Anterior Anterior Cantigueiro popular
"Explicación previa" (pp. 19-22) (páxina 2)
Seguinte Seguinte
Pagina nueva 2


[p. 19]

EXPLICACIÓN PREVIA



[p. 21]

     Este de 1970 é o ano VIII dos que, por iniciativa da Real Academia Gallega, celébrase o «Día das Letras Galegas». Ven seguido dos adicados a Rosalía, Castelao, Pondal, Añón, Curros, Cuevillas e Noriega. E quixo a corporación, neste que andamos, esaltar a figura ilustre de don Manuel Valladares Núnez.
     Lexicógrafo, poeta, novelista, é Valladares un dos máis esgrevios devanceiros nosos no cultivo das letras rexionás. Autor dun diccionario galego-castelán, de numerosas composicións poéticas de xinea costumista e da primeira novela escrita en galego, estivo tamén atento á cultura do pobo facendo a recadádiva de refráns, adaxios, adeviñanzas e cántigas de espresión popular, apañándoas amorosamente na súa bisbarra da Ulla, unha das máis fermosas e farturentas da nosa Terra.
     Rendéndolle a Valladares a homenaxe debida e prestándolle á par un importante servicio á cultura do país, estimóu a corporación que deberá sair do inédito a colectánea das devanditas cántigas pra engadila ás xa esistentes recollidas ao longo da xeografía afectiva e sentimental de Galicia. E no intento, ademáis, de encher e completar o ámeto poético coñecido dun pobo que traballa e que canta, que canta traballando e que, cantando, traballa.
     Chegóuse así á edición do presente cancioneiro. Foi tirada dunha obra manuscrita polo proprio autor con ordenada, elegante e clara caligrafía de nidio feitío decimonónico. Tidóuno Cantigueiro Popular e datóuno no ano de 1867. Compónse de dúas partes, precedidas dun pequeno prólogo xustificativo e, ao final, vai seguido dunha manchea de traballos, algúns xa publicados, con indicación do lugar e da data en que o foi cada un deles. A primeira parte encétase coas Cántigas da Ulla, texto éste que, cabalmente, sae hoxe da xerfa do inédito.

[p. 22]

     Tratándose dun documento histórico, publicado agora por primeira vez, consideróu axeitado a Academia dálo a coñecer na súa ortografía orixinal, antre outras razóns, pra facer máis doado o conecemento da evolución do idioma escrito a partir da renacencia das letras galegas. Unha xerocopia do manuscrito orixinal consérvase nos Arquivos da Corporación en agarda de publicalo na súa totalidade.
     Réstalle, por último, á Real Academia Gallega espresarlle a súa máis fonda estima a don Antonio Losada e a don Xosé Espinosa sobriños-netos de don Marcial Valladares, pola xentileza que tiveron de poñer ao dispor daquéla os orixinás da obra do seu ilustre devanceiro; e manifestárlle, igualmente, o seu recoñecemento máis rendido ao Concello da Estrada, na persoa do seu alcalde, don Mario Blanco Fuentes, pola xenerosa axuda prestada, posibilitadora da presente edición.

Anterior Anterior Seguinte Seguinte