Tribuna

Un libro definidor (artigo póstumo)

Refírome a Sempre en Galiza, de Castelao. Souben del en 1950, cando levaba un ano en Buenos Aires. Comecei a debullalo na biblioteca do Centro Galego. En 1953 fundamos as Mocedades Galeguistas e para autoformarnos estudabámolo en sesións sabatinas abertas, indistintamente nos centros Ourensán e Betanzos. Estudabamos en profundidade cada capítulo. Era o noso guía e moderador Bieito Cupeiro, de Fene, mestre exiliado.

Para mellor orientar aquelas análises, un compañeiro noso, Carlos Abraira, elaborou un índice temático da obra (Carlos estudou Medicina, instalouse en Chicago, convertiuse nun endocrinólogo de prestixio internacional, xubilouse, foi vivir a Miami e na actualidade está ingresado nun centro para enfermos de Alzheimer, triste destino).

Naqueles anos este libro esencial circulaba algo en Buenos Aires e en Montevideo. Cando Anisia e máis eu fundamos a editorial e distribiudora do libro galego "Follas Novas" incluímolo, naturalmente, no noso catálogo, que enviabamos a exiliados galegos, universidades, asociacións culturais e sociais, etc. de todo o continente, dende Punta Arenas a Toronto, e vendeuse certa cantidade. Quedaban en existencia, nun sótano do Centro Ourensán, algúns centos de exemplares, nada máis.

Un día propuxémonos reeditalo nós en "Follas Novas". Falamos con Rodolfo Prada, aquel galeguista ourensán que fora amigo de Daniel. Queriamos reeditalo e divulgalo amplamente. Prada estivo de acordo, pero díxonos que había que engadir dous ou tal vez tres capítulos que Castelao non incluíra e que ía discutilo con Virxinia, a viúva. Pero Prada viaxaba moito, por Europa e América (era representante na Arxentina dos laboratorios Dr. Andreu, de Barcelona). Era tamén director do periódico Opinión Gallega, dos centros Ourensán e Pontevedrés, e deixábame a cargo do mesmo na súa ausencia.

No entanto comezamos a facer envíos a Galicia. Cada viaxeiro amigo traía un exemplar, que lían decenas de mozos, segundo fun sabendo, e servía para a súa formación galega. Isto beneficiou a centos de mozos. Tamén inventamos un membrete (coido que co nome dunha perfumería) e fixemos chegar exemplares por correo postal. Talvez fosen requisados algúns, pero os máis deles soubemos que chegaran e que foran igualmente útiles a multiples lectores.

A existencia deste libro foise coñecendo en Galicia e de aí que lle serviramos a unha distribuidora mexicana (Atrante S. A.), a través dun tal Alvarado que a representaba na Arxentina, todos os exemplares que quedaban para distribuílos clandestinamente en Galicia.

Tal era a demanda do libro que insistimos na reedición, é dicir, insistimos con Prada na decisión de incluír ou non eses capítulos que el ía discutir con Virxinia. Máis todo se foi demorando e na derradeira abandonamos o proxecto debido a que comezaramos a facer xestións para radicarnos en Cuba.

A reedición naquel momento tería axudado á formación política de moitos mozos e mozas de Galicia, pero as cousas cadraron así. Reeditaríao o Centro Galego de Buenos Aires moito despois. Fixo varias edicións (incluso unha en castelán) que tiveron grande acollida. Na derradeira puidemos contar todos, moitos anos despois, coa edición crítica monumental patrocinada polo Parlamento de Galicia e a Universidade de Compostela.

Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas, membro de número da Academia, finou o 27 de novembro de 2015