Letras galegas 2020

Pilar Pallarés

“Para Carvalho Calero a poesía é catarse, nace da verdade”

Autora: Maribel Longueira
Pilar Pallarés
Autora: Maribel Longueira

Ricardo Carvalho Calero foi primeiro o profesor que tanto admiraba e logo amigo, lembra Pilar Pallarés. Como boa parte do seu alumnado universitario, a escritora, Premio Nacional de Poesía 2019 do Ministerio de Cultura, demorou algo en descubrir o perfil creativo do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, do que valora especialmente a produción poética. Un poesía heteroxénea na que, case trinta anos despois da primeira escolma que lle dedicou en Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero) (1992), hoxe tamén aprecia "unha liña de poesía política, que non social, que merecería un estudo serio". Esta vertente cobra máis presenza na nova antoloxía Beleza, verdade (Chan da Pólvora, 2019), froito dunha ollada máis madura desde a que Pilar Pallarés advirte agora "o que de poliédrico, contraditorio e ambiguo hai na súa obra". Hai iso, si, algo común en toda a traxectoria carvalhiana: "Para Carvalho a poesía é catarse, e non un instrumento para facer carreira literaria. Nace da verdade, e desde esa verdade dialoga con outros seres humanos que nela se recoñecen", salienta a poeta neste cuestionario.

Como definiría a poesía de Carvalho Calero? Ata que punto está presente en toda a súa obra poética esa ollada existencialista de quen se definiu como fillo de Eva?

É difícil definir univocamente a poesía dun relativista, a enxergar sempre o ser humano e a si propio como múltiplo e contraditorio. É a poesía dun fillo do século XX, tal como indica mui fermosamente no poema de Futuro condicional "A Álvaro Cunqueiro, 1980". Lela significa percorrer os camiños que levan da vangarda de carácter racional (criacionista, hilozoísta, cubista) predominante na nosa literatura ao existencialismo, mui evidente en Saltério de Fingoi (1961). Entre vangarda e existencialismo, dúas obras que reflexionan sobre a procura do Absoluto dos simbolistas, con certa conexión co que na mesma época fai Pimentel: Anjo de terra (1950) e Poemas pendurados dun cabelo (1952). A distancia entre Pimentel e Carvalho é a que hai entre o poeta visionario capaz de "ler" o tecido de símbolos que nos rodea e enxergar baixo o aparente caos un sentido, e o poeta racionalista e especulativo incapaz de acreditar realmente no Absoluto simbolista.

Fillo do século XX tamén na medida en que a súa poesía ilustra o proceso de desmitificación e desacralización operado polas vangardas racionais e agravado polas traxedias colectivas, e un retorno ao mito como vía de salvación, algo xa adiantado en Saltério, mais presente sobre todo nos poemarios da década de oitenta.

Pilar Pallarés con Ricardo Carvalho Calero nunha conferencia na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Pilar Pallarés con Ricardo Carvalho Calero nunha conferencia na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

Tamén salientaría que sendo a poesía de Carvalho mui heteroxénea, con rexistos que van do ludismo e a intranscendencia vangardistas á reflexión existencial, dun certo culturalismo ao prosaico e mesmo antipoético, da esgrevieza propositada á beleza, do íntimo ao político, hai nesa poesía unha enorme coerencia e unhas liñas de forza que lle dan unidade desde o primeiro poemario en galego (Vieiros, 1931) ao xa póstumo Reticências… [1986-1989] (1990). Si, desde os poemas iniciais aos derradeiros, é un "fillo de Eva" quen fala, aínda que con voces diversas; un ser humano baixo o peso da razón e da culpa, alguén finito que aspira á infinitude e que se debate nos seus límites.

Cando descubriu como autor literario a Ricardo Carvalho Calero?

Coñecino primeiro como profesor, como profesor de literatura galego-portuguesa medieval no meu caso, xa que só cursei os dous últimos anos de Filoloxía Galego-Portuguesa en Compostela. Naquela época era aínda unha subsección de Filoloxía Hispánica. Demorei algo en descobrilo como criador. Os seus alumnos sabíamos pouco del, aínda que algúns o admirásemos moitísimo. Supoño que o primeiro que lle lin foi A gente da Barreira (1951), aínda que o que máis me interesou foi Scórpio (1987), que coñecín ao pouco de ser publicada. Mais é que o Carvalho de oitenta xa non era para min o profesor, senón o amigo que con tanta xenerosidade colaboraba con asociacións culturais como a coruñesa Alexandre Bóveda e nos acompañaba en moitos actos e publicacións.

Non lembro con precisión cando cheguei ao seu teatro, mais debeu de ser cedo, xa que moitas veces fixen cos meus alumnos de instituto leituras dramatizadas d'A Árbore. Aínda el vivía.

A verdadeira dimensión da súa poesía descobrina cando Fernando Bores me solicitou a elaboración dunha escolma para a Colección Esquío de Poesía. Trátase de Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero), do ano 1992. Mais xa lera Futuro condicional [1961-1980] (1982) e mui especialmente Cantigas de amigo e outros poemas [1980-1985] (1986), libro editado por AGAL co soporte económico dunha serie de asociacións e amigos de don Ricardo. Lembro sempre o recitado de "Desque vim Tristám fum a sua namorada" por Flor Maceiras en presenza de Carvalho e despois de ter el conferenciado.

Como recibiron a propia xeración de Carvalho Calero e a de vostede a súa poesía? Que pegada deixou nelas? E nas posteriores?

Semella que, cando menos durante boa parte da súa vida, non acadou o recoñecemento merecido como poeta. O poema que pecha Fillo de Eva parece que reflicte a consciencia deste feito. El mesmo expresou tamén que nunca tivera interese en se guiar polas modas. Ese poema, "Verdadeiro poeta foi", que pertence a Reticências… aínda que aparece deslocado na escolma como homenaxe, pon sobre a mesa varias cuestións. Por unha banda, a transcendencia do labor poético para alén das modas, dos tecnicismos dos especialistas e do recoñecimento público. Para Carvalho a poesía é catarse, e non un instrumento para facer carreira literaria. Nace da verdade, e desde esa verdade dialoga con outros seres humanos que nela se recoñecen.

Por outra banda, Carvalho é consciente de que a escasa repercusión da súa poesía ten a ver co silenciamento xeral de que foi obxecto toda a súa obra, de criación ou de investigación e análise. No limiar á escolma Beleza, verdade, editada por Chan da Pólvora o ano pasado, teño en conta outros factores que poden explicar por que alguén que na preguerra era alcumado O Poeta e que aínda nos momentos máis adversos continuou a facer poemas, chega a ser case un poeta oculto: a relegación das publicacións poéticas, que non da criación, nas décadas de 60 e 70, nas que se consagra á docencia, á elaboración da Historia da literatura galega contemporánea (1963), da Gramática elemental del gallego común (1966) e de abundantes estudos literarios e lingüísticos; o décalage entre a fasquía transcendente e existencial da súa poesía de posguerra e a poesía social predominante a partir dos sesenta. Cando nos oitenta recompila a produción poética anterior, escolmándoa bastante severamente, e dá a coñecer novas obras, podería ter exercido unha enorme influencia nos poetas novos, ao que o unen tantos intereses, mais ese é o tempo do Carvalho silenciado polo holding, como el dicía. E para os que o admiraban e seguían era sobre todo o profesor, lingüista e historiador da literatura.

O ano pasado vostede publicou unha nova escolma da poesía de Carvalho Calero, Beleza, verdade, case tres décadas despois de Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero). Como foi revisitar a poesía do homenaxeado tanto tempo despois?

A nova escolma foi un encargo de Antón Lopo para Chan da Pólvora. Foi un dos proxectos iniciais da editora, sen vinculación coa celebración do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión decidín respeitar a selección que Carvalho tiña feito dos poemarios anteriores en Pretérito imperfeito e dos textos inéditos ou aparecidos en publicacións periódicas en Futuro condicional e en obras posteriores. Xa dixen que é por veces demasiado severo consigo propio, mais non son eu quen para escolmar o que o propio autor non escolmou, cando ese autor é un estudoso da literatura tan culto e lúcido como Carvalho.

Tiña medo de que a miña ollada, trinta anos despois, continuase a ser a mesma, xa que son constante nos meus gostos literarios. Mais claro, eu son a mesma e son outra. Advirto agora o que de poliédrico, contraditorio e ambiguo hai na súa obra. Os anos fannos a todos máis relativistas, máis precavidos ante as grandes verdades que perseguimos na xuventude. Agora cuido que en Carvalho hai un "fillo de Eva" e un "fillo de Lilith" en loita; que di e que se desdí, pois ao cabo Ormuz e Arimán son el.

Voltar á súa poesía con ollada crítica e non de leitora fíxome reparar, ademais, nunha liña de poesía política, que non social, que merecería un estudo serio. Esa liña está case ausente na miña primeira escolma.

Pilar Pallarés, Ricardo Carvalho Calero e Francisco Pillado nas Xornadas de Poesia Galego-Portuguesa-Brasileira (1983)
Pilar Pallarés, Ricardo Carvalho Calero e Francisco Pillado nas Xornadas de Poesia Galego-Portuguesa-Brasileira (1983). Autor: Xoán Ignacio Taibo

Que relación garda a poesía de Carvalho Calero co resto da súa obra literaria? Que posición ocupa, ao seu xuízo, a poesía nese conxunto?

Toda a obra de Carvalho revela unha grande coerencia. Sería interesante estabelecer a relación intertextual entre a estilización do popular na Farsa das zocas e algún poema dos primeiros libros; entre o existencialismo de Saltério de Fingoi e o do Auto do prisioneiro; entre a reflexión sobre as trampas do poder na poesía de oitenta e na peza teatral Os xefes, escrita en 1980. Obras narrativas como "O lar de Clara" e Scórpio dialogan con temas e motivos constantes na poesía de Carvalho, como a indagación sobre o feminino, a memoria da infancia ferrolá ou a reflexión sobre o "espazo de sombra" que garda dentro calquer ser humano.

Para alén disto, as súas obras de criación sobardan os límites xenéricos. Scórpio é un romance e un ensaio sobre as técnicas do romance; a poesía é especulación filosófica e análise histórica e política. O mellor exemplo desa ruptura das convencións xenéricas é o relato "Aos amores seródios", onde confluen narración, ensaio e poesía.
A respeito da posición da poesía no conxunto da obra carvalhiana: el considerábase ante todo poeta. Eu son parcial, mais cuido que nela está o mellor do seu labor criativo.

Como o recorda como docente? Intuíase dalgún xeito a súa predilección pola poesía nas clases que impartía? Cal diría que foi a gran lección que lle aprendeu?

A poesía era a protagonista das súas aulas, mais é lóxico tendo en conta que foi o meu profesor de literatura galego-portuguesa medieval. Para min supuxo a descoberta de que a lingua dos pais, perseguida e humillada, tiña sido a dunha das grandes líricas da Idade Media, xunto coa árabe e coa occitana, e que me abría camiños que me levaban mui lonxe no espazo e no tempo. Moitos ficámos tan fascinados por esa poesía que dedicámos meses a ela cando nos convertémos en profesores de instituto.

Como profesor Carvalho era severo, irónico e erudito. Tíñamoslle moito respeito e quizais éramos novos e inexpertos demais para entender a súa ironía, mais non para enxergar a paixón na súa erudición. No meu caso, ao Carvalho profesor superponse o que tan xenerosamente nos tratou como colegas na derradeira década da súa vida. Carvalho é a lealdade, o antiegotismo, a lucidez, a perseverancia, a resiliencia, a alianza de paixón e esixencia crítica, a ecuanimidade. É un xigante sen o que a nosa lingua e a nosa literatura serían infinitamente máis precarias.

Como lle gustaría que sexa coñecido e recoñecido publicamente neste ano dedicado a el?

Dada a imposibilidade de o homenaxear como merece a causa da crise sanitaria, querería que a celebración se prolongase no 2021. É imprescindíbel difundir a súa obra nas aulas, algo agora mesmo imposíbel. E sobre todo, habería que reeditala. Non ten sentido homenaxear un autor se os seus textos son inaccesíbeis. Para alén dos romances A gente da Barreira e Scórpio, da escolma de ensaios literarios e lingüísticos de María Pilar García Negro e das de poesía, unha delas de Paulo Fernández Mirás, nada máis poden coñecer, que eu saiba, os novos leitores e leitoras.

Podería sinalar algúns poemas do autor que lle gusten especialmente?

Gosto de moitos, mais mui especialmente de "Ollas, meu ben, as cañas dos Ancares" (Saltério de Fingoi), "Cabeza de deusa" (Futuro condicional), o xa mencionado "Desque vim Tristám fum a sua namorada" e "Se Avalom é a Ilha das Maçás" (Cantigas de amigo e outros poemas) e, como non, de "Como pudemos/viver" (Reticências…). Nos catro primeiros hai a melancolía da derrota, a salvación na beleza, os poderes da criación e do mito. As palabras esbaran como o sirgo, perfeitas e necesarias. Hai dor e hai redención da dor através da arte."Como pudemos/viver" é o grande poema sobre o exilio interior na posguerra, sobre a traxedia cotiá "dos que non morreron". É un espléndido poema político e ao tempo unha lúcida e amarga reflexión existencial sobre as forzas contrarias que combaten no interior de calquer ser humano.