Rogos dun gallego (1813)

Imaxe da portada do libro
Imaxe da portada do libro


A obra Os rogos dun Gallego, publicados por vez primeira en 1813 baixo o título de Os rogos d'un gallego establecido en Londres,dedicados os seus paysanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias, foi composta polo crego e xornalista coruñés de tendencia liberal Manuel Pardo de Andrade (A Coruña, 1762-París, 1823), co fin denunciar os abusos cometidos polo Santo Oficio e solicitar a súa supresión aos redactores da Constitución reunidos naquel tempo en Cádiz, a onde foran trasladadas en 1812 as Cortes Generales españolas para preservalas do invasor francés.

A peripecia vital de Pardo de Andrade describe perfectamente o paradoxo histórico dos membros do partido liberal. Heroe da Guerra de Independencia contra os franceses entre 1808 e 1814, o regreso de Fernando VII rematada a guerra en 1814, e a conseguinte restauración do réxime absolutista, obrigárono a se exiliar en Francia. En 1820, co inicio do Trienio Liberal, Pardo de Andrade volve de novo a Galicia, de onde acaba marchando de xeito definitivo en 1823 camiño de Francia, tras a restauración do réxime despótico fernandino grazas á axuda dos Cen Mil Fillos de San Luís, integrados fundamentalmente por soldados de orixe francesa.

Pardo de Andrade, ademais dun comprometido activista da causa liberal ao longo de toda a súa vida, é tamén considerado un dos pais do xornalismo galego. Foi o fundador do primeiro xornal coruñés, Diario de la Coruña (1808), mais tamén do Semanario Político, Histórico y Literario de La Coruña (1809) e do Boletín Patriótico (1811-1812). Máis tarde, durante o Trienio Liberal, traballou como redactor para o Correo de la Diputación Provincial de Galicia ata o seu exilio definitivo, como xa dixemos, en 1823.

A obra que nos ocupa, Os Rogos dun Gallego, é un longo romance composto de 154 cuartetos de rima asonante que non posúen unha intención literaria, senón que teñen a finalidade de espallar o credo liberal entre o pobo galego na mesma lingua que este empregaba daquela de xeito case exclusivo. A pesar da modestia das súas intencións, Os Rogos dun Gallego coñeceron un éxito rotundo e inmediato que propiciou a súa reedición continuada no primeiro terzo do século XIX ata acadar unha cifra dez mil exemplares vendidos, o que o converte nun verdadeiro "best-seller" segundo os estándares da época.

Este ano fanse dous séculos da publicación de Os Rogos dun gallego, unha efeméride que sen dubida cómpre celebrar pois supón, xunto con Proezas de Galicia, unha das primeiras raiolas de luz que anunciaban o noso albor cultural. Unha copia dixital desta obra, na súa edición de 1841 so o titulo de Os Rogos de un escolar gallego á virxe do bo acerto para que libre a terra da Inquisición, legada á Real Academia Galega por Martínez Morás está dispoñible na nosa biblioteca virtual, Monografías do século XIX, e pódese consultar nesta ligazón.

No Boletín da Academia, Uxío Carré Aldao dedicoulle unha serie de artigos a Pardo de Andrade que se poden ler aquí, aquí ou aquí.

Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar