Leabar Gabala. Livre des Invasions (1884)

Portada do Libro das Invasións
Título do exemplar da tradución francesa do Libro das Invasións procedente da biblioteca persoal de Manuel Murguía


Que Galicia é a "nazón de Breogán", sábeo todo o mundo. Que o personaxe de Breogán pertence ás tradicións lendarias irlandesas sobre a antiga historia da illa tamén é un feito ben coñecido. Así mesmo existe un consenso xeneralizado á hora de atribuír a Manuel Murguía un papel sobranceiro na incorporación da lenda de Breogán dentro do imaxinario histórico galego, aínda que outros autores antes ca el xa relacionaran o personaxe con Galicia.

Porén, tendo en conta que a lenda de Breogán é de procedencia irlandesa e que ademais durante centos de anos só se puido ler en manuscritos escritos en gaélico inaccesibles (e incomprensibles) fóra de Irlanda, como explicar que Murguía chegase a coñecela? A resposta non resulta difícil de descubrir, pois o propio Murguía nos deu as claves para chegar a ela, xa que cada vez que falou da lenda indicou ao mesmo tempo as fontes nas que se documentaba.

O libro que presentamos aquí é, xustamente, unha desas fontes de información das que tirou partido para se "apropiar" de Breogán e doutros personaxes lendarios e para os converter en protagonistas dun suposto episodio da antiga historia de Galicia lembrado só nas tradicións gaélicas: o asentamento dos celtas galaicos en Irlanda. Trátase dunha tradución francesa do Lebor Gabála Érenn, ou Libro da Conquista de Irlanda (coñecido tamén como Libro das Invasións), publicada en París en 1884. Como é ben sabido, o Lebor Gabála Érenn é unha obra escrita en gaélico onde se dá conta da historia da illa desde os seus primeiros poboadores ata os reis medievais, e na que se recolle o relato que narra a conquista de Irlanda polos descendentes de Breogán. Pero ademais o exemplar da tradución francesa do Libro das Invasións que se garda hoxe na Real Academia Galega ten o valor engadido de pertencer á biblioteca persoal de Manuel Murguía, sendo un claro testemuño do seu interese polos vencellos celtas que relacionaban Galicia con Éire.

Mais Murguía coñeceu a lenda de Breogán moito antes de que se publicase a devandita tradución. Xa no primeiro volume da súa Historia de Galicia (1865) lle dedicara varias páxinas ao asunto, citando incluso a tradución inglesa dalgúns fragmentos de poemas contidos no Libro da Conquista nos que se mencionaba Breogán. A procedencia deses fragmentos traducidos non é ningún misterio: pertencen ao libro Etruria-Celtica (1842), escrito polo arqueólogo inglés William Betham. Xunto a ese libro tamén se referiu a Ibernia Phoenicia (1831), un erudito traballo escrito en latín por Joaquín Lorenzo Villanueva onde se trataba do poboamento de Irlanda por xentes chegadas da Península Ibérica. Cómpre dicir que Murguía tiña estas dúas obras na súa biblioteca e que hoxe tamén se conservan na Real Academia Galega. Xa que logo, Murguía neses anos estaba familiarizado coas tradicións gaélicas, pero só a través de fontes secundarias, non da lectura dunha tradución do texto irlandés. E cando en 1888 volve falar de novo de Breogán nas páxinas de Galicia, non atopamos ningún indicio de que xa manexase ou coñecese a tradución francesa do Libro das Invasións, a pesar de que esta saíra do prelo catro anos antes. De feito, non será ata a publicación da segunda edición do volume primeiro da Historia de Galicia (1901) que Murguía faga referencia explícita a esa tradución, citándoa en nota ao rodapé e traducindo do francés un breve fragmento no que se describía o intre en que Ith fora quen de enxergar a illa de Irlanda desde o alto da torre mandada erixir por seu pai Breogán na cidade de Brigantia (identificada con Bragança polos tradutores). Ofrecemos a posibilidade de consultar aquí o texto en francés da historia de Breogán e de Ith.

Que Murguía posuíse esta obra demostra non só o seu coñecido interese polo mundo celta, senón tamén a familiaridade que tiña cunha parte da literatura erudita publicada durante o XIX acerca do celtismo. Aínda que non se pode dicir del que fose un experto en linguas e literaturas célticas, débese recoñecer que Murguía si se preocupou por informarse ao respecto. Por exemplo, no caso da obra que estamos a comentar aquí, importa salientar que foi a primeira edición e tradución dun manuscrito completo do Lebor Gabála Érenn. A seguinte, unha tradución inglesa, non se realizaría ata varias décadas despois e ficou inconclusa. Por tanto a que manexou Murguía era a única tradución completa do Libro das Invasións accesible para os investigadores de toda Europa a finais do século XIX e nos primeiros anos do XX.

Resulta forzoso admitir que a versión francesa presentaba eivas importantes, porque ademais de non incluír o texto orixinal en gaélico, tampouco estaba realizada consonte a rigorosidade filolóxica empregada entón nos estudos célticos que seguían unha metodoloxía baseada na lingüística comparada de tradición alemá. En troques trátase dunha tradución que se pode cualificar de amateur, por máis que recolle ben o sentido dos textos en prosa orixinais. Alén diso, a filosofía que guiaba o seu principal inspirador, o francés Henri Lizeray -quen non sabía gaélico e dependía das traducións feitas polo seu colega irlandés William O'Dwyer-, pouco tiña que ver co cientifismo da filoloxía alemá e estaba moito máis preto do panceltismo e do misticismo céltico que daquela comezaban a agromar. Sabemos que Lizeray estivo moi interesado polo druidismo e a el atribúeselle a fundación dunha Igrexa Druídica francesa, ademais de ser o autor de numerosos traballos dedicados aos celtas. Incluso o propio proxecto de levar a cabo unha tradución para o francés do texto gaélico inspirábase nas conviccións panceltistas de Lizeray, pois -como confesaba no limiar- el vía nesa tradución unha maneira de reavivar en Francia o elemento céltico que, ao seu xuízo, estaba esvaecido polo influxo latino e xermánico. É posible que Murguía se sentise atraído por esta perspectiva filoceltista que consideraba os celtas unha "raza superior" posuidora dunha civilización elevada. A fin de contas el tamén foi un firme partidario da ascendencia céltica do pobo galego e gabou as calidades dos celtas.

Finalmente hai que facer constar que a tradución de O'Dwyer e Lizeray non estaba feita a partir de ningún dos manuscritos medievais do Lebor Gabála Érenn, senón que se baseaba nun texto serodio, rematado en 1631, que contiña unha nova versión resultante da compilación e harmonización de distintas variantes encontradas en manuscritos anteriores. Esa compilación formaba parte dun proxecto erudito máis amplo iniciado nos círculos de exiliados irlandeses no Continente que pretendían confeccionar unha historia integral de Irlanda usando os antigos manuscritos gardados nas bibliotecas da illa. Curiosamente, o mesmo texto do século XVII que usaron O'Dwyer e Lizeray foi o que empregaron máis tarde R.A.S. Macalister e John Mac Neill para realizar a súa incompleta tradución inglesa publicada en 1916. E esta versión de Macalister e Mac Neill foi a que manexou Vicente Risco para levar a cabo a tradución galega dos fragmentos do Libro das Invasións que aparecerían na revista Nós en 1931.

Rematamos dicindo que este libro que custodia a Real Academia Galega é un auténtico "lugar de memoria" no que se quixo depositar a lembranza dunha parte importante da historia irlandesa. E como "lugar de memoria" nel conflúen tres proxectos culturais e ideolóxicos diferentes que tiñan por punto de partida e nexo común as antigas tradicións gaélicas: o proxecto dos eruditos que compilaron o texto orixinal no século XVII e que buscaban reforzar a identidade irlandesa nunha época de crise a causa do dominio británico; o de Henri Lizeray, quen pretendía consolidar o legado celta que lle correspondería a Francia polo seu pasado galo; e o de Manuel Murguía, quen quixo afirmar a orixe celta do pobo galego e demostrar os seus vencellos con Irlanda e con outras terras célticas.

Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete