración de intencións, co que bota a andar Novas voces para a lingua, o proxecto que a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela promoven para conectar a mocidade co idioma. A iniciativa arrinca cunha serie de cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional. Os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro, a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo son parte do elenco da serie Conseguiremos, a resposta á proposta da RAG que concibiron Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora). Os tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual fixeron realidade a primeira edición do proxecto co apoio doutros tres docentes da súa facultade e da propia Academia. O primeiro capítulo, protagonizado por Verónica Boquete e gravado no estadio que leva o seu nome, pode verse dende hoxe, xunto á presentación da serie, no novo espazo dedicado ao audiovisual da web da RAG, ao que se irán incorporando nas vindeiras semanas as demais pezas.
Os participantes na presentación de Conseguiremos na Coruña, a poucos metros da sede da Real Academia Galega.  Fonte: RAG


"Co título xenérico Conseguiremos, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e mesmo para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte, o cinema...", salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. "Queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI. A lingua é nosa, facémola entre todos. Cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo", engade.

A produción de Conseguiremos foi posible grazas á colaboración xenerosa dos protagonistas e ao apoio de Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz, profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que participaron na presentación canda Víctor F. Freixanes, os tres autores da serie, o decano do centro, Xosé Ramón Pousa e participantes de varios capítulos. As pezas insírense no marco de Novas voces para a lingua, que continuará este curso con propostas adaptadas aos tempos da pandemia, explica Ana Isabel Rodríguez, que destaca a "motivación que constitúe para o alumnado construír un proxecto en colaboración coa Real Academia Galega e que vai ter unha difusión real". "O compromiso da Facultade de Ciencias da Comunicación para proxectar esas novas voces creativas arredor da lingua permanece vixente", afirma.

Espellos nos que se mirar
Os autores preguntáronlles a mozos e mozas da súa xeración que persoas son para eles modelos que imitar. O resultados son cinco capítulos, gravados no outono e no inverno do curso pasado e protagonizados pola futbolista Verónica Boquete e o xornalista e atleta Víctor Pérez Currás (Conseguiremos un camiño por correr); os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontange (Conseguiremos saber ollar un novo mundo); o director de cine Andrés Goteira e a estudante de cine Sara Hermo (Conseguiremos querer querernos moito máis); Areta Bolado, Ailén Keldenman e Noelia Castro, integrantes da compañía A Panadaría Teatro, e o tamén actor Daniel Celester (Conseguiremos reivindicar o desexo); e a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga, quen dialoga nunha colaboración especial co xenetista Ángel Carracedo (Conseguiremos a alegría de descubrir).

Cada peza audiovisual aborda distintas preocupacións que unen os protagonistas, como o deporte, a ciencia, a creación artística ou a igualdade e o respecto á diversidade, artellando relatos en que a cuestión lingüística se integra con naturalidade. "Gravamos estes encontros escapando das campañas máis publicitarias porque a lingua está aí. Atopamos que unha vez que temos eses espellos en que mirarnos vemos que nós tamén temos unha relación especial coa lingua", explica a directora Paula Quiroga. "A lingua é unha ferramenta que nos abre ao mundo pero que tamén nos abre a nós mesmos. Falamos con xente que a vencella á súa terra, á familia, pero tamén fai cinema en galego e que compite en festivais internacionais", reflexiona Lois Alcayde, responsable dos guións. "Eu defendo o galego e fáloo, pero non sabía que tiña o valor de poder chegar tan lonxe. Nestas rodaxes coñecemos moita xente que o usa incluso fóra de Galicia, e a verdade é que me sorprendeu gratamente comprobar que o galego está en tan boa posición. É certo que aínda nos queda moito por conseguir, pero conseguirémolo", expresa confiada Meritxell Álvarez, que asumiu os labores de produción.

Con Verónica Boquete no estadio que leva o seu nome
No estadio que leva o seu nome no barrio compostelán de San Lázaro, onde de cativa ía ver xogar á SD Compostela, Verónica Boquete charla co xornalista e atleta Víctor Pérez Currás sobre os seus comezos no fútbol e como cambiou tamén co paso do tempo a súa relación coa lingua. "Recordo que de cativa [o galego] só se falaba na casa ou na aldea, e creo que iso está mudando. Cada vez a xente recoñece máis o valor de ter unha lingua propia, somos máis conscientes. Para min, que estou fóra, unha lingua propia ten moito valor. Cando explico que son dun recuncho do norte de España e que temos unha lingua propia, as persoas sorpréndense, para elas é un luxo, é un privilexio ter algo que te faga especial, que te diferencie", asegura a deportista en Conseguiremos un camiño por correr.

A relación entre a música e a lingua tamén ten espazo na serie da man de Alejandro Guillán Baiuca, que mestura con éxito a música electrónica e a tradicional, e Laura Lamontagne, que fusiona tamén os ritmos máis modernos con versos da literatura, oral e escrita, dende as cantigas de Martín Códax a Rosalía de Castro. Ambos protagonizan un capítulo filmado na costa coruñesa, no Concello de Oleiros. A paisaxe e os interiores foron escollidos con coidado para cada guión e levaron o equipo a rodar tamén na serra de Meira (Lugo), o concello natal do director de cine Andrés Goteira; o pazo de Fonseca da USC, escenario do capítulo que lles dá voz aos científicos Iria Veiga e Ángel Carracedo; e o instituto Eusebio da Guarda da Coruña, o espazo en que as actrices da Panadaría Teatro e Daniel Celester evocan o amor de Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron en 1901 nesta cidade e cuxa historia están a levar por múltiples escenarios de dentro e fóra de Galicia.
 

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete