Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

O Vello do Pico Sagro

Imaxe da portada de O Vello Pico Sagro
Cabeceira do primeiro número d'O Vello do Pico-Sagro (3 de marzo de 1860)


A pesar da súa duración efémera, pois só saíron á luz cinco números, O Vello do Pico-Sagro sen dúbida merece ocupar un lugar sobranceiro dentro da historia da prensa galega por se tratar da primeira publicación periódica escrita integramente no noso idioma. Para entendermos a importancia desta publicación cómpre ter en conta que se ben nas décadas de 1840 e 1850 aumentara de maneira considerable o número de cabeceiras de prensa, así como a diversidade temática dos seus contidos, non obstante a presenza da lingua galega nelas foi moi reducida, cinguíndose unicamente a algunhas poesías presentes nas páxinas de El Centinela de Galicia, La Aurora de Galicia, La Oliva ou o do Diario de la Coruña. Xustamente neste contexto de eclosión da prensa do país e do agromar de novas fórmulas xornalísticas é no que hai que inserir o nacemento d'O Vello do Pico-Sagro.

Editados na Coruña, na "Emprenta do Hespicio Previncial", os cinco números desta publicación apareceron de xeito irregular durante os meses de marzo e abril de 1860. O seu especial carácter non se limita só ao feito de estaren escritos en galego, senón tamén aos contidos e ao estilo, os cales están máis preto da literatura popular e dos romances ca do xornalismo. En realidade O Vello do Pico-Sagro é un texto literario, pois consiste nun longo romance que ocupa a totalidade dos cinco números e que está escrito en versos octosílabos agrupados de catro en catro á maneira das coplas populares. Porén, a temática do romance é un asunto da máxima actualidade: a campaña militar das tropas españolas en Marrocos levada a cabo durante os primeiros meses de 1860. A expresión é dun patriotismo exaltado, salientándose a necesidade de facer a guerra á "mouraría" e realizando unha gabanza das vitorias logradas polo exército español. Mais a narración está feita dende unha perspectiva galega, xa que é o personaxe de Don Bastián -alcumado o Vello do Pico Sagro- o encargado de relatar os acontecementos militares aos asistentes á romaxe de San Bastián celebrada nese mesmo picouto das terras da Ulla; e tamén porque no texto se fan repetidas alusións ás reaccións da poboación galega ao longo do decorrer da guerra.

Todos os números están asinados por un único autor: "Mingos Gallego", o pseudónimo de Francisco Mª de la Iglesia, ou talvez do seu irmán Antonio Mª. Quenquera que fose o verdadeiro autor d'O Vello do Pico-Sagro, o certo é que os dous irmáns son ben coñecidos pola súa actividade como xornalistas, literatos e promotores da lingua e da literatura galegas. Francisco escribiu A fonte do xuramento, primeira mostra de teatro do Rexurdimento; e Antonio foi o autor dos tres volumes de El idioma gallego, a primeira tentativa de contar a historia da nosa lingua e da nosa literatura. Os dous tamén foron responsables da publicación de Galicia. Revista universal de este reino (1860-1865), importante revista cultural e símbolo do principiar do Rexurdimento.

Ademais de conservar a colección completa d'O Vello do Pico-Sagro, dispoñible na sección desta páxina web Hemeroteca virtual, así como os outros títulos que se veñen de indicar, a Real Academia Galega posúe un importante fondo procedente dos irmáns de la Iglesia que inclúe, xunto con libros e revistas, moitos manuscritos que son un material imprescindible para coñecermos a vida e as angueiras destes dous personaxes que tiveron un protagonismo fundamental no renacer da nosa literatura.

Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete