Vilar de Santos acolle este sábado unha charla sobre a recolla colaborativa dos nomes da terra

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega este sábado, 22 de xuño, a Vilar de Santos cunha nova charla na que o público coñecerá a orixe e o significado de topónimos que designan as parroquias e lugares deste concello ourensán. Na sesión a veciñanza tamén aprenderá como funciona a aplicación Galicia Nomeada, que lle permitirá rexistrar dende o teléfono móbil os nomes das súas leiras e montes para evitar a perda dun patrimonio inmaterial de enorme riqueza. A sesión terá lugar ás 12:00 horas no Museo Etnográfico da Limia (rúa Celanova 63, Vilar de Santos).

Toponimízate é unha iniciativa da Real Academia Galega, co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, para concienciar a poboación da importancia da toponimia tradicional. A campaña procura ademais institucións e persoas que se sumen ao proxecto Galicia Nomeada, baseado na colaboración interxeracional e o aproveitamento da tecnoloxía que permite que a cidadanía rexistre e xeorreferencie de maneira moi sinxela nomes de regos, fontes, penedos, chousas e outros microtopónimos. 

En pouco máis de catro anos de vida e con máis de 3 000 usuarios habilitados (persoas a título individual, asociacións, institucións e centros de ensino), recuperáronse así uns 76 000. A plataforma permite ademais incorporar audios coa pronuncia de cada nome e historias ou lendas arredor dese espazo e subir fotos, entre outras opcións. A información facilitada pola cidadanía é posteriormente revisada polos técnicos do Seminario de Onomástica da RAG para a súa validación.
As charlas de Toponimízate son impartidas polo coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, quen conta coa colaboración na investigación das etimoloxías dos nomes de lugar do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. 

Un dos topónimos dos que falará o filólogo da RAG na sesión do sábado é Castelaus, xentilicio que indica o lugar de procedencia dos primeiros habitantes deste asentamento de poboación, en semellanza a outros topónimos galegos como Sarreaus, Naveaus, Toldaos ou Cumbraos, que fan referencia a xente vida de Sarria, Navia, Toledo e Coímbra, respectivamente. Neste caso é moi probable que as persoas que motivaron o nome Castelaus non viñesen de Castela-León ou Castela-A Mancha, senón dunha antiga xurisdición chamada Terra de Castela, que agrupaba na Idade Media os actuais territorios das comarcas do Ribeiro e do Carballiño.