Xesús Ferro Ruibal responde o Cuestionario Filgueira Valverde

Membro de número da Academia desde 1996, filólogo e tradutor, Xesús Ferro Ruibal (Moraña, 1944) é autor de numerosos traballos sobre fraseoloxía, onomástica e sociolingüística galegas.
Xesús Ferro Ruibal
Xesús Ferro Ruibal

Que importancia tivo a figura e a obra de Filgueira Valverde na vida cultural galega nos dous segundos terzos do século XX?
Sorpréndeme a pregunta, porque Filgueira non empeza a ser importante en 1933: xa é moi activo dende os 15 anos (1921). En 1933, por exemplo, xa é correspondente da RAG e da Real Academia de la Historia. Filgueira foi o traballador máis precoz, máis lonxevo, máis prolífico e máis multidisciplinar da cultura galega

Probemos a suprimir mentalmente o Museo de Pontevedra, a edición do Cancioneiro de Casto Sampedro (é dicir, Milladoiro, Carlos Núñez etc.), o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto P. Sarmiento de Estudos Galegos, a Editorial dos Bibliófilos Gallegos (é dicir A xente da Barreira de C. Calero, o Cancioneiro da poesía céltiga, ou a primeira Biblia íntegra en galego), os 50.000 exemplares anuais e monolingües do Gaiteiro de Lugo vendidos nos anos máis hostís ó uso do galego (1936-1962), a conservación do núcleo histórico da cidade de Pontevedra en tempos decisivos, a legalización do ensino na lingua materna en pleno 1970 (Lei Villar Palasí), o Consello da Cultura Galega etc. e, ante o baleiro horroroso que nos quedaría, percibirémo-la importancia de Filgueira Valverde na historia cultural deste País.

Cales foron as súas achegas máis importantes ás letras galegas estudos históricos e artísticos en Galicia?
A súa obra literaria parece pequena pero non é das máis breves. Pero é prosa de orfebre, delicada no fondo e na forma. Non teño claro se ese subxénero literario que coñecemos como cousas é un invento de Castelao ou é de Filgueira.

Os seus poemas in modo antico de 1941 son unha destemida convocatoria para que a literatura en galego renacese. Galaxia recoñeceu en 1971 esta produción literaria e eu confío que 43 anos despois a crítica literaria galega tamén saberá obxectivar esta produción, que ten moito da estética clásica.

De Historia e Arte a súa obra é inmensa: dende a súa tese de doutoramento (Tiempo y gozo eterno en la cantiga CIII), unha das dimensións esenciais de Filgueira é a temporal. Calquera cousa (un capitel, unha escultura, un pendente de acibeche, unha cantiga, un rito festivo) Filgueira veo todo en perspectiva histórica e en estereofonía. Todo o que está ante os nosos ollos ten un pasado e, polo tanto, ten un porqué e un para qué.

Que vixencia conserva a súa obra hoxe en día?
Tiven a sorte de que Filgueira me recibira para unha longa conversa, cando xa estaba corrixindo as probas do último Adral, o IX, que non chegaría a ver publicado. Díxenlle que eu tiña sempre un deles na cabeceira da cama, porque lía un deses artigos e sempre descansaba coa sensación de formar parte dun pobo cheo de méritos. Sorriu e díxome que iso era o que el buscaba. E engadiu. "Un dos maiores problemas dos galegos é a débil conciencia do capital colectivo que herdamos e da capacidade que futuro que temos. A min gustaríame cambiar un sintagma do himno galego, o do "rudo encono", por "non deas a esquecemento canto tés de valía", porque, se os galegos souberamos canta creatividade herdamos e canto vale a nosa lingua, a nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, acabarían de seu os nosos complexos e esas xenreiras que nos disminúen en vez de potenciarnos. E rematou así: "Toda a miña vida, todo canto fixen e escribín só pretende aumenta-la nosa ciencia e conciencia de Galicia".

Por iso as Letras Galegas do 2015 non serán só ler prosa ou cantar poesía (coa música de Groba) ou representar teatro: terá que ser tamén visita-lo Museo de Pontevedra para sabermos que os galegos somos alguén, quizais xa dende o paleolítico de Arbo. Se deixamos que todo isto nos entre polos ollos, probablemente aumentará o orgullo de sermos un dos pobos con máis historia de Europa. De facelo así, estas Letras Galegas serán unha terapia social.

Que pegada deixou a súa obra nos estudos e nos pensadores e ensaístas galegos contemporáneos?
Coido que a novidade que personaliza Filgueira é o traballo en equipo. Fronte ó que facían os celtófilos da Coruña, os helenófilos de Pontevedra ou os de Nós en Ourense, Filgueira ten claro, porque o aprendeu de Losada Diéguez na mesma Pontevedra, que só o traballo de campo, planificado interdisciplinariamente e realizado en equipo ofrece resultados sólidos e á velocidade debida. Pensamento e acción era o que inculcaba Losada. O concepto viña da Institución Libre de Enseñanza pero el foi fiel a ese concepto non só dende o Seminario de Estudos Galegos senón dende o Museo de Pontevedra, o Instituto Padre Sarmiento ou o Consello da Cultura Galega.

As Universidades galegas hoxe traballan así pero pouca xente repara en que ese concepto, en certa medida, espallouno en Galicia o Seminario de Estudos Galegos, do que Filgueira foi promotor esencial.

Como xa dixen, se tivermos que borrar todo canto soubemos de Galicia a través de Filgueira, quedariamos moi mermados. Filgueira é máis lido que citado: é case un autor de lectura clandestina, porque a guerra o colleu deste lado, coma a moitos dos nosos pais, e algúns botan de conta que a súa obra é froito desta simple casualidade xeográfica. O certo é que a inmensidade, rigor e muldisciplinariedade da obra de Filgueira é froito dunha hercúlea capacidade de traballo, de procesos moi metódicos e dunha fe sen límites en Galicia. Hai quen se nega a recoñecer a Filgueira como fonte dalgo que sabemos pero na historia de Galicia o polígrafo Filgueira formará parella co P. Sarmiento. Non teño dúbida.

Nesta ligazón podes acceder á ficha de Xesús Ferro Ruibal como membro de número da Academia.