Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

A primeira descrición da nosa bandeira

Fragmento de texto no que se describe a nosa bandeira
Debuxo da actual bandeira galega recollido en El Eco de Galicia de Buenos Aires (N. 248 do 10 de setembro de 1898)


A actual bandeira de Galicia soamente adquiriu un carácter oficial en 1984, coa aprobación da Lei de Símbolos de Galicia polo primeiro parlamento galego. Este recoñecemento serodio a nivel institucional foi consecuencia dunha serie de circunstancias históricas que impediron a oficialización dun símbolo que desde a súa concepción viñera acadando unha importante aceptación social -circunstancias tan determinantes como a inexistencia de institucións políticas propias durante a nosa historia recente e despois a longa ditadura franquista. Mais o certo é que a existencia da nosa bandeira pode facerse remontar ata a derradeira década do século XIX, tal como demostraron recentemente os académicos Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xosé Luís Axeitos nun interesante estudo publicado no libro Os Símbolos de Galicia.

Unha parte da historia dos usos iniciais da bandeira e da súa progresiva popularización pode ser recuperada grazas á consulta da prensa, aínda que sen dúbida hai moitos detalles que descoñecemos por falta de máis informacións. Desde finais do XIX descubrimos en xornais e revistas diversas mencións ás súas aparicións temperás en actos públicos. Ademais é tamén na prensa onde achamos a primeira descrición do actual pavillón galego. Infelizmente aínda hoxe ignoramos algúns detalles importantes acerca do artigo que contén esa primeira descrición da nosa bandeira. Sabemos que se publicou orixinariamente no ano 1898 nun xornal compostelán, pero sen que exista absoluta certeza sobre cal foi (quizais a Gaceta de Galicia). Tamén descoñecemos se o escrito estaba asinado ou era anónimo. Posteriormente o artigo apareceu publicado, sen indicación de procedencia nin de autor, no N. 248 (10 de setembro de 1898) de El Eco de Galicia de Buenos Aires, co título de "La bandera de Galicia", e esta é a versión coñecida hoxe.

O anónimo autor de "La bandera de Galicia" comezaba laiándose da ausencia do pavillón galego nas rúas das cidades durante a celebración de distintas festividades, lamentándose tamén de que a maior parte da poboación ignorase cal era a bandeira do país, non sendo aquelas persoas máis doutas e ilustradas. Por ese motivo el considerou que era un deber patriótico publicar o seu escrito para dar conta do deseño e das cores do pavillón, logo de consultar o asunto -segundo el mesmo confesaba- con persoas entendidas na materia. Así foi como chegou a describila en termos moi semellantes á actual: fondo branco e franxa azul atravesando o centro desde o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito, engadindo ademais que no centro debía representarse o escudo composto de cáliz, coroa e cruces. Temos aquí, por tanto, a primeira descrición coñecida da nosa bandeira. Ora ben, a importancia do devandito artigo non se limita a iso, xa que tamén nos ofrece unha valiosa noticia sobre o que podería ser a súa primeira aparición pública, cando o autor confesa que a única vez que a viu usada publicamente foi durante a translación do corpo de Rosalía de Castro desde Iria Flavia ao mausoleo da igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela, é dicir, nun acontecemento que tivo lugar entre os días 25, 26 e 27 de maio de 1891.

De ser correcta esa noticia -e parece que non hai ningunha razón para que non sexa-, confirmaríase a existencia e a utilización da bandeira branca e azul no principiar da derradeira década do XIX. Mais, cal era a súa procedencia e quen a empregaba entón? Non é posible dar unha resposta segura a estas interrogantes debido á falla de máis informacións. Porén, como suxiren Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xosé Luís Axeitos no traballo xa mencionado, é moi probable que fosen os rexionalistas de Santiago de Compostela quen a comezos da década de 1890 concibisen a bandeira e empezasen a usala en actos públicos, nunha cidade na que -lembremos- residía por esas datas Manuel Murguía e onde o movemento rexionalista estaba a dar os primeiros pasos baixo a súa dirección. O que si é seguro é que en anos posteriores esa foi a bandeira empregada polo rexionalismo e despois polo nacionalismo galego (Liga Gallega, Real Academia Galega, Irmandades da Fala, Partido Galeguista, etc.), e que aos valedores das ideas galeguistas correspondeu a progresiva popularización do pavillón branquiazul por todo o país mediante as numerosas celebracións e actividades que realizaron. Pero foi unha popularización que non estivo exenta de polémicas e de desavinzas, causadas pola oposición dos partidarios doutras opcións, principalmente daqueles que defenderon, invocando a tradición histórica, unha bandeira totalmente branca co escudo no medio (cáliz, coroa e cruces).

Cómpre salientar que ao longo dese proceso de popularización da actual bandeira a Real Academia Galega tivo un protagonismo senlleiro na aceptación maioritaria do pavillón promovido polo galeguismo, ao actuar coa autoridade e co prestixio que lle confería o feito de ser a principal institución cultural do país. Este compromiso da Real Academia Galega culminou coa redacción, en xuño de 1930, dun ditame oficial sobre os símbolos de Galicia no que se expresaba de maneira inequívoca a súa defensa a prol da bandeira azul e branca.

Premendo aquí pódese acceder ao artigo "La bandera de Galicia" publicado no N. 248 de El Eco de Galicia.

Axenda de actos Ver todos
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar