A RAG e a Acadèmia Valenciana de la Llengua exploran vías de colaboración

O presidente da Real Academia Galega recibiu este mediodía na sede temporal da institución a presidenta da Acadèmia Valenciana de la Llengua. Verònica Cantó mantivo unha xuntanza con Víctor F. Freixanes co obxectivo de abrir vías de colaboración arredor da defensa dos idiomas que representan ambas as entidades.

Canda Víctor F. Freixanes e Verònica Cantó, no encontro tamén participaron por parte da RAG a tesoureira, Fina Casalderrey; o vicesecretario, Henrique Monteagudo; o director da Sección de Historia, Ramón Villares; e a académica María Dolores Sánchez Palomino; e por parte da AVL, o seu vicepresidente, Rafael Ramos, e mais a académica Mª Àngels Francés e o académico Artur Ahuir.

"Compartimos preocupacións comúns sobre o futuro dos nosos respectivos idiomas, que teñen realidades sociolingüísticas moi parecidas, e a construción dunha política de recoñecemento do patrimonio histórico e lingüístico dentro da política española. Non somos grans, somos riqueza", expresou o presidente da RAG ao termo da reunión, que enmarcou o encontro na serie de contactos que a institución está a manter con outras homólogas como Euskaltzaindia e o Institut d'Estudis Cataláns.

Verònica Cantó expresouse en termos semellantes e agradeceu a acollida. "Debemos ser valedores do patrimonio cultural e lingüístico dos nosos respectivos territorios de cara ao Estado español na reivindicación do artigo 3 da Constitucións, que di que as linguas cooficiais serán de especial protección", apuntou. "As linguas son sempre riqueza", concluíu.