Cen chaves de sombra (1979)


Imaxes da cuberta, deseñada por Luís Seoane, e da dedicatoria do propio autor á RAG


Valentín Paz Andrade, home polifacético que abrangueu campos tan diversos como a política, o dereito ou a empresa, desde os cales loitou polo desenvolvemento e a modernidade de Galicia, foi, ademais, un destacado intelectual que deixou a súa indeleble pegada no ámbito da creación literaria en obras como Pranto matricial, Sementeira do vento ou Cen chaves de sombra.

Esta última contén unha selección de poemas escritos, na súa maior parte, en Vigo e Samil nos anos 70 do século XX. Inclúe, tamén, parte dos poemas escritos en plena Guerra Civil, na súa etapa de desterro en Celeiros de Queixa, na provincia de Ourense, por mor da súa ideoloxía política. É precisamente neste período, certamente sombrío, cando se inicia como poeta, inducido talvez pola soidade e o afastamento provocados por esta dura e inxusta situación.

Cen chaves de sombra, editado por Ediciós do Castro no ano 1979, conta cun equipo de colaboradores de luxo. Lorenzo Varela encárgase do limiar, ademais de dedicarlle ao autor un poema baixo a epígrafe: "Homenaxe cativo a Valentín Paz Andrade", e da ilustración do libro ocúpanse dous artistas consagrados, Laxeiro do interior e Luís Seoane da cuberta.

O exemplar da Real Academia Galega achega, ademais, a singularidade dunha fermosísima dedicatoria do autor á institución, datada en xullo de 1979: "A Real Academia Galega, matriz esgrevia da nosa cultura nazonal, con devoción afervoada".

Cómpre lembrar que Paz Andrade entrou a formar parte da Real Academia Galega, como membro de número, no ano 1978 en que deu lectura ao seu discurso de ingreso A galecidade na obra de Guimarães Rosa. A institución, que decidiu dedicar o ano 2012 a homenaxealo, dispón de instalacións onde se poden consultar as obras publicadas polo autor, así como os xornais en que colaborou e algunhas cartas manuscritas.

Máis información sobre Valentín Paz Andrade, en figuras homenaxeadas do Día das Letras Galegas.

Axenda de actos Ver todos
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar