A RAG celebra a Carvalho Calero como referente do "mellor da cultura galega do século XX"

A Real Academia Galega celebrou esta mañá o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, no mesmo edificio en que impartiu clases como primeiro catedrático de lingua e literatura galegas en Galicia. A sesión constou de tres alocucións académicas que profundaron na vida, na poesía e nas contribucións ao estudo científico do galego do filólogo, profesor, escritor e académico ao que a Real Academia Galega lle rendeu homenaxe este ano a cargo de Margarita Ledo, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, reivindicou o exemplo de don Ricardo, "un referente no que podemos e debemos seguir traballando alén do ano da homenaxe", e mais a presenza do galego en todos os ámbitos. A sesión pode verse nesta ligazón.
Os académicos de número e María Victoria Carballo-Calero, filla do homenaxeado, nas escaleiras da hoxe Facultade de Xeografía e Historia da USC, onde Carvalho Calero impartiu as primeiras clases de lingua e literatura galegas da institución. Fonte: RAG


"Nestes días en que volve a discutirse a utilidade dos idiomas e alguén quere reducir a cuestión a termos cuantitativos e excluíntes, a Real Academia Galega reivindica o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, como fixeron os precursores das Irmandades da Fala, os precursores de Nós: uso e presenza tamén no ámbito educativo, en todas as materias, sen excepcións, pensando moi especialmente nas novas xeracións, ás que debemos dotar de ferramentas e espazos de actividade para o seu desenvolvemento", expresou Víctor F. Freixanes. O presidente da Academia avanzou que a institución iniciou contactos con Euskaltzaindia e mais co Institut d'Estudis Catalans para "abrir un debate sincero e interesar a todo o Estado español nun patrimonio que quixeramos que se considerase común, un patrimonio –as linguas de España, que dicía o poeta vasco Aresti–, que nos compromete a todos e do que debemos sentirnos copartícipes e orgullosos", engadiu. Víctor F. Freixanes: A Real Academia Galega reivindica o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, como fixeron os precursores das Irmandades da Fala, os precursores de Nós"Víctor F. Freixanes demandou ademais aos poderes políticos, económicos e mediáticos "un apoio decidido" á difusión da lingua e da cultura galegas. "Somos conscientes de que unha cultura é fundamentalmente un espazo de comunicación, no que nos socializamos e sobre o que construímos o futuro na medida en que nos comunicamos e nos abrimos ao mundo. Somos universais porque queremos e sabemos estar no mundo, que é a contemporaneidade", proseguiu.

O presidente da Academia recoñeceu a excepcionalidade de 2020, marcada pola pandemia. Neste escenario, as tecnoloxías da comunicación foron fundamentais para acadar unha "difusión sen precedentes" dunha celebración "na que participa o conxunto da sociedade e mesmo vai máis alá das nosas fronteiras". Con todo, mostrou a disposición da RAG a seguir a afondar no legado de Carvalho Calero nos vindeiros meses con distintas palestras no seu Ferrol natal, Lugo –onde dirixiu durante quince anos o Colexio Fingoi– e Ourense –para lembrar tamén a súa presenza na revista Nós–, sen renunciar a homenaxear outro autor ou autora en 2021, "que tamén será un ano difícil". "As figuras ás que a RAG lles dedica o Día das Letras Galegas abren espazos de información, debate e reflexión que non conclúen nunha data, que están abertos mentres os sintamos vivos", declarou.

O acto de hoxe, tras ter que ser posposto, celebrouse "nunha das casas de don Ricardo", ante a imposibilidade de que se desenvolvese en Ferrol. "Compostela, igual que Lugo e Ferrol, é unha cidade fundamental para entender a biografía de Carvalho Calero", recordou.

Da poesía á concepción da lingua
Na quenda das alocucións académicas sobre Carvalho Calero, Margarita Ledo transitou polos versos dun autor que entendía a poesía como catarse e deixou o máis íntimo da súa personalidade reflectida nela; Ramón Villares trazou a biografía, escrita en tres escenarios centrais –as cidades de Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela–, de quen representa "o mellor da cultura galega do século XX"; e Francisco Fernández Rei, alumno do homenaxeado, analizou a evolución da súa visión do idioma, dende o galego autónomo ata o galego reintegrado que defendeu nos últimos anos. O presidente desculpou a ausencia por circunstancias persoais de Xesús Alonso Montero, que ía ofrecer outro relatorio sobre o autor. A súa achega será publicada canda as demais no Boletín da Real Academia Galega.

Margarita Ledo centrouse na faceta literaria coa que o homenaxeado se sentiu máis identificado. A súa foi unha ollada á poesía de Carvalho Calero guiada polos ecos de autoras e autores galegos como Pilar Pallarés, Pilar García Negro, Carmen Blanco, Salinas Portugal ou Claudio Rodríguez Fer. E tamén acompañada de René de Chateaubriand e polo Barthes de Fragmentos dun discurso amoroso, que situaron a académica "na sospeita e na experiencia de ler a Carvalho Calero coma un Werther que agarda a se prendar dunha imaxe, mentres a perda do desasosego amoroso o van envolvendo nun veo".

A de Carvalho Calero é unha poesía da existencia que reflicte o máis íntimo da personalidade do autor, salientou Margarita Ledo AndiónA poesía de Ricardo Carvalho Calero insírese na vangarda galega, ilumínase coa pegada do simbolismo e escurece no desacougo existencial que atinxe a xeración da posguerra. Unha "poesía da existencia" que, como o propio autor declarou, reflicte o máis íntimo da súa personalidade, lembrou Margarita Ledo. Con esta doa, a académica profundou "nas marcas dunha paisaxe que puntuamos coa muller, fatale ou divina, coa soidade que devala da arela de eterna renacenza, coa fábula cuxa función é luír na verdade do real". A través de varios poemas do autor, reparou en cuestións como a evolución no tratamento da figura da muller –dende a muller construída para ser mirada ata á muller suxeito das Cantigas de amigo e outros poemas (1986)–, a influencia do cinema ou as referencias aos textos bíblicos e as lendas artúricas, xermánicas e gregas na lírica de Carvalho Calero. "Unha poética da palabra en si"; e unha palabra, en definitiva, "que, por veces, se redime no obxecto que describe para que esa dualidade que lle fai compaña, a razón por sobre as marcas da existencia e do desexo, do descubrimento e da sedución, sanden a ferida", afondou.

Tras o Carvalho Calero poeta, chegou o retrato do autor a cargo do historiador Ramón Villares. "A súa figura representa cabalmente, nos seus logros e nas súas adversidades, o mellor da cultura galega do século XX, a protagonizada por unha xeración excepcional, filla intelectual do grupo Nós e formada na eclosión creadora, cultural e política, representada polo Seminario de Estudos Galegos, a novísima Facultade de Letras da USC e polo abrente político da II República", sintetizou. O académico trazou un percorrido vital que comprendeu distintas etapas en Ferrol e Santiago de Compostela, mais a luguesa. Este periplo vital simboliza "o que de ruptura tivo o mundo urbano na modernidade cultural e científica dunha Galicia que con demasiada frecuencia se asimila á sociedade rural, campesiña ou fidalga", valorou Ramón Villares.

O periplo vital do autor, con etapas en Ferrol, Santiago e Lugo, simboliza o que de ruptura tivo o mundo urbano na modernidade cultural e científica de Galicia, reflexionou Ramón VillaresO autor naceu en 1910 en Ferrol, a cidade de "racionalidade apolínea" onde impartiría a súa primeira conferencia, reorganizaría dende finais de 1932 o grupo galeguista local, e onde volvería tras a guerra civil "con dous anos de cárcere ao lombo e a marca de ser un depurado por razóns políticas e ideolóxicas". Xa no Lugo de Fingoi, Carvalho Calero sería dos "herois calados", en palabras de Luís Seoane, da resistencia interior e consolidaría a súa biografía intelectual como creador literario e autor da Historia da literatura galega contemporánea (1963). O regreso a Santiago de Compostela foi un "retorno serodio pero todo un triunfo fronte á súa biografía maltratada", porque se produciu para acabar sendo o primeiro catedrático de lingua e literatura galega en Galicia. O Carvalho profesor era algo diferente ao estudante "no que se refire á non militancia política partidista, pero a mesma persoa no rigor intelectual, no compromiso coa lingua e coa cultura galega", concluíu o académico.

Un profesor consagrado á "grande Galiza utópica"
Francisco Fernández Rei coñeceu no mesmo edificio que acolleu o pleno, primeiro como alumno e logo como compañeiro de facultade, aquel profesor "serio e de andar case solemne" de cuxas clases de Literatura Galega Moderna garda "unha lembranza inmellorable". "É innegable que estamos perante unha figura de nación", salientou recordando que o propio Carvalho Calero chegou a declarar que toda a súa vida estivo consagrada á "grande Galiza utópica" que soñaron os seus mestres. O académico evocou primeiro o recordo persoal do homenaxeado e profundou deseguido no "lingüista con vocación militante serodia". Unha vocación que arrincou cando asumiu "resignado e con vontade de servizo a Galicia", a redacción para Galaxia da Gramática elemental del gallego común (1966), que se convertería "nun fito na historiografía lingüística galega". "Nos anos 60 e 70 foi o principal instrumento para aprender a gramática da lingua propia de Galicia, con innegable influencia normalizadora", dixo.

Francisco Fernández Rei: "Foi un lingüista cunha vocación militante serodia que arrincou cando asumiu, con vontade de servizo a Galicia, a redacción da 'Gramática'""Fernández Rei analizou a evolución do pensamento lingüístico de Carvalho Calero a través das sete edicións deste volume –en que tomou como modelo de lingua a literaria– e outros traballos. "Nas primeiras edicións da Gramática consideraba que o galego era ‘lengua autónoma, desprendida del tronco gallego-portugués'; e na revisión da cuarta edición aínda o consideraba lingua de seu", repasou. A súa primeira manifestación pública reintegracionista foi un artigo xornalístico de 1975, e esta mudanza quedou reflectida na derradeira edición da Gramática. Entre outros factores, Fernández Rei considera que neste cambio houbo "un influxo innegable" do filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa, nun momento en que a romanística aínda "ignoraba o galego pola xeral ausencia de investigacións" sobre o idioma de Galicia, considerado como "dialecto portugués por motivos xenéticos ou do español por motivos políticos". Mais adiante, en 1988, apuntou o académico, comezou a editarse o Lexikon der Romanistischen Linguistik, referente da romanística actual, que no volume VI, 2 (1994), dedicado exclusivamente ao galego e ao portugués, consagrou a existencia da lingua galega.

Tras a conclusión do pleno, o presidente da RAG cedeu a palabra ao presidente da Xunta de Galicia. A celebración concluíu coa interpretación do Himno de Galicia a cargo da gaiteira Yasmina Farhani.
 

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete