Roberto Pascual responde o Cuestionario Vidal Bolaño

Roberto Pascual (O Carballiño, 1981) é profesor e xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia ademais de director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A continuación expoñemos as súas respostas ao Cuestionario Roberto Vidal Bolaño.
Imaxe de Roberto Pascual
Roberto Pascual Rodríguez

Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
Roberto Vidal Bolaño era un creador escénico e as súas pezas teatrais están concibidas dende a óptica da integralidade do seu proxecto espectacular e dende a realidade do individuo que exercía en moitas ocasións de director, autor, actor, dramaturgo, iluminador, etc. A partir deste feito, o artista, instalado na autonomía desta summa artis, pescudaba na antropoloxía cultural e na historia galegas, principalmente na materia do Camiño de Santiago e nas formas populares, na festa, no entroido, para tratar temas absolutamente universais, ás veces cun ton derrotista, como é o caso de Rastros, outras dende a alegoría traxicómica coma n' A Bailadela da morte ditosa, ata a épica cinematográfica de Agasallo de sombras. A preocupación pola xustiza social, pola peculiaridade e pola historia galegas, ora fose a emigración ora novas realidades sociolóxicas da vida urbana, amosan esa condición do artista comprometido, da escena como realidade poeticamente transformada, para resaltar o drama, os abusos, o ridículo dalgúns comportamentos ou a riqueza doutros. Resultan moi ilustrativos os subtítulos das súas pezas: "desgracia arrabaleira improbable entre loucos, chourizos, gángsters, chulos, currantes e putas", "comedia satánica", etc., pois neles xa se albisca unha intención transgresora do xénero ou tipoloxía literaria e a vontade de crear un estilo propio que, como xa teñen reflectido algúns estudos da súa obra no ámbito da teatroloxía, está tamén conectado co humor grotesco do teatro de Jarry ou Ionesco, coa multiespacialidade, o barroquismo didascálico, a sátira e a tumultuosidade de Valle-Inclán, co realismo sucio norteamericano ou a épica brechtiana.

Que importancia tivo a súa figura como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Son moitas as influencias que puido ter como creador, tantas como lecturas e espectáculos que o ávido espectador, que tamén era Roberto Vidal Bolaño, puido ter visto en Galicia e nas súas viaxes e coas que quixo conectar ou distanciarse de xeito renovador, na súa preeminente intención profesionalizadora, mais tamén con e dende un pobo cunha rica tradición e cunha serie de peripecias ou historias que nunca antes fixeran parte da materia escénica galega (o movemento independentista galego, a marxinalidade e a hostilidade do suburbio urbano galego, as estratexias económico-comerciais e os condicionamentos familiares nunha empresa de cobro de morosos, etc.) perfectamente deseñadas para conectar coa contemporaneidade endóxena e esóxena ao sistema.

Xa na VII Mostra do teatro galego Abrente, en Ribadavia, no ano 79, no seo dun fondo debate sobre o rumbo e a finalidade da exhibición galega neste festival, Vidal Bolaño defende que o teatro profesional debe ter os seus circuítos, as súas propias políticas e garantías, o seu espazo simbólico e formativo perfectamente delimitado e estruturado fronte ao afeccionado, ao militante amador, sen que o anule, mais separado del por razóns estratéxicas e sempre co obxectivo na fronte do progreso da arte escénica galega.

É evidente que Roberto Vidal Bolaño ao longo da súa traxectoria como escritor, marcado pola realidade do seu grupo humano e polos requisitos da recepción teatral que perseguía como xerente da súa propia compañía, foi quen de transmitir un saber facer que callará, coma homenaxe ou como práctica do discípulo, na obra de dramaturgos coma Rubén Ruibal. Pero Vidal Bolaño contribuíu á canonización do teatro profesional e dos seus oficios dende moi distintos ámbitos, non só dende o literario. Consciente da importancia da normalización teatral e da súa evolución natural ao longo do proceso autonómico, Vidal Bolaño soubo explicar dunha maneira moi madura o seu amor pola lingua e polo teatro galegos ao defender a importancia da honestidade nos labores da confección da programación dos espazos escénicos ou da crítica, para que a análise e avaliación da calidade artística que se require nestas actividades non estivese condicionada ou mediatizada pola natureza da obra, pola protección do autóctono, porque a condición galega non fose un elemento totalizador ou anulador doutras necesidades que todo proxecto artístico serio precisa, porque en definitiva a protección non se convertese nun elemento perverso que estancase ás artes escénicas galegas na marxinalidade.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Tanto aquelas pezas que falan da represión nun contexto distinto ao da actual democracia como aqueloutras que nos amosan un amplo espectro social que loita ante a crise, a fame, a frustración, a mentira, a morte, etc., son un verdadeiro palimpsesto do mundo visto dende Galicia. Roberto Vidal Bolaño viu a necesidade de conformar unha poética teatral xenuína pero universal, moderna, non constrinxente, libre (en canto transcende ao tempo) e aberta a todas cantas materias caiban na apócema que, coma Próspero, o director e escenógrafo de Teatro do Aquí preparaba para a súa maxia. Hoxe o seu legado é inspiración pero tamén estímulo, pois da súa obra tamén nos queda a memoria da forza do seu desexo, a importancia de continuar en ámbitos inconclusos, coma a da indagación e a produción no ámbito do teatro de rúa (Ruada I e II ou Ruada das papas e do unto, por exemplo) ou a explotación escénica de todo aquilo que nos conmove para ben ou para mal aos galegos e galegas: ben seguro que Vidal Bolaño xa tería feito un espectáculo co asunto do roubo do Códice Calixtino ou coa trama da banca galega.

En canto ás teorías da comunicación e da emisión escénica que subxacen das súas obras, a súa vixencia é absoluta no marco dos repertorios da creación e exhibición escénica actuais e mesmo para fornecer a outros discursos, como se puido ver recentemente coa versión fílmica da súa obra Doentes. A reteatralización, a mestura de técnicas interpretativas, a lectura de mitos propios e universais dende ópticas da preocupación sociopolítica do momento, o distanciamento que se consegue coa evidencia, mediante distintos recursos escénicos, da ficcionalidade, alén do carácter imperecedoiro das temáticas, amósannos un Vidal Bolaño como creador escénico do seu tempo, co seu tempo e tamén, coma os grandes artistas, para todos os tempos.