Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

O manuscrito do 'Conto galego' de Rosalía de Castro

Poema manuscrito
Manuscrito dun poema de En las orillas del Sar


A documentación persoal que deixan os escritores e intelectuais é unha fonte de información tan valiosa para os investigadores que xustifica dabondo os esforzos dos arquivos por conservala e por póla á disposición dos estudosos. Mais outro dos valores destes fondos documentais é o de proporcionar ao público un achegamento máis íntimo aos seus produtores. Deste xeito, unha carta, un carné, un certificado de nacemento ou un autógrafo, ademais dos datos que poidan fornecer, tamén poden ter a forza simbólica dun fetiche, simplemente porque pertenceron a un persoeiro de relevancia histórica.

E este valor dos papeis acentúase cando o volume de documentos conservados concernentes a un deses personaxes é reducido. Este vén sendo en certo modo o caso de Rosalía de Castro, pois a pesar da súa enorme importancia na historia das nosas letras, a verdade é que non se conservan moitos testemuños documentais orixinais seus. E isto débese, como é ben sabido, á propia vontade da poeta. O mesmo Murguía o confesaba nunha carta a Waldo Álvarez Ínsua: "[Rosalía] formuló sus últimas disposiciones, entre las cuales, como U. no ignora se contaba la, para nosotros, dolorosa de quemar todos sus originales, como así se hizo" (El Eco de Galicia, A Habana, 2 de marzo de 1895).

Este feito, ao tempo que lles confire un gran valor aos poucos manuscritos rosalianos que se salvaron, tamén levou os investigadores a debates intensos ao redor da súa autenticidade. Así sucedeu, en certo modo, cun curioso manuscrito que se conserva no Arquivo da Real Academia Galega titulado "Conto galego". Trátase dun pequeno caderno de 38 páxinas, das cales 36 estaban escritas con letra caligráfica, que foi doado á institución en 1923 por Manuel Castro López, xornalista emigrado a Arxentina. Alí, ao redor de 1920, recibiu o caderno de mans doutro galego emigrado, José M. González, quen aseguraba que o recibira de Florentino Corbeira Marín en 1873 (de feito as follas do caderno teñen gravado en seco un selo con este nome). A doazón realizouna despois de publicalo no Almanaque gallego de 1923, por considerar que se trataba dun manuscrito autógrafo e inédito.

Desde entón os estudosos discutiron sobre a súa orixe, así como sobre a identidade da man que o escribiu. Un dos últimos traballos que viron a luz acerca deste tema é un artigo aparecido no número 195 de Grial (xullo-setembro, 2012) escrito por Xesús Torres Regueiro, de onde tomamos os datos para reconstruír a historia deste manuscrito e do erudito debate que orixinou.

Xa en 1946, nos Cuadernos de Estudios Gallegos, Bouza-Brey afirmaba que o texto era sen dúbida de Rosalía, se ben non opinaba sobre a identidade da man da letra, limitándose a citar a crenza de Juan Naya, arquiveiro da Real Academia Galega, de que non era un autógrafo de Rosalía, senón unha copia do conto realizada por Florentino Corbeira.

En 1955, María do Carme Ríos Panisse, de novo en Grial, dicía que en realidade o conto xa aparecera publicado nun folletín do xornal coruñés El Avisador en 1864, baixo o título "Contos da miña terra" (a profesora atopara un exemplar deste folletín na biblioteca da Real Academia Galega). Non obstante, o texto publicado estaba asinado por R. C., o que non acababa de aclarar a autoría da obra (as iniciais tamén se podían ler como Ricardo Caruncho ou Ricardo Camino, como apuntaba Ríos Panisse).

Pese a estas dúbidas, o conto foise incluíndo entre as obras da escritora; e en 1977 xa estaba recollido nas obras completas de Rosalía da editorial Aguilar, na súa sexta edición.

No ano 2002, Andrés Pociña e Aurora López volven sobre este asunto, declarándose convencidos da autoría de Rosalía. Incluso afirman que a letra podía corresponder a unha "segunda caligrafía" empregada pola autora de cando en cando.

Finalmente aparece unha nova proba que confirma a autoría de Rosalía de Castro: Xesús Torres Regueiro recibe como agasallo unha edición do conto de 1868, ano en que tamén aparecera no folletín de El Eco Ferrolano co mesmo título que no Avisador, e esta vez asinado co nome completo da autora.

En canto á letra, Xesús Torres Regueiro inclínase por darlle a razón a Juan Naya, pois todo indica que o manuscrito recolle unha transcrición do texto da edición de 1868, coa que concordaría en varios erros de copia e omisións, quizais realizada por Florentino Corbeira.

Ofrecemos aos curiosos o texto do manuscrito do "Conto galego" xunto a unha carta de Rosalía a Pondal do ano 1864 e o manuscrito dun poema pertencente ao libro de poemas En las orillas del Sar, conservados no Arquivo da Real Academia Galega, para que poidan cotexar as letras e sacar as súas propias conclusións.

Este conto apareceu publicado baixo o título de Contos da miña terra en 1864 e pódelo consultar aquí.

Axenda de actos Ver todos
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - Auditorio municipal: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar