Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

Gazeta Marcial y Política de Santiago

Detalle da cabeceira da publicación
Cabeceira do primeiro número da Gazeta Marcial y Política de Santiago (1 de febreiro de 1812)


É moi probable que fose nas páxinas desta Gazeta, editada en Compostela durante os anos 1812-1813 baixo a responsabilidade do impresor Manuel Antonio Rey e do director Juan Bautista Caamiña, onde o noso idioma se empregase por primeira vez nunha publicación periódica galega.

Se debemos situar no ano 1800 os inicios da prensa en Galicia, cando saiu do prelo en Santiago o efémero El Caton compostelano, e despois no ano 1808, data da aparición do Diario de la Coruña e do Diario de Santiago, non temos constancia de que se utilizase o galego nas publicacións periódicas ata que apareceu en febreiro de 1812 a Gazeta marcial y política de Santiago. É no seu n. 2, do 5 de febreiro, onde podemos ler o primeiro texto en galego: titúlase "Carta recomendada" e vén asinado por Ramón González Senra (probablemente un pseudónimo). Trátase dun artigo de propaganda política a prol do liberalismo no que se gaban as vantaxes de certas reformas liberais e se defende a idea da soberanía popular en contraposición ao poder absoluto do monarca. Posteriormente aparecerán outros artigos en galego de maior ou menor extensión, e todos eles de propaganda liberal: o "Artículo comunicado" de Xân de Mingucho (n. 70, 29 de setembro de 1812); a "Conversacion entre los compadres Bértolo y Mingote" (n. 12, 9 de febreiro de 1813); ou a conversa entre catro labregos no adro dunha igrexa (n. 30, 1 de abril de 1813).

A Gazeta non foi a única publicación periódica do momento no que os lectores acharon escritos en galego, pois tamén os podían ler nas páxinas doutras publicacións coetáneas e inmediatamente posteriores, por exemplo no Diario civico-patriótico ou na Estafeta de Santiago, dúas revistas que atesoura a Biblioteca da Real Academia Galega xunto coa Gazeta marcial y política de Santiago.

Pero o uso do galego na propaganda política non era unha novidade por volta de 1812. Con anterioridade xa saíran á luz, entre 1808 e 1810, algunhas follas soltas e folletos a xeito de manifestos patrióticos chamando á guerra contra os franceses. Máis tarde os escritos centráronse no conflito político entre absolutistas e liberais, e nese contexto publicáronse obras en galego ben coñecidas, das que salientan Os Rogos d'un gallego (1813) de Manuel Pardo de Andrade; o Dialogo entre Dominjos è Farruco (1820); ou La Tertulia en la Quintana (1820). Neses anos o galego seguiu tendo presenza na prensa, nomeadamente en artigos de temática política inseridos en cabeceiras como El Ciudadano por la Constitucion da Coruña ou El Heráclito español, y Demócrito gallego de Compostela. Moitos deses textos poden consultarse na Biblioteca da Real Academia Galega.

Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar