Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

O Tio Marcos d'A Portela

Detalle da portada de O Tío Marcos d´A Portela
Parrafeo Primeiro d'O Tio Marcos d'A Portela (7 de febreiro de 1876)


O nacemento d'O Tio Marcos d'A Portela en 1876 significou un importante avance no decorrer da prensa escrita no noso idioma. Publicada en Ourense e redactada por enteiro en galego, esta publicación adoptou un formato plenamente xornalístico e tivo unha duración bastante prolongada, se ben foi algo irregular e estivo distribuída en tres épocas diferentes. A primeira inaugurouse o 7 de febreiro de 1876, cando saiu á rúa o Parrafeo Primeiro, continuando con algunhas interrupcións deica o ano 1880. A segunda principiou en novembro de 1883 e durou sen suspensións ata decembro de 1889. Finalmente, logo dunha longa ausencia, a terceira xeira da publicación tivo lugar entre febreiro de 1917 e xullo de 1919.

A súa periodicidade comezou sendo quincenal, pasando en poucos meses a semanal. E así se mantivo durante as dúas primeiras épocas, aínda que na terceira pasou a ser de novo quincenal. Tamén variou na súa extensión, tendo catro páxinas na primeira xeira e despois oito nas dúas seguintes. En total saíron do prelo case cincocentos Parrafeos, o que converteu O Tio Marcos d'A Portela na cabeceira máis duradeira da primeira etapa da prensa en galego. E tamén na máis popular, pois en ocasións chegou a acadar tiraxes de catro mil exemplares, vendéndose nas feiras e mediante subscricións por toda Galicia e nas comunidades emigradas de América. Pódese dicir, xa que logo, que O Tio Marcos d'A Portela foi a primeira tentativa exitosa de crear unha prensa de masas escrita na nosa lingua. Con el naceu unha auténtica escola de xornalismo en galego que tivo numerosos seguidores e imitadores por todo o país.

O creador deste periódico, e o seu director nas dúas primeiras épocas, foi o ourensán Valentín Lamas Carvajal, importante figura da nosa cultura que destacou en calidade de xornalista e de escritor. Como xornalista, alén d'O Tio Marcos d'A Portela, dirixiu El Heraldo gallego e mais El Eco de Orense. Como escritor é coñecido sobre todo polo Catecismo d'a Doutrina Labrega (1889). Pero tamén foi autor dunha ampla obra literaria en prosa e en verso. Cando se fundou a Real Academia Galega, Lamas Carvajal converteuse nun dos membros numerarios orixinais en recoñecemento ao seu labor cultural, pero non puido ingresar como académico por mor do seu pasamento. Após a súa morte, a terceira etapa da publicación estivo a cargo de Javier Prado (Lameiro) e da Irmandade da Fala da cidade de Ourense.

Unha gran parte dos artigos do periódico foron escritos polo propio Lamas Carvajal usando diferentes pseudónimos. Outros debéronse á pluma de varios colaboradores. En xeral os seus contidos recollían os temas habituais da prensa do momento, cunha evidente predilección pola literatura culta e popular: poemas, contos, refráns, cántigas. As súas páxinas acolleron ademais textos dos principais autores galegos do Rexurdimento. Mais tamén estiveron sempre presentes as noticias de actualidade -local, galega, española- e os comentarios políticos, moitas veces expresados en forma dialogada (parrafeos), como xa viña sendo habitual dende a aparición da primeira prensa en galego. Porque o certo é que O Tio Marcos d'A Portela foi un periódico eminentemente reivindicativo que amosou uns obxectivos ben definidos: defensa dos labregos, defensa do idioma galego e defensa de Galicia. Baixo a dirección de Lamas Carvajal foron constantes as críticas contra o caciquismo, a emigración e os abusos de poder. Na última etapa mantívose nesa mesma liña crítica e reivindicadora, pero inspirada de maneira manifesta por unha ideoloxía rexionalista que xa comezaba a se definir como nacionalista. Cómpre salientar igualmente a presenza de publicidade en galego a partir da segunda época, unha práctica que se fixo máis habitual durante a terceira.

Para rematar, unha curiosidade. Marcos d'A Portela, o personaxe escolleito por Valentín Lamas Carvajal para dar título ao periódico e para convertelo en autor apócrifo do seu Catecismo, está inspirado nunha figura histórica. O seu nome real foi Marcos Peralba e viviu nun lugar de Monteporreiro (Pontevedra) durante as primeiras décadas do século XVIII. Foi frei Martín Sarmiento quen primeiro nos falou del e quen o incluíu entre os protagonistas das súas coplas galegas. Máis dun século despois Lamas Carvajal trasladouno a terras ourensás e popularizouno coa feitura do galego enxebre que nos falou a través das páxinas da súa publicación.

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar