Un concerto da cantiga de Santa María 115 poralle o ramo á celebración dos 800 anos de Afonso o Sabio

A Real Academia Galega pechará o martes 14 de decembro (19:00 horas) a conmemoración dos 800 anos do nacemento de rei Afonso o Sabio cun concerto a cargo de Paloma Gutiérrez del Arroyo e Manuel Vilas. Os dous músicos interpretarán no salón de actos da institución con voz e arpa a cantiga 115 das Cantigas de Santa María, unha obra singular da lírica medieval europea composta por máis de catrocentos cantares en lingua galega recollidos en catro códices. A actuación acompañarase da proxección da versión en galego moderno dos versos escolmados acompañados das miniaturas coas que se iluminaron no chamado Códice Rico. Prégase confirmación de asistencia no teléfono 981 207 308 ou no correo electrónico secretaria@academia.gal. O concerto poderá seguirse ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Baixo o título «Contaria-vos as muy grandes tormentas que sofreu o moço...» Cantigas de Santa María, 115: a cantiga máis longa, o concerto consistirá na interpretación da composición de 30 estrofas que relata o milagre dun cativo que viaxa durante anos á procura da salvación antes da chegada do demo para levalo consigo, anunciada para o seu décimo quinto aniversario. «Acometemos esta reto buscando facer atractiva unha peza tan especial coma esta a unha audiencia actual, se cadra non sempre afeita á súa linguaxe, ao contido, á lonxitude da súa narración e á súa melodía estrófica. Ao tempo, tentamos ser o máis respectuosos posible co texto e a música e coas noticias sobre as prácticas da época que nos chegaron», explican Paloma Gutiérrez del Arroyo e Manuel Vilas.

A versión en galego moderno que se proxectará correu a cargo do académico Henrique Monteagudo, editor do Códice de Toledo, un dos catro exemplares nos que se preservaron as Cantigas de Santa María e que na actualidade se conserva na Biblioteca Nacional de España. Os outros tres son o mencionado Códice Rico e mais o Códice dos Músicos, conservados na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial; e o custodiado na Biblioteca Nacional Central de Florencia (Italia).

«Vai ser unha actuación moi especial, cremos que é un peche moi adecuado para este ano dedicado á memoria do noso ilustre devanceiro, que tivo un papel relevante na cultura hispánica e especialmente na cultura galega. O propósito é poñer en valor e facer chegar ao público a súa faceta artística mediante un concerto que vai permitir desfrutar da marabilla que supuña a execución dunha das Cantigas de Santa María, precisamente, a máis longa de todo o cancioneiro marial», valora Henrique Monteagudo.

A Real Academia Galega poralle así o ramo á conmemoración do 800 aniversario de Afonso o Sabio, unha efeméride que celebrou tamén coa recuperación en versión dixital da escolma feita por Xosé Filgueira Valverde das cantigas do monarca para a propia institución. A RAG emitiu ademais unha declaración pública reclamando a difusión pública na Rede dos códices das Cantigas de Santa María custodiados no Escorial, tras a cal foron subidos á Rede, seguindo os pasos adoptados con anterioridade polas institucións que custodian os outros manuscritos.