“Interésame Herrera porque a considero un exemplo de afouteza e forte personalidade. Malia pertencer á burguesía coruñesa castelanfalante, o que implicaba ser unha incomprendida entre os seus, decide ser escritora galega”, salienta a catedrática emérita da Universidade de Vigo no limiar.
Camiño Noia analiza en Francisca Herrera y Garrido. Obra en galego o conxunto da obra galega da protagonista do Día das Letras Galegas de 1987, estreitamente vinculada ao concello oleirense, onde pasou longas tempadas. A filóloga recuperara en 1981 a súa figura para a literatura galega como a primeira narradora do século XX coa reedición da novela Néveda (1920). Catro décadas despois, sae do prelo esta completa contribución na que, a iniciativa de José Leoncio Areal, a profesora asumiu a edición de todos os seus textos literarios en lingua galega, que abranguen, xunto a Néveda, outras publicacións de narrativa e poesía, así como varios inéditos.
O volume inclúe tamén unha completa biografía de Herrera y Garrido. Designada académica de número en 1945, faleceu antes de dar lectura ao discurso de ingreso na institución, dedicado a Rosalía de Castro.