A Academia solicita que a biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa declarada BIC para garantir a súa protección

A Real Academia Galega formalizou a semana pasada ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a solicitude para que a da biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa declarada como ben de interese cultural (BIC), xa que considera que só deste xeito pode garantirse a súa axeitada protección. A petición presentouse unha vez realizado o traballo de revisión e catalogación dos libros da escritora coruñesa que aínda fican nas Torres de Meirás, un labor que foi posible grazas ás xestións iniciadas a finais de 2015 pola RAG, que custodia preto de 8000 títulos da autora. A protección deste patrimonio singular foi un dos temas abordados na xuntanza que mantiveron hoxe en San Caetano o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen manifestou o apoio do Goberno autonómico a esta petición e confirmou que esta será aprobada en breve.
Pola esquerda, o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nun momento da reunión. Fonte: Xunta de Galicia


Na xuntanza, na tamén participaron o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o responsable da RAG solicitoulle tamén apoio ao presidente autonómico de cara á celebración en 2021 do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, cuxo legado cultural e intelectual é custodiado pola propia Academia por decisión da súa filla e herdeira, Blanca Quiroga. "Emilia Pardo Bazán foi unha das intelectuais máis sobresaíntes de todos os tempos e todo o relacionado con ela ten gran significación para a cultura de Galicia", salientou o presidente da Academia.

A solicitude da RAG para que a biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa recoñecida como parte do Patrimonio Cultural de Galicia —en particular como Patrimonio Bibliográfico Galego—e declarada BIC refírese ao seu conxunto, tanto aos volumes que custodia a propia institución como aos que se atopan nunha situación de desprotección xurídica, como é o caso daqueles que permanecen nas Torres de Meirás ou nas vivendas do ditador.

A RAG ten a súa sede na que foi vivenda da escritora na rúa Tabernas da Coruña, e é responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, situada no primeiro andar. O arquivo da Academia posúe un valioso fondo documental composto por manuscritos literarios, fotos e recortes de prensa, entre outros documentos da autora; e a biblioteca custodia na actualidade preto de 8000 dos libros que adquiriu ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor da comunidade investigadora. Catrocentos vinte proceden do propio domicilio coruñés e os outros 7463 de Meirás, onde ficaron, tras a cesión en 1938 ao ditador Francisco Franco do pazo que pertencera a Emilia Pardo Bazán, até que en 1978 o inmoble sufriu un incendio. Pero a día hoxe non menos de 3200 volumes continúan en Meirás segundo se determinou na catalogación promovida pola Academia, un requisito necesario para que poidan ser tidos en conta na declaración de BIC. O traballo foi realizado polas investigadoras Cristina Patiño Eirín e Mar Novo (Universidade de Santiago de Compostela) e polos estudantes de doutoramento de Olivia Rodríguez (Universidade da Coruña) Rubén Amado, Ariana García, Juan A. Jimeno e Francisco Novoa, sendo responsable por parte da RAG Xulia Santiso, conservadora da Casa-Museo.

A RAG salienta o valor deste patrimonio bibliográfico, tanto pola relevancia intelectual e histórica da autora como polos seus amplos intereses e as relacións con numerosos intelectuais coetáneos, o que fai da súa biblioteca un conxunto excepcional. A gran maioría dos volumes son primeiras edicións, moitos deles con anotacións manuscritas dos autores. Sobre todo abranguen literatura do Século de Ouro español, do XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación de literatura galega. Hai tamén volumes de historia, filosofía, socioloxía, guías de viaxes e unha ampla representación da prensa da época de Pardo Bazán, onde ela adoitaba colaborar. Unha boa parte deles contén subliñados e anotacións nas marxes, coa letra inequívoca da autora, o que os converte en únicos. Entre eles hai tesouros, como o libro de Saavedra Fajardo Empresas políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire do século XVIII, ás que alude a autora en Los pazos de Ulloa e dos que seguramente o primeiro dono foi o seu avó Miguel Pardo Bazán.

Exposición sobre Emilia Pardo Bazán en 2021, toponimia e dicionario castelán-galego
En canto ao primeiro centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, o presidente da RAG salientou a vontade da institución de asinar un acordo que recolla as achegas de todas as partes de cara á celebración dunha exposición que está previsto que se poida ver en 2021 na Biblioteca Nacional de España (Madrid) e que, salientou Víctor F. Freixanes, debe visitar tamén A Coruña, espazo vital e literario esencial da escritora e onde a RAG custodia a maior parte do seu patrimonio bibliográfico, documental, artístico e persoal.

Víctor F. Freixanes solicitou tamén ao presidente da Xunta de Galicia apoio orzamentario para manter a actividade científica da Academia. Alberto Núñez Feijoo subliñou neste eido o interese especial do Goberno galego por manter a colaboración coa Academia arredor do Portal da Toponimia —no marco do cal se inclúe a recollida colaborativa de microtopónimos a través da aplicación que a RAG e a Xunta de Galicia comparten, Galicia Nomeada— e pola posta en marcha do dicionario castelán-galego, que a Real Academia Galega agarda presentar antes do 17 de maio de 2021.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete