Descripcion del Reyno de Galizia y de las cosas notables del (1551)

Portada e contracapa do libro
Imaxe da portada e colofón do libro


Esta obra ocupa un lugar primordial na biblioteca da Real Academia Galega por ser unha das máis antigas e valiosas do seu fondo bibliográfico. Trátase da primeira gran descrición de Galicia que, ao mesmo tempo, é pioneira entre as obras escritas conservadas na vindicación e defensa da nosa terra fronte ao desprezo e descoñecemento secular á que fora sometida.

Neste mesmo sentido, o historiador e académico da nosa institución, Xosé Ramón Barreiro, sinala que esta obra "intenta dar a coñecer a España a riqueza natural, artística e intelectual de Galicia. Por este motivo é una especie de guía xeográfica, histórica e artística… Pretende ofrecer aos españois unha lembranza das grandezas deste pobo ignorado e menosprezado."

O seu autor Bartolomé Sagrario de Molina, malagueño namorado de Galicia, estruturou a obra en cinco partes nas que foi tratando os temas máis relevantes segundo o gusto da época: os corpos de santos e reliquias, monumentos, portos, ríos, vilas e a orixe e feitos de armas máis destacados das liñaxes galegas nobres da época. A obra está escrita en oitavas de arte maior seguidas, en cada páxina, dun comentario en prosa que desenvolve o texto versificado.

A nosa edición, impresa en Mondoñedo por Agustín de Paz en caracteres góticos, é do ano 1551. Aínda que mantén o texto orixinal, con pequenas correccións, e o colofón da primeira edición de 1550, os preliminares son diferentes e aparecen en letra redonda. Ademais, a portada presenta una ilustración co escudo imperial, un extracto do contido, indicacións do prezo e a data de 1551, diferente á do colofón orixinal. Estamos ante unha edición da que se conservan escasísimos exemplares na actualidade.

Esta peza foi motivo de interese para investigadores, bibliófilos e estudosos da imprenta, como Manuel Soto y Freire, quen reproduce a portada na súa obra La imprenta en Galicia (Lugo, 1982). Tamén foi trasladada fisicamente para participar en importantes eventos como, por exemplo, a 1ª Exposición del Libro Gallego Antiguo (Bos Aires, xullo 1970), a 1ª Mostra do Libro Galego en Cataluña (Barcelona, xuño-xullo 1972), ou xa no século XXI, a exposición Exlibris Gallaeciae (Santiago de Compostela, novembro 2010-maio 2011).

Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete