Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

As Burgas. Literatura e artes

Imaxe da portada do primeiro número de "As Burgas"
Cabeceira do primeiro número d'As Burgas (24 de decembro de 1894)


Foi na cidade de Ourense onde comezou a publicarse, en febreiro de 1876, O Tio Marcos d'A Portela, a cabeceira máis importante da prensa do século XIX escrita en galego e tamén a de maior duración, xa que con algunhas interrupcións chegaría ata decembro de 1889, saíndo do prelo novamente entre 1917 e 1919. Outras tentativas levadas a cabo durante o século XIX para crear unha prensa en galego foron pouco afortunadas e tiveron unha duración moito menor, de maneira que ao principiar a década de 1890 xa case non existía ningunha das que xurdiran nos anos precedentes. Esa era a situación cando no ano 1894 viu a luz en Ourense un novo periódico monolingüe: As Burgas. Literatura e artes. Precisamente os seus responsables eran moi conscientes do baleiro deixado pola desaparición d'O Tio Marcos d'A Portela ou d'A Monteira, e así o manifestaron nas páxinas da revista para salientar a necesidade dunha nova cabeceira en galego. Máis en concreto, eles explicaron que o motivo para publicar As Burgas era o de fomentar a afección por ler e escribir en galego, e tamén a divulgación da literatura feita na lingua do país.

Ende mal o proxecto d'As Burgas non se consolidou e tivo unha vida moi curta. O primeiro número saíu o 24 de decembro de 1894; mentres que o último exemplar do que se ten constancia é o número 10, do 3 de marzo de 1895. A súa periodicidade era semanal e cada número constaba de oito páxinas. Detrás do proxecto había un fato de mozos descoñecidos -como eles mesmos se cualificaban- e con intereses literarios que estaban a iniciar unha carreira xornalística. Sabemos que a dirección d'As Burgas estivo a cargo de Santiago Álvarez de Nóvoa, a pesar de que o seu nome non figure na revista como director e de que só apareza como autor en raras ocasións. En troques, as sinaturas máis habituais na breve historia do periódico foron a de Francisco Álvarez de Nóvoa e a de Heraclio Pérez Placer, autores de numerosas contribucións en prosa e en verso. Anos máis tarde estes dous escritores e o director da revista converteríanse en membros correspondentes da Real Academia Galega. O resto das colaboracións constaban das achegas de Jesús Rodríguez López, Benito Losada, Filomena Dato ou Juan Barcia Caballero, e mesmo dalgúns poemas de Rosalía e de Curros.

Como o seu subtítulo permite adiviñar, os contidos d'As Burgas foron eminentemente literarios e culturais, estando conformados por poesías, relatos curtos, noticias sobre actividades e sobre novas publicacións. A iso hai que engadir a habitual sección de actualidades e os parrafeos de crítica social e política. Tamén resultan de especial interese dous artigos escritos polo médico e literato lucense Jesús Rodríguez López nos que se criticaba con dureza algunhas supersticións presentes na medicina popular, en especial a tan espallada crenza na paletilla e na espiñela. Na súa opinión, periódicos en galego como As Burgas poderían contribuír a acabar coas supersticións e a sementar os coñecementos útiles nas aldeas, pois estaban escritos na mesma lingua que falaban os labregos. Por iso era oportuno que desde as súas páxinas se atacasen as crenzas en meigas, en agoiros ou na Santa Compaña.

A defensa e promoción da nosa lingua, así como a oposición ao centralismo, testemuñan a orientación galeguista desta publicación. Porén, os seus responsables tamén se mostraron críticos co nacente rexionalismo. Así un artigo anónimo publicado no número 9 laiábase de que certas actividades dalgúns dos seus representantes -en alusión a Alfredo Brañas- non estivesen motivadas polo amor a Galicia, senón por ambicións persoais. Fronte a ese "mal chamado Rexionalismo" desde a revista postulouse a necesidade de crear unha Liga Gallega que, como a Lliga catalá, defendese de verdade o país e que tivese por ideario Todo por Galicia é pra Galicia. A esas críticas hai que engadir as esporádicas referencias burlescas a aquela poesía galega inspirada no celtismo que se atopan nas páxinas d'As Burgas, sobre todo no relato satírico titulado "A Lira de Breogan" asinado por Heraclio Pérez Placer, burlas que sen dúbida ían dirixidas implicitamente contra a obra de Eduardo Pondal, poeta de clara inspiración celtista e rexionalista. Todos estes indicios mostran que un semanario en galego como As Burgas non ocultou as súas reticencias respecto de determinadas manifestacións dun movemento rexionalista que daquela comezaba a se organizar.

Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar