O Simposio María Victoria Moreno presentará a finais de novembro novas olladas á autora

Sobre María Victoria Moreno e o seu legado queda aínda moito por dicir. Os vindeiros 27 e 28 de novembro quince voces profundarán na vida e obra da protagonista do Día das Letras Galegas 2018 no simposio que a Real Academia Galega lle dedica a quen é unha figura central da literatura infantil e xuvenil galega, pero non só iso. O encontro pescudará na súa produción literaria e no perfil máis humano, mais tamén na importante acción cultural que empezou a desenvolver pouco despois de chegar a Galicia como docente. O simposio, organizado polas académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, desenvolverase en horario de tarde. A entrada é libre e a inscrición, gratuíta.

A obra literaria da autora centrará a primeira xornada do Simposio María Victoria Moreno. Tras a apertura do foro, ás 16:30 horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Blanca Ana Roig Rechou, experta en literatura infantil e xuvenil, pronunciará a conferencia inaugural, Un lugar de honra na LIX. María Victoria Moreno. Seguiralle o relatorio de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de LIX e amigo persoal da homenaxeada desde que a finais dos anos 80 compartitu con ela a codirección da colección de Galaxia para o público máis novo. O escritor deterase na relación entre María Victoria Moreno e a poesía para a infancia, un xénero que cultivou en títulos como Eu conto, ti cantas ou a historia en verso da cadeliña Alma de E haberá un tirón de orellas?

A primeira xornada continuará cunha mesa redonda e concluirá cun recital. Na primeira, moderada polo académico correspondente Xoán Babarro, afondarán na produción literaria de María Victoria Moreno a escritora, docente e secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas; Isabel Soto, tradutora e coautora, xunto a Xavier Senín, da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro; e o académico de número Andrés Torres Queiruga.

A tarde rematará cun recital conducido polo escritor Xesús Rábade Paredes, exalumno e amigo de María Victoria Moreno, que unirá a súa voz ás do académico Darío Xohán Cabana (un dos poetas escolmados en 1973 pola autora en Os novísimos da poesía galega), Ana María Fernández, Antonio García Teijeiro, Mercedes Queixas e Xoán Babarro.

A xornada do mércores 28 de novembro ofrecerá diversas olladas á biografía e á acción cultural da autora. O primeiro relatorio correrá a cargo doutro amigo persoal, biógrafo e editor da homenaxeada, Xavier Senín. O tradutor coñeceu a autora cando esta participou como profesora de profesores nos primeiros cursos de lingua e cultura galegas para o profesorado, que se empezaron a impartir nos primeiros anos 80 do século pasado, un dos perfís de María Victoria Moreno que xustifica o título da súa intervención, Xenerosidade e compromiso coa cultura galega. Naqueles cursos tamén participou, como alumna, a académica Fina Casalderrey, quen participará deseguido co relatorio titulado A mestra e a pegada do camiño ensinado.

A mesa redonda da segunda xornada será moderada pola académica Marilar Aleixandre e contará coas achegas do editor e mestre Manuel Bragado, a crítica literaria, profesora da USC e biógrafa de María Victoria Moreno Montse Pena e a profesora da UVIGO Isabel Mociño. Manuel Bragado centrarase nos ensaios da autora, Isabel Mociño ofrecerá unha ollada á conciencia cívica adiantada ao seu tempo que sempre amosou e Montse Pena Presas indagará no labor que desenvolveu como autora de libros de texto para achegar a literatura galega á mocidade.

No activismo cultural e cívico de María Victoria Moreno profundará tamén na conferencia de clausura o académico Xesús Alonso Montero, amigo persoal da homenaxeada desde que foron compañeiros de departamento nos anos 60 no daquela Instituto Masculino de Lugo.

O simposio pecharase coa proxección dunha escolma de vídeos que ilustran como se vive hoxe a obra e a figura de María Victoria Moreno nos centros escolares.