Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

Exilio

Conviviron durante moitos anos as formas eisilio e exilio. A primeira sustentada polos desterrados galegos na América e reforzada sen dúbida polo título poético de Luís Seoane, Fardel de eisilado.

A segunda forma, apegada ao étimo (lat. exilium) e adoptada polo dicionario da Academia Galega, coincide coa maioría das linguas románicas e mesmo co universo anglosaxón.

Pero máis alá da definición léxicográfica, medida e axustada ao uso, que recolle o noso dicionario, a palabra é testemuño da nosa historia contemporánea, testemuño dramático dunha época convulsa onde as guerras que se sucedían condenaron a vivir a millóns de persoas nun planeta sen visado, carentes de papeis e de identidade.

Xa no século XVIII proclamaba o Diccionario de Autoridades o desuso da voz exilio, documentada por primeira vez no mundo hispánico, segundo Corominas, na obra de Gonzalo de Berceo. A resurrección deste vocábulo, a súa volta á vida, ten moito que ver, tal como nos aclara o devandito mestre da lexicoloxía hispánica, coa saída de medio millón de persoas que, como consecuencia da guerra civil de 1936, piden refuxio en moi distintos países do mundo, especialmente en México e Arxentina.

No mesmo campo semántico que exiliado, compartindo o sema da ausencia e separación da terra, están os termos emigrado, desterrado transterrado, expatriado e refuxiado.

Aínda que hai semas diferenciadores entre estes vocábulos, adoitan empregarse confusamente, por motivos ideolóxicos, na cultura galega debido ó carácter masivo da emigración galega desde mediados do século XIX e que se organizaba arredor de coñecidas institucións societarias. Na primeira metade do século XIX a palabra emigración estaba moi estreitamente vinculada á palabra revolución que, a través da revolución francesa, formaba parte do léxico do liberalismo político. Neste senso figura a palabra en documentos reservados e confidenciais das autoridades políticas. Así, o Intendente da Provincia da Coruña recibe escritos no ano 1845 nos que se advirte unha e outra vez do perigo dos emigrados que reunidos en Valença do Miño queren "revolucionarse por Galicia", "planes de revolución que se maquinan por varios emigrados en Portugal...", etc.

Neste momento, o campo semántico da ausencia estaba ocupado soamente pola palabra emigrado, pero a partir da segunda metade do século e coa masiva chegada de galegos a América, a palabra precisará de adxetivos para matizar as diferencias que existían entre os que vivían fóra dos eidos patrios por motivos políticos ou por causas económicas. Cando despois da guerra de 1939, se desperta o termo exilio para denominar ó emigrado ideolóxico, ó perseguido político, en Galicia seguimos cunha calculada ambigüidade que pretende facer esquecer a xigantesca represión que levou fóra do país a milleiros de persoas.

Antes de nada compre precisar, xa que logo, o que entendemos hoxe por exilio e deslindar este termo de outro, emigración, co que comparte certamente algún aspecto, como o devandito sentemento da ausencia da terra. A terminoloxía é confusa e moi especialmente na nosa cultura que, coma xa temos dito, tende a confundir, por razóns ideolóxicas, estas dúas formas de lonxanía.

O concepto exilio comporta, ademais do sentimento de ausencia, un compoñente ético e moral, e viva consciencia política que leva a unha loita por mudar a situación na patria perdida. Moitos dos exiliados da guerra civil de 1939 deixaron de selo ao instalarse máis ou menos confortablemente nos países de acollida. Mentras que algúns emigrantes que non viviron a guerra civil en España asumen esa faceta necesaria de loita moral e política convertíndose en exiliados. Esta nota distintiva é a que avala a existencia do chamado exilio interior, a xente que dentro do territorio comparte coa súa loita esa actitude moral. Sería, xa que logo, un apartado importante e significativo. Frente á palabra emigrante, exiliado quere facer fincapé na expulsión, no apartamento da terra por motivos políticos.

De Francia procede a denominación de refuxiado, refugié, para referirse á emigración forzada que se alonga no tempo, tradúcese en desterro que leva ó desarraigo. E o emigrado ponse a cuberto de posibles persecucións por parte da policía e de confidentes pagados polas embaixadas adoptando o status de refuxiado. Esta palabra de refuxiado está relacionada co neoloxismo que acuñou Gaos, transterrado, para desinar á terra de asilo coma unha patria superposta e acolledora.

A figura do desterrado quere significar a vivencia da perda da patria de orixe como algo irreparable, sen posible redención.

Vivir o exilio como desterro non significa soamente verse forzado a abandonar a patria senón, sobre todo, sentirse sen raíz, sen centro na terra de acollida. Por este motivo o desterrado vive no pasado e no territorio perdido. Vive, xa que logo, transitoriamente, desasosegadamente entre a nostalxia do pasado e a esperanza obsesiva no retorno. Por este motivo, nostalxia e regreso son dúas palabras claves na poética do exilio e semas relevantes no campo semántico de referencia.

Axenda de actos Ver todos
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar