BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudio
frorido, mármores...; nuns poucos casos a dificultade pode ser lixeiramente maior: achar, nome, cengen, vontade, doce canto, yreges, deseges...; en compensación, noutros óptase por escoller solucións idénticas ou claros castelanismos: conocida, edade, rostro, gozo, punto, desperta, zanfoña, garganta, anchos reinos...; apaciguar, çiudade, sangre, sangrento, resonar, siglo, olbides... Doutro lado, pódese afirmar que as formas léxicas se seleccionan sen ter en conta o portugués, nin para aproximarse nin para afastarse, nin moito menos como fondo ao que recorrer. É un poema culto con escollas léxicas cultas, cunha certa tendencia semiculta evidenciada na correspondencia gal. > cast. (pranta, escrarecer, frorido...) e na adopción de insinias como variante máis popular de INSIGNIAS. Do mesmo xeito que a musa galega debe deixar de vestir ?ese burel cuitado e feo?, tamén a lingua precisa unha nova fasquía de modernidade acorde coa cultura humanista do momento. Nesta liña, á parte das incorporacións, destaca a reutilización de formas preexistentes cun novo significado ou novas connotacións; tal é o caso do popular silveira (?entre estas silueiras, que cengen a Mandeu con suas ribeiras?, v.17), que deixa o significado popular e rústico 'conxunto de silvas' (esp. zarzal) para designar as aínda famosas fragas ribeirás do Mandeo, valéndose da semellanza formal que a voz galega mantén con lat. SILVA. 2. Hai algunhas voces que merecen ser salientadas, polo seu valor testemuñal. Así, non atopamos nos glosarios o subst. emprega, cun significado doadamente deducible polo contexto e polos seus parentes cast. emplea e port. empreita, empreitada24. Tampouco se atopa en ningún dicionario galego o adxectivo pezpuntado co significado que se lle dá na canción, pois neles as formas pespunte/o e pespunt(e)ar teñen sempre e só os relacionados con certo labor de costura; a categoría e acepción testemuñadas no poema, derivados do anterior, están recollidos en portugués (PESPONTADO: ?Pretensioso, presumido, aprimorado?, PESPONTAR ?v. intr. Fig. Presumir, timbrar?, Morais: s.v.). Tamén salienta a atribución de cuitado a burel, sendo que este adxectivo tan común se aplica hoxe só a humanos ou cando menos a animados. O substantivo ramo ten o significado 'póla, ramal' (distinto de rama 'conxunto de ramos dunha planta'), e non o máis común na lingua moderna 'conxunto de flores e pólas cortadas'. É dubidoso se edificio (v.94) debe interpretarse como 'edificio' (?con edificios de soberbios muros?, 'e. que teñen muros soberbios') ou como 'edificación', un substantivo de acción que ten como resultado os ?soberbios muros?. A voz honrado ten aquí o significado 'merecente de honra, obxecto de honra' e non o máis frecuente 'que actúa con honra' (?Honrrado cabaleiro?, v.101; ?honrrada, principal e tan fermosa? (v.110). 3. Entre os nomes propios destacan pola forma Cruña (forma estándar A Coruña), Frandes (gal. e port. Flandres, esp. Flandes) e Mandeu (forma estándar Mandeo), ademais de Dïego por ser palabra trisílaba.
Nº 364 276