Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

Mariñeiro, pescador e pesco

Mariñeiro é termo xenérico para designar a persoa que realiza faenas de pesca, sexa esta de baixura nas rías ou de altura no Grande Sole e noutros caladoiros de moita profundidade, e sobre todo aplícase a quen anda ao mar, en barco propio ou alleo, ás ordes dun patrón. Hai mariñeiros que practicamente todo o ano se dedican a pescar, pero en portos con boa frota de barcos de cerco de xareta, coma no arousán de Cambados, na primavera e no verán os mariñeiros andaban de noite á sardiña e outros peixes coa arte do cerco (ou con diversas artes de enmalle) para no outono pescaren sardiña de día co caldeo da raba ou ben un bo quiñón deses mariñeiros se convertían en rasteiros que andaban ás ameixas e ás vieiras con rastros (popularmente rastos).

Mariñeiro tamén é a persoa que traballa nun barco de pasaxe ou nun mercante. A finais da década de 1950 comezou unha forte emigración de mariñeiros das Rías Baixas, particularmente na da Arousa, para traballaren en mercantes holandeses ou alemáns; desta xente do mar dicíase que andaban a navegar, polo que popularmente se denominaban navegantes. Outra acepción de mariñeiro é a que designa a persoa que serve na mariña de guerra, para a que tamén se usa o sinónimo mariño.

No galego escrito e no oral é bastante frecuente empregar pescador no canto de mariñeiro, case sempre por calco do castelán, porque en galego pescador é un termo específico co que se denomina o mariñeiro que traballa con liña (e non con artes de enmalle), como tanta xente que na illa de Ons ou no Grove andaba en dorna a pescar polbo. Hai portos galegos onde a xente que vive do mar nunca usa a voz pescador, a non ser como adxectivo en frases como éche un barco moi pescador.

Específico tamén é o moderno termo rañeiro co que en portos do mar da Arousa se designan os mariñeiros que hoxe poden vivir do marisco que apañan con raños ou rastros e que ao longo do ano fan na ría labores "agrícolas" coa vieira e con outros mariscos, de igual xeito que as mariscadoras semean e recolleitan ameixa nas areas das praias. Os rañeiros son mariñeiros-labradores, xa non son os mariñeiros-cazadores que andan á sardiña ou ao percebe ou os que traballan na altura a centos ou miles de millas do litoral galego.

A persoa que pesca por afección no mar ou no río denomínase pescador, tanto na beiramar como nas falas do interior. Segundo os datos inéditos do Atlas Lingüístico Galego, ese termo é xeral en todo o actual dominio lingüístico galego para a persoa que pesca no río, pero en moitas falas de Ourense e nalgunhas de Lugo convive coa voz pescantín, mentres que en bastantes falas da Coruña e de Lugo (e esporadicamente no resto do dominio do galego, mesmo en León e Asturias) úsase o termo troiteiro.

Pescantín e pesco son voces que non se usan entre a xente do mar. Referidos aos mariñeiros son termos frecuentemente pexorativos que utilizan persoas que non viven do mar. A pobreza da clase mariñeira na posguerra, con peixeiras e patifas que levaban peixe e marisco polas aldeas para trocalos por produtos do campo máis que para vendelos, fixo que a xente labrega sentise daquela unha certa superioridade sobre pescos e pescas, termos que seguiron usando cando os produtos do mar acadaron valor e bo prezo e xa ninguén pateaba corredoiras e aldeas rogando con eles.

No galego escrito moderno as primeiras documentacións do mariñeiro que traballa nun barco de guerra están n'O romance da Urca de Santo Antón (1777), de autoría anónima:

É in pouco mais de dous brincos
dende popa bay á proa,
é, sé atopa no caminho,
aljún pobre mariñheyro
anque seya seu amijo
cimbralhe'-unha bofetada
com' a que deron á Cristo
.

E as primeiras para o mariñeiro que traballa no mar están na "Égloga de Belmiro e Benigno" (1828), de Nicomedes Pastor Díaz, e nos Contos da aldea (1846) e n'A gaita gallega (1853) de Xoán Manuel Pintos, obra á que corresponden estes versos:

E po lo fío tirando
Pouquiño a pouco direito,
irían vindo cal peixes
que recolle o mariñeiro.
Que gusto con tal redada
metida no meu tinteiro!

O primeiro rexistro de pescador (de mar) figura no poema "Cambados, 1836", de Antonio de la Iglesia, onde debe ser castelanismo, porque en Cambados nin houbo nin hai mariñeiros que pescasen con liña:

Cantan os crègos ò son
d'o punteiro d'unha gaita
é vai botando foguetes
o mayèrdomo con alma,
q'è un pròbe pescadore
aviñotado d'a cara,
arropiñado d'os pelos,
ollos verdes, longa pata
.

A seguinte documentáción está no galego estremeiro, nos Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861), de Antonio Fernández Morales:

O ver noso capador,
(póis non era óutro ningun)
o pasmo d'os pescadores,
escagallóu po lo cu
dez coronillas n a lancha,
pegóu un salto, é ‘n o azul,
alborotáo mar , ben listo
fundiu de novo o testuz
.

As primeiras documentacións de pesco están todas no Coloquio de 24 gallegos rústicos (1746) do Padre Sarmiento:

Por fin; ôs navíos,
è barcos dos pescos
se ven navegare,
è máis se están quedos.
(…)
Mais à do Camiño
que à Tuy vay dereito,
è à de Mourente,
donde van os pescos
(…)
Ajunta o Alarbio,
que fan òs labregos:
è Danza de Espadas
que fan nosos pescos
.

O termo pescantín, tan popular en falas de Ourense para o pescador de río, ten as primeiras documentación en obras de autores desta provincia, nos Parrafeos (1877) de Valentín Lamas Carvajal e na Literatura popular de Galicia (1881) de Juan A. Saco y Arce. E no caso do troiteiro o primeiro rexistro está nos Contos da aldea (1858) do pontevedrés Xoán M. Pintos ("alí onde se ven coa vara pescando muitos troiteiros catando si a troita pica da liña no pimpineo"). A forma rañeiro, popular na ría da Arousa e nas de Pontevedra e Vigo, aínda non ten unha entrada no Dicionario da RAG e tampouco figura entre os millóns de rexistros do Tesouro Informatizado da Lingua Galega, onde se consultaron as primeiras documentacións de todos estes termos.

Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete