Triacastela, o territorio dos tres castros

Triacastela foi a primeira parada da programación deste outono da campaña Toponimízate. Falásmoche dos nomes da túa terra. O coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo impartiu na carpa situada xunto á Casa do Concello unha charla sobre o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada e a orixe e o significado dos topónimos deste municipio lugués, cuxo nome fai referencia á existencia de tres pequenos castros no territorio. A alcaldesa, María Olga Iglesias Fontal, foi a encargada de prensentar a sesión e amosou o interese do concello en reforzar a divulgación da microtoponimia e o seu uso como ferramenta didáctica.

 “O topónimo que lle dá nome ao concello de Triacastela e unha das súas parroquias procede do latín TRIA CASTELLA, que significa ‘tres castelos’. TRIA é o plural neutro do numeral tres e CASTELLA é o plural neutro de CASTELLUM < CASTRUM ‘castro’. Polo tanto, fai referencia á existencia de ‘tres castriños’ neste territorio”, detalla Vicente Feijoo. En canto á orixe, é posiblemente altomedieval, xa que se rexistra por primeira vez nun documento do mosteiro de Samos do ano 922.

O público asistente á charla celebrada o pasado 1 de outubro puido coñecer tamén o significado dos topónimos das outras sete parroquias de Triacastela e de distintos lugares, algúns deles de orixe prerromana. É o caso de San Breixo da Balsa. Balsa é unha voz prerromana co significado de depresión ou oco no terreo que se enche de auga, se ben a parroquia en cuestión debeu de fundarse a finais do século X, pois no ano 1002 foi doada a Samos polos fundadores, que trouxeran as reliquias de San Breixo para unha pequena explotación agrícola (villae en latín) chamada Baldomar situada neste territorio.

A parroquia de Lamas do Biduedo ten tamén orixe perromana no primeiro elemento do seu nome, o substantivo lama, moi presente na toponimia de Galicia; mentres que o segundo, procedente do latín BETULLETU, é un exemplo dos tamén abondosos fitotopónimos, aqueles nomes de lugares que derivan de vexetais, e que adoitan indicar a presenza no lugar das plantas que mencionan ou a súa explotación humana.

Moitos outros topónimos de Triacastela, coma no resto de Galicia, teñen orixe latina, pero na toponimia galega tamén se atopan pegadas árabes, coma o nome da parroquia de Santalla de Alfoz. O seu segundo elemento, alfoz, é un termo común de orixe árabe definido no dicionario da RAG como territorio que depende dunha cidade ou dun castelo.

En canto á parroquia de Toldaos, todos os toponimistas interpretan este nome como un xentilicio derivado do latín TOLETANUS, que designa a xente procedente de Toledo. Sendo así, é ben probable que o primeiro asentamento nesta parroquia fose construído por unha ou varias familias procendentes desta localidade manchega, apunta Vicente Feijoo. 

O portal Toponimia de Galicia ofrece máis información sobre os topónimos de Triacastela na sección Detrás do nome

Unha aplicación para conservar un patrimonio único
O percorrido pola orixe e o significado dos nomes de Triacastela co que Vicente Feijoo pechou a primeira charla deste outono conta coa colaboración do académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG. Antes, ofreceu unha aproximación á riqueza toponímica de Galicia e explicou o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza, nomes tradicionais de veigas, chousas, leiras, devesas, fontes ou penedos que constitúen un patrimonio inmaterial único. 

Galicia Nomeada conta xa, dende a súa posta en marcha en decembro de 2019, con máis de 2.200 usuarios colaboradores que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares. As sesións de Toponimízate permiten tamén coñecer as utilidades prácticas para a administración pública, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información cultural unha vez xeorreferenciada e normativizada.

Vindeira charla

A localidade lucense de Outeiro de Rei será a próxima parada da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A cita, o 15 de outubro, ás 19:00 h no salón de actos da Casa da Cultura.