Sofía Casanova (1862-1958), ademais de escritora recoñecida -en 1925 o seu nome soaba entre os candidatos españois ao Premio Nobel de Literatura-, foi tradutora -falaba sete idiomas- e reporteira de guerra. Foi, así mesmo, académica correspondente dende o nacemento da Academia e nomeada académica de honra no ano 1952.
As mulleres reporteiras de guerra son tan escasas e descoñecidas que apenas comeza agora a saberse delas. Stephanie Seul (Universidade de Bremen) recupera sete destas reporteiras no artigo Women War Reporters, entre as que inclúe a Sofía Casanova. Durante a I Guerra Mundial, Sofía Casanova foi a primeira española correspondente de guerra e tamén a primeira correspondente permanente nun país estranxeiro. Así mesmo, foi a única testemuña directa da prensa española na Revolución Rusa, no ano 1917. E foi, de novo, a primeira periodista estranxeira en entrevistar a León Trotski.
En 1919 viaxa a España, pobre e case cega, sendo moi ben recibida. Afonso XIII concédelle a Gran Cruz de Beneficencia polo seu labor nun hospital improvisado en Varsovia.
A II Guerra Mundial cóllea en Polonia, dende onde relata a ocupación nazi de Varsovia. Desde esta cidade tamén segue a Guerra Civil española, tomando partido polo bando golpista, o que quizais motivase o esquecemento ao que foi relegada a pesar da importancia da súa vida e obra. Acerca disto, Rosario Martínez, especialista na obra e vida de Casanova, di o seguinte:
Sofía Casanova estaba pasando por unos años horribles de penuria extrema, y pretendía incluso mantener a la familia, una familia que había tenido mucho dinero pero que vivió una larga serie de guerras: la primera guerra mundial, la revolución bolchevique, las guerras de fronteras de Polonia, vivió persecuciones políticas y las pasó canutas. Y Sofía, en un momento determinado, se dejó llevar, quizá con buena voluntad, por los consejos de algunos amigos, y fue muy utilizada. No hay que olvidar que en 1938 la trajeron expresamente a Burgos para un acto de propaganda política. Pero tampoco hay que olvidar que Sofía era una persona de ideas conservadoras y que había vivido la revolución bolchevique y que de buena fe confió en el fascismo. Dentro de su mentalidad fue coherente pero en España se la utilizó mucho más allá de lo que pueda ser ético.
(www.laopinioncoruna.es., 3 de decembro de 2009. Consultado o 2 de outubro de 2020).
O fondo está formado por manuscritos de poemas, as súas memorias e unhas pequenas notas autobiográficas, a correspondencia desta coa familia Bugallal, dúas fotografías e un conxunto de documentos reunido por José Luís Bugallal Marchesi: cartas, recortes de prensa e copias de artigos, todos eles relativos á figura da poeta.
A Academia recibiu o fondo como doazón. A familia Bugallal, da que era grande amiga, doou en 1948 as cartas que lle enviara a Pilar Marchesi. Os manuscritos literarios e autobiográficos de Sofía Casanova foron doados pola súa filla Cristina Niklewitz á Real Academia Galega, no ano 1971.