Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

O busto de Nóvoa Santos

Imaxe dun busto feito por Nóvoa Santos
Imaxe do busto de Nóvoa Santos conservado na Academia


Nado n´A Coruña en 1885, desde neno foi un estudante brillante. Rematou a carreira de Medicina aos vintedous anos cun expediente de matrículas de honra e dous sobresalientes. Foi catedrático de Patoloxía antes dos 30 anos e un científico enormemente prolífico tendo en conta a súa curta vida. Morreu en Santiago de Compostela en 1933, contando 48 anos de idade.

A súa obra científica iníciase no eido da Patoloxía, co fin de mellorar as ferramentas teóricas na identificación de doenzas. Nese campo, o seu Manual de Patología General foi un referente en todo o mundo hispano durante décadas. Porén, é xusto esquecer a súa vertente máis polémica. En La indigencia espiritual del sexo femenino, Nóvoa Santos desenvolve unha teima machista que o acompañou ata o fin dos seus días e que, pouco antes de morrer, o levou a votar, no Congreso dos Deputados español, en contra do sufraxio feminino, alegando a presenza dun carácter reaccionario por natureza nas mulleres.

A partir da segunda década do século XX, amosou grande interese pola psicoloxía, introducíndose, paseniño, na heterodoxia científica. Aínda que foi un dos primeiros galegos en nomear a Sigmund Freud, o seu pensamento científico imbuíuse de espiritualidade e mesmo se somerxeu no ocultismo. Proba desta mudanza ideolóxica é o seu artigo "Das Supersticións", publicado na revista nacionalista Rexurdimento, editada en Betanzos entre o ano 1922 e 1923. Nel, único artigo do autor escrito en galego do que temos constancia, defende a posibilidade de que as supersticións do pobo teñan unha base real:

" Un asunto cheio d'intrés tería de selo, sin dúbida, estudar os puntos de contauto antrós fundamentos esternos e internos das crencias supersticiosas e os fenómenos revelados pol-os estudos metapsíquicas, pois parece que tamén eiquí o mesmo que n'outros ordes da aitividade humana, a ollada conservadora e os sentimentos do pobo adiantaronse o estudo e ós descubrimentos dos homes de cencia".

A mestura desta espiritualidade con enxebreza é o vencello fundamental, e probablemente o único, que tivo con algunha das figuras do nacionalismo galego. A súa preocupación por darlle explicación científica ao fenómeno popular da Santa Compaña foi, con total seguridade, coñecida por Vicente Risco e a análise da saudade que desenvolve en La inmortalidad: dolor y saudade influíu profundamente, segundo indica Baldomero Cores Trasmonte, no pensamento doutro médico: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Así, no ensaio Sempre en Galiza, o polígrafo de Rianxo xustifica a existencia da saudade apoiándose en fragmentos das explicacións do propio Nóvoa Santos.

Menos coñecida aínda foi a súa vertente política. Con 18 anos comezou a colaborar en publicacións anarquistas coma La Revista Blanca, Tierra y Libertad, El Rebelde e Natura, asinando co seudónimo de Pedro Novoakow, combinación do seu segundo nome -Pedro- cunha pretendida eslavización do apelido Nóvoa. Nos seus escritos defínese como federalista e ateo; unhas características que lle valeron a cualificación de "herético" por parte do Cardeal e Arcebispo de Santiago de Compostela, Monseñor Martín de Herrera. Coa chegada da II República, militou na Federación Republicana Gallega, unha formación constituída por persoas de posicións ideolóxicas diversas que o levou a ser deputado nas Cortes Constituíntes e a intervir, xa que logo, no debate sobre o proxecto constitucional republicano.

No ano 1926, foi proposto membro de número da Real Academia Galega polos académicos Salvador Cabeza de León, Juan Barcia Caballero e Pablo Pérez Constanti. Porén, o seu acceso á cátedra de Patoloxía Xeral da Universidad Central De Madrid deixou en suspenso a entrada na corporación galega, pois o regulamento esixe a residencia en Galicia dos membros de número. Xa en Madrid, no ano 1929, foi proposto o seu ingreso como membro correspondente, pero tampouco desta volta chegou a tomar posesión. O seu labor académico e político, sumado ao seu temperán pasamento, impediron o seu ingreso na Academia.

As inquietudes intelectuais e políticas de Nóvoa Santos nunca o abandonaron. O 11 de febreiro de 1933, poucos meses antes da súa morte, fundou, cun amplo grupo de intelectuais españois -entre os que se encontraban Jacinto Benavente, Federico Garcia Lorca, Gregorio Marañón e Pío Baroja-, a Asociación de Amigos de la Unión Soviética. No seu texto fundacional, o proxecto soviético definíase como "o acontecemento económico e social máis formidable do mundo moderno" e con esta iniciativa pretendían estreitar vínculos con el, ao tempo que popularizaban as súas ideas.

O busto de Roberto Nóvoa Santos, elaborado en xeso policromado, chegou en 1983 á Academia mediante unha doazón da súa filla, Olga Nóvoa-Santos Gamallo. Trátase dunha peza da que temos moi poucos datos: non esta asinada e carecemos de documentación que acredite a autoría da obra. Non obstante, debemos ter en conta a similitude co busto do propio Roberto Nóvoa Santos, elaborado en bronce por Francisco Asorey na primavera de 1961, que se encontra no vestíbulo da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Dadas as similitudes, é probable que o busto que acolle a Academia sexa un primeiro estudo en xeso realizado no taller do escultor cambadés, pois as faccións e a expresión da mirada son idénticas en ámbalas dúas esculturas.

Axenda de actos Ver todos
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar