Os maiores de Sada, protagonistas dunha nova charla 'Toponimízate'

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra viaxará o luns 4 de xullo ás Mariñas coruñesas para recalar no Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada. A finalidade será tirar o máximo proveito do saber e do coñecemento do territorio que teñen as persoas usuarias do centro. A charla será impartida polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega da aplicación colaborativa para a recolla da microtoponimia Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, que adaptará os contidos xerais da campaña ao público asistente. A directora do centro, Minerva Naya, e a concelleira de Medio Ambiente e Normalización Lingüística, Marisa Rúa, acompañarán o filólogo na presentación da iniciativa.

O obxectivo da charla é incluír o traballo de recuperación da toponimia tradicional dentro das actividades e obradoiros de memoria nos que participan os maiores do centro de Mondego, facéndoos partícipes da importante recuperación do rico patrimonio inmaterial que constitúen os nomes da terra. Este patrimonio corre moito risco de se perder en Sada polas súas peculiaridades: o concello sadense experimentou un amplo desenvolvemento urbano nas últimas décadas, o que provocou a modificación do territorio, coa desaparición dos seus topónimos. Cómpre ter en conta ademais que neste municipio das Mariñas tampouco se levaron a cabo os traballos de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia cando este estivo activo, o que incide nesta urxencia pola recolla toponímica.

Como xa aconteceu na edición da campaña de 2021, en que se visitou o centro de Ortigueira, as charlas Toponimízate en centros para maiores responden á demanda que se escoitou en diferentes partes do país na procura de relacionar o envellecemento activo coa recuperación da toponimia tradicional. Non en van as persoas maiores son as que atesouran, manteñen e gardan a riqueza toponímica. Son a memoria viva dos microtopónimos de cada recuncho da nosa terra e do noso mar, por iso, eles e elas son un dos activos máis importantes da nosa cultura.

Laza, seguinte parada de Toponimízate 2022

Toponimízate é unha iniciativa coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Xunta de Galicia. Tras a parada en Sada, a semana que vén trasladarase ao concello ourensán de Laza. A cita coa nosa toponimia da man de Vicente Feijoo será o venres 8 na Casa do Concello de Laza a partir das 20:00 horas.