Xesús Fraga gaña o Premio Nacional de Narrativa

Xesús Fraga (Londres, 1971) é o gañador do Premio Nacional de Narrativa 2021 pola novela Virtudes (e misterios). O xurado do galardón do Ministerio de Cultura e Deporte escolleu a última novela do escritor e xornalista galego “por mostrar cunha prosa moi coidada, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís e profundar nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América”.

O galardón para Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020), dotado con 20.000 euros, súmase ao Premio Eduardo Blanco Amor que Xesús Fraga recibiu pola mesma obra. A novela permite contemplar a inmigración “cos seus claros e escuros dende as súas dúas beiras, a dos que marchan e a dos que quedan, e tamén dende o punto de vista dos que viven entre dous mundos", valora o xurado.

Xesús Fraga naceu en Inglaterra pero viviu dende neno na Coruña, e logo en Betanzos. Estudou xornalismo e traballa como redactor de La Voz de Galicia. Entre as súas obras destacan, ademais de Virtudes (e misterios), títulos como O elefante Branco, A-Z ou Solimán. Como tradutor trouxo para o galego libros como Lolita, de Vladimir Nabokov, ou Arthur & George, de Julian Barnes.

O xurado do Premio Nacional de Narrativa estivo constituído por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, e Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, como presidenta e vicepresidenta; Rosario Álvarez Blanco, pola Real Academia Galega; Aurora Gloria Egido Martínez pola Real Academia Española; Luis Roberto González de Viñaspre Gonzalo pola Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia; Damià Pons i Pons, Institut d'Estudis Catalans; Ignacio Eduardo Martínez de Pisón Cavero, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Ernesto Pérez Zúñiga, pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Irene Suárez Bardón, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Iker Seisdedos García pola Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); Marta Cerezo Moreno polo Centro de Estudos de Xénero da UNED; Francisco Gutiérrez Carbajo polo Ministerio de Cultura e Deporte e Juan Bonilla Gago, autor galardoado na convocatoria de 2020.

Este é o cuarto Premio Nacional de Narrativa para unha obra escrita en galego. Con anterioridade foron distinguidos con este galardón Alfredo Conde por Xa vai o griffón no vento (1986), Manuel Rivas por Que me queres, amor? (1996) e Suso de Toro por Trece badaladas (2003).