Proezas de Galicia explicadas bajo la conversación rústica de los dos compadres Chinto y Mingote (1893)

Imaxe dunha ilustración dunha escena da Guerra da Independencia
A crueza da guerra nas fermosas ilustracións de Román Navarro


Despois de case un século da aparición de Proezas de Galicia de José Fernández y Neyra, Andrés Martínez Salazar, levado polas súas inquietudes historiográficas e lingüísticas, decide reeditar en 1893 esta emblemática obra.

Trátase dunha curiosa e singular edición, formalmente moi diferente da primeira de 1810. A súa singularidade concrétase nunha serie de aspectos:
Na edición de 1893, a obra orixinal aparece enriquecida cun interesante prólogo do editor e cunhas fermosas ilustracións de Román Navarro e Urbano González, que xa por si soas fan sublime esta pequena xoia.

En canto á transcrición do texto, o editor leva a cabo un experimento ortográfico consistente en transformar o galego empregado nel nunha especie de galego fonético, como el mesmo explica no prólogo:

"… pero se observa, sin embargo, en la ortografía adoptada por el autor, cierta tendencia al fonetismo, y esta particularidad me ha sugerido la idea de prescindir, en la reimpresión de este librito, de la llamada etimológica…y ensayar en el gallego la ortografía fonética, ya que no existen Academias oficiales, ni particulares, que legislen sobre este punto, ni se haya escrito tampoco el más elemental compendio de ortografía gallega".

Deste xeito, suprime do alfabeto as letras C, H, J, K, V e Y, facendo as correspondentes substitucións, como se pode constatar, por exemplo, na palabra "qonbersazion".

Ademais destas cuestións intrínsecas, o editor preséntanos a obra nun formato físico que non deixa de sorprender polas súas pequenas dimensións. E se pequeno é o libro, máis diminuto é o tamaño da grafía e das ilustracións, polo que nos atopamos ante unha edición miniatura, que dificulta un tanto a súa lectura, mais engádelle un toque de orixinalidade.

Así pois, queda constancia de que Martínez Salazar non foi un simple editor que se limitou a reimprimir a obra, senón que realizou un labor que a dotou dunha personalidade única.

O exemplar da Real Academia Galega é un dos poucos que se conservan desta fermosa e singular edición.

Axenda de actos Ver todos
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - Auditorio municipal: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar