Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

Gamela

A gamela é un barco xeralmente de pequeno tamaño, con proa e popa achatadas (ou con proa en punta), que pode ter corredores na cuberta ou carecer deles. As táboas do costado constrúense a tope (e non a calime), de xeito que a parte saínte dunha encaixa na entrante da outra, e esas táboas levan uns reforzos no canto de cadernas. Carece da quilla da dorna e doutros barcos, ten o fondo plano e algo arqueado, o que permite que navegue con pouca auga.

Na tipoloxía desta embarcación a máis característica é a gamela guardesa, de considerable tamaño por traballar en mar aberto, con proa e popa achatadas, sen corredores e cun temón moi grande. Nun comezo impulsábase a remo, pero logo usouse unha vela trapezoidal ao terzo, con moito menos pano ca o da vela de relinga da dorna, como se pode apreciar na Sala do Mar do Museo do Pobo Galego onde se expón unha gamela guardesa aparellada cunha vela encascada e cunha poutada (o primitivo "risón" de pedra). As táboas do interior e do exterior están pintadas coa tradicional tonalidade vermella obtida con almagre mesturado con saín, alcatrán e brea. Esta gamela, que podía aparellarse coa garbosa vela de á de pardela, hoxe navega con motor foraborda, o que contribuíu a que non desaparecese un dos barcos máis antigos do litoral galego.

Desta gamela provén a gamela coruxeira, construída orixinariamente por carpinteiros de ribeira de Coruxo (Vigo). É de menor tamaño, pode levar corredores na cuberta, é máis estilizada e máis estreita e ten o fondo plano máis curvado, o que facilita a súa varada na praia e o poder traballar en zonas de pedras e cons preto da costa. Esta gamela, que navega con vela trapezoidal ao terzo, é a máis extendida na ría de Vigo, pero tamén é de Baiona, onde se denomina bacía. Tanto a coruxeira como a guardesa son gamelas para pescar especialmente con liña, mais tamén con aparellos e nasas.

No litoral miñoto portugués o barco que en Caminha se chama gamela ten unha fasquía moi semellante á da gamela coruxeira. En Vila Praia de Âncora, Viana de Castelo e noutros portos dese litoral denominan masseira (e non gamela) unha embarcación que tamén ten a súa orixe na gamela da Guarda.

As gamelas da ría da Arousa e da ría de Muros e Noia teñen a proa en punta. A gamela de Cambados, sempre con corredores na cuberta, podía ter considerable tamaño e un gran temón; e como as dornas, levaba tilla na proa, panel de proa, cadeira, panel do medio e cufete contra a popa. Navegaba a remos ou coa triangular vela latina, popularmente coñecida como "vela de pico". Con ela traballábase na ría con aparellos de arrastre coma o bou de vara ou a rapeta e andábase á ameixa e á navalla cando se mariscaba a flote. Propio de Cambados é o loro, gamela deseñada para vogar e non para velear, coa popa máis estreita e co fondo máis curvado; o seu pouco calado permitíalle traballar con pouca auga nos bancos de marisco. As planadoras acabaron desprazando totalmente os veloces loros cando neles se cambiou o remo polo motor foraborda.

A orixinal gamela de Cabo de Cruz conxuga a riqueza construtiva e a complexidade da dorna coa simplicidade da gamela. Ten quilla (e dúas falsas cadernas) e os tres bordos do costado constrúense en calime ou escarva, como nas dornas. A popa ten forma hexagonal e o fondo é plano, pero con táboas colocadas de proa a popa e non de couso (babor) a arca ou meo (estribor), como é habitual no fondo das gamelas. Esta gamela aparellábase con vela mística, creada por acurtamento da verga, e usábase para andar aos trasmallos no interior da ría da Arousa.

A voz gamela procede do latín CAMELLA, que significaba "vaso de beber" e "escudela", e que logo colleu a acepción de "artesa" ou "maseira", recipiente grande de madeira máis estreito no fondo que por arriba no que se amasa o pan; de aí que ese barco, como xa se indicou, se denomine masseira en portos do litoral miñoto portugués. Se un se fixa na gamela da Guarda pode ver unha enorme artesa. En castelán a gamella é a artesa que serve para darlles de comer e beber aos animais, para fregar ou lavar.

Aquilino Iglesia Alvariño, que nacera nas terras lucenses de Abadín, pero que entre 1935 e 1949 fora ensinante en Vilagarcía da Arousa, no poemario Cómaros verdes (1947) cantou este barco no texto "Unha gamela nova", ao que pertecen estes versos:

Solpôres de ouro, e rosa, e brasa viva,
e de froles marelas de anchas follas,
xirasoles de vento e luz apenas,
anáinanse na mar en carriolas.

Nunha gamela nova, toda verde,
co teu nome tan guapo no costado,
–¡ondas caramiñás da miña vida!

E Bernardino Graña, no poemario Profecía do mar (1966) cantou a gamela canguesa, de fasquía da gamela coruxeira, no "Poema de Tío Emilio, mariñeiro de Cangas"

O mar é teu, Tío Emilio.
Tí sabes do mar.
Eu non sei.

Véxote lonxe, bogando,
namentras peixes de aire
refrescan a túa pel.

I o mar vaise abrindo adrede,
e ti na pobre gamela,
tí soliño, vas e vés

A popular gamela navega en composicións de poetas tan diversos como Fermín Bouza Brey, Antón Zapata García, Emilio Pita, Xavier Rodríguez Barrio, Fiz Vergara Vilariño, Xavier Rodríguez Baixeras, Antón Castro ou Darío Xohán Cabana. Aparece en obras de teatro de Armando Cotarelo Valledor, Rafael Dieste e Cándido Alfonso González. E tamén navega na prosa narrativa de Xosé Filgueira Varverde, Rafael Dieste, Víctor F. Freixanes, Xosé Manuel Martínez Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Moreiras, Bernardino Graña, Xurxo Souto, Xosé Miranda, Xosé Cid Cabido, Xosé Vázquez Pintor, Rosa Aneiros, Carlos Arias, Alfredo Conde, Manuel Rivas, Jacobo Barros…

No litoral galego a gamela confúndese no mar do léxico coa chalana, barco tradicional que non foi tan cantado na nosa literatura como as dornas e as gamelas.

Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete