Letras galegas 2020

Unha exposición abre a programación do Ano Carvalho Calero en Ferrol

O Concello de Ferrol recuperou a exposición do centenario de Ricardo Carvalho Calero na apertura da programación municipal dedicada ao autor que a Real Academia Galega homenaxea este ano co gallo do Día das Letras Galegas 2020. A mostra foi inaugurada o pasado venres no Centro Cultural Torrente Ballester, onde poderá verse ata o 31 de maio na sala Bello Piñeiro.

Cartel da exposición
Cartel da exposición

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, participou na presentación da exposición, composta por vinte e catro paneis que ofrecen un percorrido pola vida e obra do escritor e profesor ferrolán. O público poderá ver tamén primeiras edicións de Carvalho Calero e documentos e obxectos persoais. Completa a mostra unha proxección audiovisual que inclúe entrevistas ao homenaxeado.

Delia Vázquez, alumna de Carvalho Calero e estudosa da súa figura, abriu un acto no que tamén tomou a palabra Margarita Carballo Ramos, primoxénita de don Ricardo, quen agradeceu o agarimo que a cidade de Ferrol sempre lle amosou ao seu pai e lembrou que o seu derradeiro discurso público, dous meses antes do seu pasamento, o pronunciou no día de San Xiao, patrón da cidade, cando foi nomeado fillo predilecto.

Víctor F. Freixanes subliñou a relevancia de Ricardo Carvalho Calero na historia do galeguismo do século XX e salientou o gran valor da súa Historia da literatura galega contemporánea, "unha da sobras máis xigantescas que se poden facer". Pola súa banda, o alcalde, Ángel Mato, cualificou de "acto de xustiza" que se lle concedese ao seu veciño ilustre o "maior recoñecemento que se lle pode facer a un escritor galego".

O presidente da RAG intervén na inauguración da exposición
O presidente da RAG intervén na inauguración da exposición