Os videoxogos, a literatura e a lingua estreitan lazos

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, abriu a terceira edición das xornadas Videoxogos e Literatura organizadas pola Fundación Carlos Casares, celebradas no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo. O encontro reuniu especialistas e afeccionados que profundaron na relación entre as novas tecnoloxías da creación, a comunicación e o entretemento, que constitúe “un gran desafío para a nosa lingua”, salientou.

Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, con Gilberto Sánchez, director académico da Área de Videoxogos da UTAD, na terceira edición das xornadas Videoxogos e Literatura. Fonte: Fundación Carlos Casares

“Un dos obxectivos estratéxicos da Real Academia Galega consiste en apoiar, na medida das súas posibilidades, todas as iniciativas que traballen nesta dirección, pensando sobre todo na xente nova”, explicou Víctor F. Freixanes na súa intervención. Entre as demandas do mundo dos videoxogos, cada día máis activo, subliñou a necesidade de promover un marco estratéxico a medio e longo prazo para o desenvolvemento tanto de iniciativas particulares como de espazos de formación e canles de financiamento de proxectos, a estabilización de empresas e vías de distribución e comercialización. Neste contexto, “a presenza da lingua galega é unha marca de valor engadido á que non podemos nin debemos renunciar”, concluíu.

O presidente da RAG felicitiou a Fundación Carlos Casares, representada na sesión inaugural polo seu administrador e o seu secretario, Hackan Casares e Gustavo Garrido, pola organización destas xornadas e manifestou a disposición da Academia a colaborar en proxectos común entre ambas as entidades.