Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

Jesús Rodríguez López e as 'supersticiones de Galicia'

Unha escena de relixiosidade popular imaxinada nun gravado decimonónico
Unha escena de relixiosidade popular imaxinada nun gravado decimonónico, conservado no Arquivo da Real Academia Galega


A figura do médico lucense Jesús Rodríguez López (1859-1917) é ben coñecida no contexto da nosa literatura de finais do século XIX e comezos do XX. Membro da Real Academia Galega desde a súa fundación en 1905, el foi o autor de varias obras literarias en galego -poesía, prosa e teatro- e ademais colaborou nas principais cabeceiras da prensa monolingüe con numerosas achegas de carácter literario e etnográfico. Precisamente este último aspecto da súa traxectoria vital e intelectual, o seu labor etnográfico, é o que nos interesa pór de manifesto nestas liñas.

Cómpre salientar que tanto o seu interese pola cultura popular como a actitude respecto dela non se poden entender sen termos en conta a súa profesión de médico. E isto é así porque o feito de exercer o seu oficio en Mondoñedo e nas freguesías do rural foi o que lle permitiu coñecer ben as crenzas e os costumes da poboación labrega, especialmente todo o relacionado coa medicina popular; e tamén porque, sendo médico, unha das súas maiores preocupacións foi a de facer desaparecer aquelas opinións e prácticas que el consideraba erróneas, ridículas, inútiles e incluso prexudiciais para a saúde, como por exemplo a crenza en meigallos e na existencia de seres sobrenaturais causantes de enfermidades, ou ben a confianza nas curacións mediante cerimonias máxico-relixiosas. Enténdese así o título e a finalidade dunha das súas obras máis coñecidas: Ligeros apuntes sobre las supersticiones de Galicia, publicada en Lugo no ano 1895. Nas páxinas deste libro atopamos descritas -e denunciadas- unha gran cantidade desas "supersticións", desde os ritos da noite de San Xoán ou o uso de amuletos ata os exorcismos e a crenza na Estadea. A mesma actitude de denuncia encontrámola igualmente noutros dos seus escritos, quer no titulado Las preocupaciones en medicina (1896), quer en diversos artigos publicados na prensa galega da época. Podemos dicir, xa que logo, que Rodríguez López se insire plenamente na corrente crítica que pretendía lograr unha reforma dos xeitos de vida das clases populares mediante a eliminación daquilo que se consideraba "supersticións".

Mais esa actitude crítica tamén lle causou problemas coas autoridades eclesiásticas, as cales chegaron a cualificar algunhas das súas opinións de "erróneas", "atrevidas" e "impías". Concretamente foi o bispo de Lugo, Benito Murúa, quen no mes de outubro de 1895 proclamou un edicto prohibindo os Ligeros apuntes sobre las supersticiones de Galicia co argumento de que a lectura do libro era "perniciosa" para a fe católica e fomentaba a incredulidade, a pesar de que Rodríguez López fixera ao longo do seu libro pública expresión de adhesión ao catolicismo. Parece ser que uns comentarios do médico alcumando de "supersticiosas" certas cerimonias relixiosas realizadas durante as honras fúnebres foron os que provocaron a reacción do bispo. Esa breve crítica, que en realidade se limitaba a tres parágrafos contidos en dúas páxinas, valeulle a Rodríguez López unha condena eclesiástica que implicaba a prohibición de ler, gardar e reimprentar o seu libro. Posteriormente, após unha entrevista co bispo, o escritor lucense accedeu a eliminar nunha futura edición da obra os comentarios considerados ofensivos contra a relixión. Esta edición, corrixida e aumentada, publicaríase en 1910 co novo título de Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Emporiso, a pesar de ceder ás exixencias do bispo eliminando dela as pasaxes polémicas, Rodríguez López non deixou de arrebolar desde as páxinas da nova edición duras críticas contra unha parte da Igrexa católica que se resistía a adaptarse aos novos tempos.

(Acceda aquí ao texto da Prohibición publicada no Boletín Eclesiástico del Obispado de Lugo)

A polémica reflectiuse tamén na prensa galega, onde os comentarios sobre o libro incluíron así mesmo mencións á prohibición eclesiástica. Na Real Academia Galega gárdase un conxunto de recortes de xornais con comentarios procedentes de distintas cabeceiras, grazas aos cales podemos coñecer algunhas das opinións e actitudes existentes ao respecto. Ademais esta pequena colección ten un valor moi especial por se tratar probablemente dunha escolma realizada polo propio Jesús Rodríguez López.

Lendo os diversos comentarios destaca a total unanimidade nas actitudes verbo da cultura popular, pois todos os comentaristas coincidiron en gabar a postura crítica e reformadora de Rodríguez López. Eles compartiron co médico lugués unha mesma opinión negativa das "supersticións", actitude manifestada con claridade a través das expresións que utilizaron para describilas: "ridiculeces", "extravagancias", "viciosas prácticas", "antemural contra la cultura"... Os cualificativos non deixan lugar a dúbidas acerca do que pensaban sobre as crenzas populares. Por iso reivindicaron a utilidade dos Ligeros apuntes e dos esforzos reformadores de Rodríguez López, a quen incluso un comentarista chegou a comparar con Benito J. Feixoo, pensando que o médico lucense, ao igual ca noutrora o bieito ourensán, tamén loitaba para espallar entre os seus contemporáneos as luces da educación e para purificar a relixión de "supersticións" alleas a ela. Lonxe estaban estas consideracións das opinións dun Murguía que vía na cultura popular unha manifestación do "xenio" galego. E aínda estaban máis lonxe de calquera tentativa de comprender esas crenzas e prácticas dentro do seu contexto cultural ou de querer saber por que a xente facía uso delas.

Así a todo, a unanimidade desaparecía no momento de trataren da prohibición eclesiástica, pois nese caso a opinión de cada comentarista variaba visiblemente consonte as súas conviccións políticas e relixiosas. Obviamente, o anónimo comentarista que escribía nun xornal católico e conservador como era El Lucense quixo xustificar a condena eclesiástica. No seu parecer, Rodríguez López fixérase merecente da censura por escribir sobre determinados asuntos relixiosos sen ter os coñecementos necesarios para o facer. Mais o xornal remataba gabando a conduta do médico lugués que se sometera ás decisións do bispo, tal como debían facer todos os "fillos obedientes" da Igrexa, demostrando así que, malia cometer erros, el non era un "herexe". Moi diferentes eran, pola contra, as opinións expresadas en periódicos de tendencia republicana. Por exemplo o encargado de comentar o libro nas páxinas do xornal pontevedrés La Unión Republicana laiábase de que o autor da obra evitase criticar, por prudencia, moitas outras supersticións relixiosas, como eran a crenza en milagres, a ofrenda de exvotos aos santos ou as peregrinacións ao Santo André de Teixido. E aínda se mostraba máis explícito Aureliano J. Pereira desde as páxinas de El País de Madrid, ao dicir abertamente que deploraba a decisión de Rodríguez López de se someter aos ditados da Igrexa aceptando expurgar do seu libro aquelas pasaxes que provocaran a polémica. Na súa opinión, o labor reformador pasaba por facer desaparecer tamén as "supersticións" relacionadas coa relixión que estaban amparadas pola Igrexa.

Este feixe de retrincos da prensa que acabamos de analizar moi brevemente gárdase no Arquivo da Real Academia Galega xunto con outros documentos e escritos do médico e literato lucense. Todo ese material procede da amable doazón de Dª María do Carmo Mourelo Gallardo, viúva de D. César Rodríguez Fernández, quen foi neto de Jesús Rodríguez López. Grazas a esta doazón efectuada no ano 2003, hoxe dispomos de valiosas informacións que nos permiten coñecer en máis detalle a vida e a obra dese importante escritor galego.

Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete